BiosBardia

O país dos libros en galego

Héitor Mera, novo crítico colaborador en Biosbardia

Héitor Mera.

A partir desta semana, Biosbardia publicará habitualmente críticas literarias asinadas por Héitor Mera. Deste xeito, a revista dixital fortalece a súa sección máis seguida, na que xa escriben Eva Moreda, Emma Pedreira, Xesús González Gómez, Lois Z ou César Lorenzo Gil.

Héitor Mera naceu en Cangas no 1977 e é doutor en Filoloxía, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e crítico literario de afianzado prestixio e acreditada experiencia. Profesionalmente, dedícase ao ensino secundario na cidade de Vigo. Foi concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística en Cangas.

É autor dos ensaios Literatura galega no alborexar do século (Morgante, 2010), Unha década de literatura infantil e xuvenil en galego (Morgante, 2010) e Bernardino, mariñeiro do verbo. Vida e obra de Bernardino Graña (Morgante, 2012). Coautor do libro de conversas Conversas con Bernardino Graña, canda Rafael Fernández Lorenzo (Xerais, 2005), do libro Historia didáctica da literatura galega, con Manuel Rodríguez Alonso (Morgante, 2011)  e dos libros colectivos: Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario (Xerais, 2007) e Dicionario fraseolóxico castelán galego e de correspondencias galego castelán. Século 21 (Galaxia, 2007).

Traduciu ao galego os títulos: Manual de Dereito Urbanístico (Concello de Vigo, 2000) —canda Anaír Rodríguez—, Sopa de cola de lagarta, de Marta Gené Camps (Rodeira, 2009), Na procura do tesouro de Kola, de Edna López (Rodeira, 2011).

Asemade, encargouse da edición dos libros: Vinte mil pesos crime, de Bernardino Graña (Xerais, 2005), Cartas de Bernardino Graña (Morgante, 2021) e A torre de Peito Burdelo, de Galo Salinas (Morgante, 2021).

Tamén participou en diferentes niveis na publicación de máis de trinta libros de texto das editoriais Rodeira Edebé e SM.

Desde hai vinte e cinco anos publica crítica literaria. Colaborou en A Nosa Terra, Guía dos Libros Novos, Tempos Novos, La Voz de Galicia… Dirixiu o ‘Cartafol dos Libros’, que editou o xornal dixital Vieiros. Actualmente publica críticas no ‘Faro da Cultura’, de Faro de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *