Historia para principiantes. A revelación do documental sobre os suevos
César Lorenzo Gil.
Durante dúas semanas, a TVG2 ofreceu, ao bordo da medianoite, un documental sobre o reino suevo de Gallaecia. O traballo, dirixido por Simón Casal de Miguel e producido por Iago Veloso para La Región, percorre durante dúas horas a pegada sueva na nosa historia. Este proxecto audiovisual hai que encaixalo no contexto da grande exposición sobre a época sueva que a Deputación Provincial de Ourense realizou na capital das Burgas co nome de ‘In Tempora Sueborum’ (No tempo dos suevos) durante o 2018.
O documental, de impecable factura, consiste principalmente no acopio de opinións de estudosos da Galicia medieval e tardoantiga, principalmente historiadores, aínda que tamén hai voces da antropoloxía física e algunha outra área académica. Todo ligado pola voz do narrador Fernando Tato baixo imaxes de recurso, discretas, oscilando entre a paisaxe, algún resto medieval e acceso a obxectos catalogados como suevos.
Non hai lugar para a recreación nin para o docudrama. Incluso a infografía é austera, o que transmite a idea dun traballo económico, propio dun país en crise ou dun país que se achega ao seu pasado pola porta pequena, na G2, case de madrugada nun día de entre semana.
E malia iso, o documental espertou interese entre a xente preocupada pola historia. Como ben dicía o profesor Manuel Gago nun artigo en Táboa Redonda, gran parte da rede social galeguista atendeu este programa televisivo como un feito noticioso. Como é posible isto?
A primeira razón hai que buscala na seca de contidos sobre historia dos medios públicos galegos. Son escasos os produtos que pescudan no noso pasado desde calquera enfoque. Na divulgación histórica, após o fundamental Historias de Galicia, que se emitiu nun bo horario e tamén espertara merecidas expectativas, os outros programas do xeito deste pasaron á cara B, marxinal, da G2, en horarios non competitivos.
Mais tampouco o esforzo foi maior na ficción. Na Era Feixoo as series de corte histórico usan simplemente a localización temporal como un fondo aséptico, ás veces anacrónico, algo así como unha escusa para vestir os actores de época, dá igual que sexa na década do 1960 ou nalgún momento indeterminado do século XIX ou XVIII. Só Hospital Real parecía querer crear contidos realmente de narrativa histórica mais nin o guión nin a audiencia permitiron que frutificase.
Esta sede por contidos históricos pode explicar o interese polo documental sobre os suevos. A outra razón é que é practicamente imposible en Galicia acceder a contidos divulgativos que non comunguen coa historia oficial españolista. Como ben explican algúns historiadores durante o programa, o reino suevo foi negado a conciencia polo deseño historiográfico madrileño porque pon en cuestión a idea teleolóxica de que a España actual é resultado dunha unión remota, unha unión case natural, simbolizada na Alta Idade Media polo reino visigodo. Se queremos explicar que España é eterna, o feito de que o primeiro reino europeo no contexto de descomposición do Imperio Romano sexa o da Gallaecia e que este estea formado polos bárbaros suevos, rompe o esquema.
Asemade, esa mesma historia oficial xa non só nega que os invasores suevos poidan ser estudados e moito menos reivindicados senón que a propia historia do reino de Galicia pon en cuestión moitos dos seus postulados. No plano da historia política, o feito diferencial galaico que deseña o reino suevo e que ha ter o seu posterior florecemento cando remate o dominio visigodo sobre a península Ibérica e se forme novamente un reino galaico con capitais reais en Oviedo, máis tarde León, e relixiosas en Braga e en Santiago. No plano da historia relixiosa, o priscilianismo como escola cristiá sofisticada e con vínculo territorial e social, tamén racha a idea da España católica ortodoxa.
Todos estes elementos están recollidos no documental, dunha maneira moi didáctica, moi para principiantes. Os creadores do programa intelixentemente saben que o primeiro paso para espertar o sentido crítico en Galicia ten que ser contar o evidente, o que explican as fontes e os restos arqueolóxicos. Tan consciente é Casal de Miguel deste labor que emprega o epílogo do espazo televisivo para reflexionar sobre aspectos que normalmente non se tratan nun produto destas características: para que serve a historia?, que valor ten o coñecemento das humanidades no noso momento actual?, é a historia unha ferramenta que o poder utiliza para manipular o presente revisitando o pasado? Estas cuestións e outras forman parte da mensaxe en segundo plano do documental, nun exercicio autoconsciente das súas propias limitacións.
Porque o propio equipo de O reino suevo de Galicia está a dicirnos o tempo todo que o que cumpriría sería unha longa serie que tratase de maneira pormenorizada o período de superación da romanización e construción do poder medieval desde moitos puntos de vista. Ao tempo que é tamén unha invitación ás universidades galegas para que fortalezan os seus departamentos de investigación sobre a pegada sueva e poñan luz xa non só sobre o denominado período escuro do reino (o século VI) senón sobre os mitos e mentiras que foron chegando até a nosa época.
O documental está accesible aquí.