BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Hostal Norte’. De todo menos medo

hostalnorteUn rapaz marcha da casa familiar con cinco euros no peto. Por el seica espera un amigo que quedou en darlle traballo nun armacén. Para vivir, un hostal acabado nunha zona acabada da cidade. Dentro, uns personaxes misteriosos, estraños, detrás de cada porta. O protagonista non atopa o amigo, non ten traballo mais aí segue cos seus cinco euros, adentrándose nas profundidades dun hostal mentres se lle embarra o sentido e xa nin se sabe onde empeza a realidade de sabas sucias e o pesadelo de noites infindas de fame (supoñemos porque en toda a novela o coitado do Brais, que así se chama o protagonista, papa un donut e bebe un café nun almorzo; un prato escaso de sopa no xantar e un chocolate bebido na merenda). Ao final, xiro inesperado (?) da trama e resposta lóxica a que este mozo poida manterse con tan pouco e tan barato.

Hostal Norte preséntase desde as cubertas como unha novela de terror. O autor, Xosé Duncan, explota os tópicos do xénero: a porcaría e o abandono como atmosferas do medo; os personaxes marxinais; os extremos aterradores, tanto os vellos coma os nenos; a presenza de fauna urbana: ratos, gatos, insectos… Mais o ambiente non dá medo. Para os lectores é coma entrarmos nun parque temático, nun decorado con todos os elementos, tantos que parece imposible que nada nos sorprenda, especialmente porque estamos esperando a que dalgún lado insólito saia iso, ese algo que nos estarreza.

Ese é o primeiro grande erro do libro: predispoñer o lector para que obteña un determinado sentimento. Se prometes medo ou risa ou unha erección, tes que poñer o texto ao servizo desa pulsión. É unha tarefa das máis difíciles. Provocar nos demais, só a base de palabras, esa suxestión, é unha tarefa quizais un tanto inaccesible desde a ficción.

Ao atoarse o texto nesa busca infrutuosa, todos os trucos que Duncan coloca no libro parecen trapos vellos pendurados dun arame. A confusión entre soño e realidade, a deformación do que se percibe por mor dun trauma, as imaxes oníricas como ponte ao terrible… todo aparece sen forza. A historia só mantén en pé un obvio fío: ese capítulo final no que o autor prenderá a luz do cuarto e todos veremos que pasa en realidade.

No caso de Hostal Norte nin sequera esa revelación final está ben traballada. O autor deu por suposto que os lectores estaban na súa cabeza e deu poucos datos para encaixar todas as pezas. Podemos intuír o que pasou pero o interesante deste tipo de apocalipses (revelacións) é que se dean todos os detalles, que cada imaxe, metáfora ou símbolo que se deitaron no libro teñan unha referencia cotiá.

A gran baza da serie B (ou serie Z) é estimular a imaxinación, sometela a unha tensión a base de situacións nas que a forza dos parágrafos están nos verbos, na acción, no choque entre as miradas do autor e a necesidade de avantar a toda velocidade do lector. Mais Duncan non nos mete “caña”; en vez de traer o lector coa lingua fóra opta pola vía doada do cualificativo: “os seus dentes longos e afiados”; “relucente empuñadura da navalla”; “cravou as unllas naquela chaira nívea e turrou, turrou dela até arrancar a fermosa capa que a cubría”.

Xosé Duncan é un dos escritores galegos especializados en xéneros populares. Proxectos coma Urco ou Contos Estraños facilitaranlle o acceso á publicación e aos lectores. Falta por ver canta ambición ten por converterse nunha referencia e non só nun “normalizador” da literatura fantástica contemporánea en galego.

♦ Hostal Norte, de Xosé Duncan, Urco, 2015. 137 páxinas.♠12€

César Lorenzo Gil.

2 thoughts on “‘Hostal Norte’. De todo menos medo

  1. Como ben dis, chegar a provocar medo (e máis aínda se queremos que sexa o que podemos dar en chamar “medo puro”) é moi complicado facendo uso únicamente das palabras e moitas veces fago a comparación do terror co humor, onde o que é realmente dificil é facer rir. Penso que aí reside a gran vantaxe que teñen os filmes xa que contan coas imaxes, as perspectivas de cámara e, sobre todo, coa música de fondo para levar ao espectador a ese estado de tensión e pánico dun xeito case instantáneo. En todo caso, e na miña opinión, Hostal Norte pretende causar máis un desasosego constante no lector que unha secuencia de sustos ou unha serie controlada de sobresaltos. Ben é certo que tamén tentei evitar dar demasiada caña para non caer no “gore” fácil (malia que considero que algunha escena algo forte si que hai 😉 ) e procurei facelo da maneira máis “elegante” posible. Tamén levas razón sobre a parca explicación do final porén, unha máis vez, optei por deixar que o lector fixese un esforzo de memoria e arriscarme a que non quedase claro dabondo antes de excederme en aclaracións que puidesen adoecer de redundantes ou banais. Como digo nas presentacións (non sei se acertadamente ou non), penso que é unha novela que require dunha segunda lectura para espremela ao máximo (aquí xa dependemos de se o lector considera que paga a pena). De tódolos xeitos, grazas por adicarlle parte do teu tempo á súa lectura e por pasar o traballo de facer a crítica. Espero que gustes máis das miñas vindeiras escritas. Unha aperta.

    1. Graciñas por seguir a revista e por comentar. Unha crítica sempre é unha opinión e por suposto depende da propia ollada sobre o texto, polo que se poden dar diferentes lecturas e todas válidas. Este teu comentario, por exemplo, enriquece a crítica e dálles máis elementos de análise aos interesados en ler ‘Hostal Norte’. Por suposto que estarei atento aos teus novos libros. Aperta de volta. César.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *