Gospodinov e a fascinación polo tempo
César Lorenzo Gil.
Gueorgui Gospodinov é un autor búlgaro de 56 anos considerado o autor máis prestixioso do país e o de maior sona internacional. Empezou a publicar no 1992 e na súa produción hai poesía, ensaio, teatro e, principalmente, relatos e novelas. Dentro de Bulgaria acumula os principais premios e tamén gañou recoñecementos noutros países europeos. A súa obra (traducida ao portugués como Refúgio no Tempo (Relógio D’Água, 2023) e en castelán como Las Tempestálidas (Fulgencio Pimentel, 2023) mereceu o Premio Strega Europeo 2021 e o Booker Prize á mellor obra traducida ao inglés no 2023.
En portugués tamén se pode ler del o libro de poemas O Coelho do Amor (Roma Editora, 2010). En castelán, Impedimenta publicou recentemente Acerca del robo de historias y otros relatos e seguen á venda Física de la tristeza e Novela natural (Fulgencio Pimentel, 2018 e 2020, respectivamente).
Gospodinov é un autor, polo tanto, respectado e admirado polos círculos literarios, pero aínda non conseguiu converterse nun deses (poucos) escritores de calidade relativamente ben coñecidos polo público lector. O que se denomina popularmente un “candidato ao Nobel”. No extraliterario, o búlgaro fai boa parella, xeopoliticamente falando, co romanés Mircea Cartarescu, un escritor co que pouco ten a ver no estilo, pero co que si comparte certas preocupacións temáticas e unha ambición literaria independente das condicións e esixencias do mercado editorial.
A literatura de Gospodinov, entre outros asuntos, mantén unha evidente obsesión pola función do tempo no noso tempo. Explico a tautoloxía: Para o autor, e así o manifesta na súa literatura, escribir hoxe é dialogar co tempo: co pasado e os seus legados: experiencia, lembranzas, nostalxia… Na era do posmodernismo, unha das características principais da literatura é explicar a nosa identidade, individual e colectiva, a través do relato do noso pasado. Esta conclusión é a cerna de Refuxio no tempo, pero aparece tamén en moitos dos seus relatos. A memoria e a desmemoria como metáfora da sociedade actual, nun momento no que parece que determinados ideoloxemas aparentemente superados rexorden ao noso redor: o hixienismo social, o racismo, o clasismo…
O búlgaro sabe como achegarse aos alicerces principais do que lembramos e esquecemos, pero sen solemnidade, cun instinto natural e cotián que converte a súa literatura, como dixo Alberto Manguel, en algo novo, incluso para quen xa leva enriba unhas cantas lecturas. Coido que consegue iso pola súa xenial habilidade para falar do trivial cunha ollada aínda sen adestrar. É quen, no entanto, de manter aceso o impulso mitificador, esa capacidade ao dispor de moi poucos autores de converter en inmortal calquera cousa que nos conta, incluso a máis banal.
Neste sentido, Gospodinov emparenta con Borges, tamén no seu gusto polos personaxes cambiantes, suplantadores, mentiráns e misteriosos. Igual que lle ocorre a Cartarescu, desde o oriente europeo lanzan un cabo que o conecta coa narrativa contemporánea americana: atención ao común, combinación entre rexistros formais e informais, presenza do humor, diálogo subxectivo coa historia recente.
No caso de Gospodinov, o pasado comunista ten un peso específico na súa obra. O recordo daquel réxime oscila entre a sátira, o delirio e a tenrura. Porque, non só neste asunto, senón en moitos outros, o autor non renuncia a falar de si e do seu país, aínda que a súa obra teña unha inequívoca vocación universal. Non só cumpre o vello axioma de “escribir do local para ser universal”, senón que esquiva con pericia a tentación de ser “o búlgaro” das letras globais. A Bulgaria que debuxa aparece íntima, próxima ao lector, incluso o que o descoñece todo desa cultura, que se ve obrigado a entrar nas súas claves sen tópicos nin pistas.
En definitiva, ler a Gospodinov é unha experiencia literaria da que é difícil saír desconsolado. Un deses autores en plenitude e que sería bo que nun futuro próximo puidesen formar parte da biblioteca galega. O seu xeito de escribir e a maneira que ten de entender o noso mundo e o noso tempo ampliarían o marco de referencia dos presentes e futuros autores literarios galegos. Gospodinov é vangarda e sempre compensa lermos literatura moderna cando está ben feita e deixa pegada.
Novela natural ben, pero tampouco é coma para tolear.
Las Tempestálidas si, para volverse tolo de vez.