BiosBardia

O país dos libros en galego

Henrique Monteagudo: “Casares non podía disimular a súa brillantez”

Henrique Monteagudo. XOSÉ CASTRO.

César Lorenzo Gil.

Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959) é o autor do libro Carlos Casares, un contador de historias, publicación central da homenaxe que Galaxia lle ofrece ao autor que homenaxeamos no 2017 polo Día das Letras. O profesor e académico non só foi compañeiro do limiao no proxecto editorial senón que compartiu con el amizade e aprendizaxe. Nesta entrevista falamos da vida e da obra dunha das figuras fundamentais da Galicia autonómica.

Unha vez rematado este traballo biográfico, que coida vostede que perdurará do legado de Carlos Casares, a súa obra literaria ou o seu labor como construtor de institucións e identidade cultural en Galicia e en galego?

Coido que dou resposta a esa pregunta no propio título do libro: Carlos Casares, un contador de historias. Sen lugar a dúbidas, o seu principal legado é o traballo literario que nos deixou aínda que é moi destacable tamén o seu labor noutros ámbitos: como editor, como parlamentario, como membro da Academia, como presidente de Galaxia ou do Consello da Cultura…

Logo de ler o libro, decatámonos da importancia que tivo Ramón Piñeiro na construción da maneira de ver o mundo de Casares. Formaron a parella ideal de mestre-discípulo?

Casares deixou dito que o feito máis importante da súa chegada a Santiago para estudar foi ter coñecido a Piñeiro, máis ca a universidade. Era a tradición do galeguismo de antes da guerra, o coñecemento profundo da actualidade do antifranquismo, unha visión global do mundo. A comuñón foi completo en moitos ámbitos pero tamén tiveron as súas discrepancias políticas. Piñeiro era nacionalista e Casares, non; era federalista. Casares xa na década do 1960 mantén diferenzas con el e con Galaxia por considerar que tiñan unha posición política paralizada. Queixábase da inhibición en moitos temas e o predominio absoluto do labor cultural naquel tempo. Logo na década do 1980 foron xuntos parlamentarios e coido que a morte de Piñeiro no 1990 deixou a Casares desorientado politicamente. De feito, desde ese momento deixa de participar en política porque coido que el non tiña claro que facer sen o consello do que fora o seu mestre.

É importante sinalar, para evitar confusións e atribucións erradas, que non foi o mesmo o piñeirismo da década do 1960, do 70 e do 80. Cando Casares coñece a Piñeiro, o mestre considera necesario crear partidos galegos propios e así vai apostar polo PSG e pola candidatura galeguista unitaria para o Senado, na que participa todo o galeguismo mais da que se exclúe o que daquela era o BN-PG. É logo de que esta proposta electoral fracase por completo nas eleccións do 1977 que Piñeiro busca unha estratexia para que o galeguismo e, sobre todo, o proxecto de conseguir o autogoberno, non quede esfarelado. Hai que lembrar que naquel momento o nacionalismo que orbitaba en torno ao Bloque se consideraba antigaleguista e se opuña ao Estatuto e que aínda non estaba por ver o percorrido da Esquerda Galega de Camilo Nogueira. É nese momento cando Casares e Piñeiro optan por integrarse como independentes no PSdeG.

E tamén quero recalcar que esa parálise do piñeirismo en pleno franquismo, que insisto, era tamén criticada por Casares, tiña unha lóxica interna: Piñeiro non quería que a xente nova se implicase en política dun xeito que lle provocase sufrimento, represión e cadea. El sabía do que falaba.

Casares mantivo unha ideoloxía, especialmente no tempo do franquismo, minoritaria: socialdemócrata no tempo das doutrinas revolucionarias. No libro vostede atribúe gran parte dese acomodo político á súa experiencia sueca, a través da súa muller, Kristina Berg. Como puido influír tamén o ambiente da Limia e de Ourense no que se criou, con algún médico e moitos curas “liberais” todos na familia?

A ideoloxía de Casares era a dun cristián. El era un cristián, que era o normal no seu tempo. E viviu ese proceso do catolicismo español da Igrexa social, dun progresismo amparado nas reformas do Concilio Vaticano II. É certo que vive con atención a revolución cubana, moi de perto xa que tiña un medio parente, Enrique Pérez Serantes, que era arcebispo de Santiago de Cuba no tempo de Fulgencio Batista e que apoiou tacitamente a revolución castrista. Mais na década do 1960 coñece a experiencia sueca e é aí onde entende que hai unha vía, pacífica e democrática, de introducir o socialismo. Ao contrario da maioría da mocidade que interveu en política naquela época, Casares nunca foi marxista. Si é certo que militou moi brevemente na UPG pero nunca no Partido Comunista e si, en cambio na Asociación Democrática de Estudantes, da que xurdirá a sección compostelá do Frente de Liberación Popular, o coñecido comunmente como FELIPE. Casares chegou á socialdemocracia a través dese cristianismo progresista.

Vostede afirma no libro que foi a súa inimizade con Carvalho Calero a que impediu que se convertese en profesor universitario.

No momento no que Galicia consegue a autonomía había necesidade de persoas de valía para determinados postos, entre eles os de profesores universitarios de lingua e literatura galega. Para un cometido tal non había tanto onde escoller e a figura de Casares era, xa na altura, moi importante e loxicamente era un candidato idóneo. E si é certo que bateu de fociños con Carvalho Calero, que era unha persoa cun carácter conservador, xerárquico, formal… que non empataba co de Casares, que preferiu deixar a tese sobre a Xeración Nós sen rematar. Tampouco se levou mellor con Constantino García, por certo, co que xa mantiña diferenzas des que fora alumno del e lle deixara suspensa a derradeira materia da carreira. Casares era conciliador e dialogante pero non podía disimular a súa brillantez intelectual, o seu encanto e a súa vasta cultura.

Que obra literaria coida vostede a máis importante da súa bibliografía?

Eu non son crítico literario e podo dar unha opinión persoal unicamente. É curioso porque ao contrario do que ocorre con outros autores, é moi difícil atopar unanimidade nesta cuestión. Cadaquén ten o seu libro casariano favorito. Eu quedo co Deus sentado nun sillón azul. Hei dicir que parte da obra del, loxicamente, tíñaa lida de hai moitos anos e cando a fun reler para este traballo, encontreille novo interese, especialmente ás tres obras primeiras: Xoguetes para un tempo prohibido, Cambio en tres e, sobre todo, Vento ferido.

Na biografía, conta vostede que os amigos de Casares sempre lle estaban a reclamar que escribise máis rápido e que el sempre dicía que tiña máis cousas que facer, que non lle interesaba o rol de escritor.

Era unha coquetería de Casares. Sempre dicía que prefería andar en moto ou papar a mosca ca escribir. En realidade, se atendemos á súa produción, foi un traballador inesgotable. Só a tarefa diaria da columna na Voz explica moi ben o falso desa imaxe de nugallán. El dicía que non é o mesmo ser médico que vestir bata branca, en alusión aos escritores que non se implicaban nos seus textos senón que querían aparentar o oficio de literatos.

Pensa vostede que esa relación cos textos cambiaría se tivese máis lecer e non tantas obrigas en tantos campos distintos?

Posiblemente. Non sei se escribiría máis literatura pero estou convencido de que lle gustaría ter feito máis traballos de erudición e de ensaio. Un pouco na liña do seu libro Hemingway en Galicia. Atraíao moito estudar e reflexionar sobre figuras claves da cultura universal.

Casares foi figura fundamental na editorial Galaxia. El foi o impulsor da profesionalización da institución e da súa actualización ao tempo da autonomía. Como valora ese traballo?

Con certeza, Casares imprimiu as súas ideas e mantivo un proxecto editorial coherente ao longo dos anos. O problema é que cando el chega a Galaxia, xa moitas cousas pasaran e a determinados feitos, Galaxia chegou inevitablemente tarde. Coa chegada da autonomía e a xeneralización do ensino da lingua galega, o sector editorial autóctono viviu unha revolución. Necesitábanse libros de texto, unidades didácticas, unha manchea de recursos para ocupar ese novo espazo educativo e ir formando un mercado. E nese proceso, Galaxia estivo ausente.

Un dos motivos foi político. Galaxia quedou, tras a colaboración de Piñeiro e o propio Casares co PSdeG nunha posición incómoda para moitos nacionalistas, especialmente os vinculados a Esquerda Galega, que viron en Edicións Xerais de Galicia unha opción máis axeitada ao seu modelo institucional. E Xerais consolidouse grazas a iso. Creou equipos robustos na confección de libro escolar e para cando Casares chega a Galaxia no 1986, xa pouco podía facer. Esa batalla xa a perdera. Con todo, el logrou manter a rendibilidade social da empresa, que como é sabido non busca beneficios xa que é unha fundación. Intentou algunhas cousas que saíron mal, como a publicación da lírica medieval, promoveu coleccións de moito interese, como a serie das guías ou a dos libros de viaxeiros clásicos a Galicia. Traballou moi ben as coleccións infantís e mantivo o catálogo de clásicos modernos das nosas letras.

Pensa que de poder ver hoxe como está Galaxia 15 anos despois da súa morte, estaría satisfeito?

Penso que si. De feito, durante este tempo, a editorial seguiu a manter a senda que el deixou marcada. E estaría contente de ver que Galaxia deu superado tres crises brutais que se solaparon: a económica mundial, a do mercado do libro e a da lingua galega. A pesar de todo, a editorial segue a navegar.

 

One thought on “Henrique Monteagudo: “Casares non podía disimular a súa brillantez”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *