BiosBardia

O país dos libros en galego

Helena Villar Janeiro: “Para min primeiro foi o oficio, logo a profesión e despois a vocación literaria”

Helena Villar Janeiro. JOSÉ GORÍS.

No quinto episodio da serie ‘Conversas Biosbardia: Os oficios do libro’, a convidada á libraría Cartabón foi a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940). Autora de poesía, narrativa, literatura infantil e xuvenil e tamén ensaio, durante a longa conversa debullou xunta César Lorenzo Gil moitos aspectos da súa vida e da súa obra.

Na conversa tivo moita importancia a infancia. Villar Janeiro contou como os seus pais a quitaron da escola moi nova e como traballou de xastra desde cativa, con paga e todo. Esta é a fase que ela define coma a do oficio, até o punto de que os seus fillos, María do Cebreiro e Abe Rábade, contaban na escola que a súa nai era modista. Mais grazas ao seu esforzo e ao pulo dos seus pais, Villar formouse por libre e estudou na universidade. Posteriormente dedicouse ao ensino, o que ela define como profesión.

A vocación literaria apreceulle, di ela, tras a lectura de Juan Ramón Jiménez, e como ocorreu con outras autoras da súa xeración, pasou dos primeiros escritos en castelán a normalizar o galego como lingua habitual na súa literatura.

Helena Villar Janeiro tivo tempo para contar algúns aspectos da súa relación con Xesús Rábade Paredes, o seu grande amor, compañeiro de vida e tamén de literatura, xa que publicou varios libros canda el.

A entrevista pódese ver no Youtube e oír nas plataformas iVoox e Spotify.

https://open.spotify.com/episode/2AwOFtrDqp8PJHKdMr1tT5?si=11b0d98cd0b5460d

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *