Guillermo Rodicio: “En ‘O burato do Xerión’ fágolle unha homenaxe á Coruña da maneira máis revirada posible”
Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Guillermo Rodicio
Guillermo Rodicio (León, 1990), estudou Dereito e Filoloxía Galega na Universidade da Coruña, actualmente forma parte do corpo de Letrados da Xunta de Galicia. No eido cultural, é un dos membros fundadores do magazine A que cheira, papá?, onde exerce labores de dinamizador, editor e crítico, e participa tamén nos podcast “Baleiro Perfecto” e “O Tigre do futuro”. No ámbito literario, participou en dous dos torneos de relatos de Biosbardia e ten publicados contos e historias nalgunhas antoloxías, fanzines e revistas.
Para o Torneo Aira de Novelas optou por un proxecto ben sofisticado:
“O burato do Xerión é unha novela sobre unha viaxe interior, no sentido físico máis que metafórico. A idea é facer unha novela de homenaxe á Coruña da maneira máis revirada posible, mesturando realismo cotián con fantasía e maxia, historia real coa que podería ser inventada”.
Tamén nos adianta algo sobre o seu protagonista:
“Para iso seguiremos a Samuel, que ten un ‘proxecto’ sacado dun libro, ou de ter demasiado tempo para pensar, ou de estar pasando en xeral unha mala época. As súas angueiras acabarán por levalo a lugares ocultos da cidade e quizais descubrir que non está nin sequera nunha cidade”.
Rodicio explica un pouco cales son os vimbios literarios da novela:
“Son consciente de que estas liñas iniciais non revelan moito sobre a trama, pero é que non quero contar demasiado e xa hai algunhas pistas no título. Hai buratos e a torre de Hércules ten un papel, si. A miña renitencia a contar demasiado non ten a ver cos spoilers, porque a novela non está baseada nunha trama densísima de misterios a resolver, pero si coa sorpresa. O asombro, o
marabilloso e o terrible si son temas que se queren explorar no burato e, por dicilo así, prefiro anunciar que hai bestiario antes que mostrar imaxes dalgúns dos monstros”.
Para o escritor, a fasquía final da obra ten moito a ver co formato no que vai ser escrita e publicada preliminarmente:
“Non vou mentir, a idea de O burato do Xerión está aínda nunha fase moi preliminar no momento de escribir estas liñas. É unha historia que levaba xa moito tempo remoendo e da que teño pensada a estrutura, algúns puntos de xiro e liñas xerais. Mais sobre todo no referido ao ton, espero que o proceso de escribila neste formato de capítulos vaia desvendando o que máis lle acae. O
xermolo inicial era o do realismo máxico, máis segundo vou facendo bosquexos dos episodios do periplo de Samuel van aparecendo ingredientes de terror, humor, surrealismo, ata o punto de sospeitar que quizais é a vontade de collage e pastiche o que acabe resultando ser o espírito do burato”.