Hoxe non

Talvez mañá (11)
Anxo Otero.
Aínda é cedo para facer a cea. Segundo o plan da semana hoxe toca tortilla de espinacas, pero apetéceme facer pancakes. Gústanlle a todo o mundo e de cando en vez agradezo unha cea sen ter que berrar cos nenos para que coman o mínimo. Reúno os ingredientes e utensilios ao lado da cociña para cando sexa a hora. Deixo estar os nenos diante da pantalla? Así podo poñerme a ler un pouco. Poucas veces dou cunha novela tan agradable como a que teño empezada. Mais tamén é verdade que dentro de nada vai ser imposible xogar na rúa. Aparéceme aquela cita supostamente tirada dun libro de Harry Potter que vin enmarcada na aula do profesor de Química. Dicía algo así como que en certos momentos había que elixir entre fácil ou o correcto. O fácil sería sentar no sofá e pasar páxinas sen présa mentres os nenos saltan dun vídeo a outro. Ala, todo o mundo para fóra.
«Ola. Que bicicletas máis boas, rapaces. Podedes mirar, pero non toquedes! Estas pezas son moi delicadas. É, tes razón; un Hirobo 808, para ser específico. Fabricado no Xapón. Xa non se fan helicópteros así. Nin os nenos xogades con eles. Eu si. Pero outro día perdín o control e aterrei mal e agora quero desmontalo e limpar ben as pezas. Non as movades, por favor. É un xoguete, pero custa moito diñeiro. Gústame o teu casco. Parece á cabeza dun alamosauro. Ten luces? Si señor. Vós vivides alí na primeira casa, non é? Benvidos! Este é moi bo sitio para vivir. Chámome Jim. Encantado. Son dos poucos originals que quedan. Nesta rúa, de feito, quedamos só eu e os Falabellas, que viven en fronte vosa. Agora isto é máis de xubilados e empty-nesters. Cando compramos aquí eran todo familias novas. Este fondo enchíase de rapaces. Oes, non lles fagas caso aos da asociación de propietarios. Os nenos poden xogar tranquilos na rúa; sobre todo nesta parte. Vinde para aquí cando queirades. Os rosmóns eses están obsesionados con evitar denuncias. Que non te asoballen. Eu xa choquei con eles unha chea de veces. Se vos chega algunha carta deles sobre calquera cousa, fala comigo. A esa xente hai que falarlle na única lingua que entenden, you know!».
Pena de tempo que podía estar a ler as aventuras de Amy. Sobre todo agora que xa lle coñezo a voz e a cadencia. Navego con confianza polas pasaxes escritas con esa súa perspectiva falsamente obxectiva. Préstolles especial atención aos poucos adxectivos que emprega. Logo, esas listas que Amy escribe para ela mesma serven como estoupidos corrosivos para que os lectores non nos acomodemos na súa suave prosa. A autora domina a técnica. Pero o que máis me gusta é a sensación de que me abre constantemente esas portas para Authorised personnel only. Nunca pensara na cor do cabelo como marca de identidade, por exemplo. Con este coñecemento, escenas da miña propia vida empezan a cobrar sentidos novos. A idade, a roupa, a maquillaxe, o vehículo co que se move. Todo serve para que as persoas coas que se cruza lle atribúan características intelectuais e afectivas que ela desfruta explotando ao seu favor. Teño moita curiosidade polas novas proxeccións do seu carácter que poidan aparecer. Pero hoxe xa non. Antes de deitarme vou estar demasiado cansado para dedicarlle ao libro a atención que merece. Como moito hei pasar páxinas dunha New Yorker vella que levei da consulta do pediatra así coma quen.
«Pois moi ben. Encantado de coñecervos. Vou ir para dentro que teño ximnasio hoxe. Ti vas a algún? O meu quédame algo lonxe, en Clint’s Neck. Pequeno, pero paga a pena. Moi barato e ben organizado. Sempre están renovando as máquinas. Eu empecei a ir polos fillos. A miña ex apuntounos alí a karate porque a ela lle quedaba cerca. A min non tanto, pero sempre os levaba puntualmente cando me tocaba. A esta idade teñen que probar con varios deportes. Eu tamén tiña que probar. De máis novo dábanseme ben os libros e ninguén me animou. Nese ximnasio empecei a apreciar o exercicio. Deixaba os rapaces na súa actividade e eu metíame na sala de fitness, poñía Pearl Jam no walkman e en poucos minutos xa estaba a suar como un animal. O fillos alá vai que medraron (o máis vello traballa nas ambulancias, xa o verías por aquí, un mangallón cos brazos tatuados) pero eu xa non me dei de baixa. Probei de todo. Pilates, zumba, kickboxing, hip hop. Agora gústanme as clases de spinning. Moitas veces son único home. Tanto che me ten. Pásoo moi ben. Se queres, douche uns pases para que probes gratis un par de semanas. Máis que a vitoria, o que importa é a vontade de prepararse para alcanzala, you know».
Teño que comprar sacos de papel no supermercado. A quen se lle conte. Para que che leven as follas e os ramallos hai que metelos en sacos de papel. Supoño que é mellor que facer un monte e prenderlle lume. Pero xa me amola ter que gastar diñeiro así. O sábado empezo a recoller, non vaia ser que me veñan á chepa os da asociación. Ou o meu sogro. Igual atopa aí a escusa para regalarme unha máquina desas de mover follas. A ver onde gardo eu un armatoste deses. No garaxe non me cabe nada máis. Xa nunca aspirei a deixar o Subaru dentro. Nin o día da mudanza. Niso seguimos o costume do lugar. Todas as casas desta rúa menos unha teñen polo menos un vehículo na entrada. Hai unha con tres SUV. En realidade os garaxes cumpren a función de faiado a ras de chan e de acceso principal á vivenda. En moi poucos gardan automóbiles. Na maioría deles podes ver contedores do lixo, bicicletas, sacos de sal, terra, cemento, ferramentas para podar, patinetes, cal, un carro para bebés, material de acampar, unha bombona de propano, caixas de roupa para doar, cadeiras pregábeis, un brazo telescópico para cambiar lámpadas, unha piscina plástica para nenos.
«Que ben xogan xuntos os teus rapaces. Nótaselles que lles gustan os xoguetes con rodas. Xa os levaches a Landsweiler’s Farm? Aos meus fillos encantáballes o paseo en tractor que dan para chegar ás maceiras. Xa non é tempo de mazás, pero tes que levalos o ano que vén. Nós pasabamos horas a percorrer alí as fileiras de árbores en busca das máis cumpridas. Non se cansaban de subir á escada. Enchían cadanseu saco e volvían á casa todos contentos. Despois tiña que comelas todas eu, pero tanto ten. Vou todos os anos. Cando os meus medraron, ía con sobriños ou fillos dalgunha moza miña. Landweiler’s Farm para min é un santuario. Igual que Carmichael Bros. Os únicos carniceiros de verdade que quedan nesta parte do condado. Non os coñeces? E onde compras costela? Eu como pouca carne, tamén. Cada vez menos. Por iso non me importa gastar trescentos dólares cada vez que vou. Carne así non a atopas xa en ningures. Aínda que sexa supostamente orgánica, a que venden nos supermercados non ten nada que ver co que teñen os Carmichael. Cómpranche todo en granxas pequenas de por aquí. As poucas que quedan que non se converteron en agroparques temáticos. Supoño que non te decatas de que isto era todo prados hai trinta anos. Rúas como esta na que vivimos construíronse sobre terras de labranza. Aos labregos expulsámolos pouco a pouco. Tamén é verdade que foron eles ou os herdeiros os que renunciaron. Creron en todo canto lles contaron Nixon, Reagan e G. W. Bush. Pero esa tamén é outra historia, you know!».
Nada. Hei facer pasta. Nin para tortillas nin para pancakes me vai dar a virada. Talvez mañá. Ou a semana que vén. E así sigo lembrando a primeira vez que probei pancakes aquela noite tan improbable. Aquel día, obviamente, non quería saír. Tiña un capítulo de Friends fresco na computadora. Chovía. CJ, o novo do traballo, tivo que convencerme para ir a un concerto cun grupo de amigos que o viñeran ver desde o estado onde se criou. O rapaz parecía animadísimo pola posibilidade de que os acompañara. Talvez me admirara un pouco, pobre home. Insistiu con tanta ilusión que non me atrevín a dicir que non. Entre o grupo de xente que me presentou axiña destacou unha rapaza que aprendeu o meu nome sen preguntar polo medio como se pronuncia. Non só iso. Tamén atopou graciosísimos todos os meus comentarios. Pediu para os dous unhas cervexas que servían cun anaco de laranxa espichado nun vaso plástico. Invitoume. Inviteina. Invitoume. Inviteina. Bailamos, choutamos. Pasoume as mans polas costas. Chantoume un bico na boca. Choutamos máis. Atopamos un recuncho debaixo dunha escaleira. Volvemos ao concerto. Choutamos máis. Saíra da casa coa intención de regresar o antes posible. Estaba disposto a marchar antes de rematar a música. Pero nese contexto pareceume ben ir con toda a recua a un restaurante deses que non pecha nunca. Despois de esperar un anaco a que nos desen mesa, pasei as follas plastificadas dun menú infinito como se nese momento o iris non perdese elasticidade ningunha. Cando chegou a hora de pedir, dixen que quería o mesmo ca ela. Pancakes. Con chocolate, si. Con sausage patties, tamén. Chegaron nuns pratos inmensos. Antes de empezar observei como os demais estendían a manteiga e vertían o xarope. Probei un cacho. E outro, e cada novo bocado pareceume mellor ca o anterior. Ata mellorou despois de probar os patties. Investimos entre cinco e trinta minutos en facer contas e xuntar os billetes para pagar. De aí, fomos ao apartamento de CJ. Ela invitoume a compartir un futón que puxeran pegado a un estante de bicicletas. No chan da sala-oficina-comedor-ximnasio durmiron cinco ou seis persoas máis. Unha delas, o meu compañeiro de traballo, que cedera o cuarto a outros do grupo que eran parella. Foi el o que me espertou pola mañá. No traballo, foi un día calquera. Nin bo nin malo. Non me quedou recordo ningún. A ela non a volvín ver. Iniciei e mantiven puntualmente unha comunicación por mensaxes de texto e email. Mandeille por correo un CD con música pirateada que seleccionei con atención. Abrín unha conta en Myspace. Aprendín a facer pancakes. Xa non teño que repasar a receita cando os fago. Tampouco non hai que ser chef para que queden ben. Os nenos cómenos contentos. Ás veces incluso experimento e boto fariña milla. Tamén mazás no outono e arandos no verán. Pero hoxe non. Toca capitular. Imos comer pasta amañada con manteiga e parmesano raiado para que ceen rápido.
«Teño que deixar o traballo. Vou empezar a converterme en consultor ou buscar máis clases na universidade. Disto último non teño gana porque queda a hora e media de aquí. Pero igual non me queda outra. Onde estou traballan igual que hai corenta anos. Obsesionados con cifras absolutas. O seu verbo favorito: executar. O meu pai traballaba así. Luterano como era, empezou a traballar o día despois de rematar a secundaria. Non lle fixo falta ir á universidade para abrir a súa empresa e prosperar. Sabía armar o que eu chamo maquinarias humanas de control e presión. Ganou máis do que eu nunca ganarei. A súa empresa deulle traballo a xente que estudou en Dartmouth e Princenton, non penses. O chiste-mantra favorito do meu pai: que é un camelo? Un cabalo deseñado por un comité! Ben por el. Haber, hai moito charlatán polo mundo adiante. E a meirande parte da cultura empresarial de Apple, Google ou Facebook que espallan os medios son parvadas sen proveito. Pero a forma de xestionar unha organización ten que ser diferente a como era nos anos sesenta. Só con informes trimestrais e empregados que apandan con xornadas de doce horas non vas para adiante. Teño que buscar outra cousa. Claro que non teño présa. Non me poden botar. Non hai outro que faga o que sei facer eu. E tamén teño o meu equipiño no que confío. Establecemos os nosos propios obxectivos. Todas as semanas reservamos un par de horas a actividades de equipo nas que está prohibido falar do traballo. Tamén nos comprometemos a dedicar seis horas semanais á formación dentro do horario laboral. Non está mal, pero teño que buscar outra cousa. Antes de que me boten. Intentei cambiar as cousas, pero ninguén me fixo caso. Hai pánico ao cambio. Maquiavelo segue moi vixente, you know».
Non pode ser. Debo levar xa media hora aquí. Xa me chegou. Vou empezar con el o correo electrónico que lle debo a Carmen. Vaille gustar, seguro. Que máis lle conto? Que lin dunha novela de Saramago? Como non me gustou nada ao principio e a terminei desfrutando? Probablemente aínda mellor que aqueloutra novela del que lemos o ano que nos coñecemos. Que máis? O do peto! O cabrón do peto que atacou o acevo. Apareceu unha mañá todo tranquilo. Perfectamente visible desde a ventá da cociña. Peteirou sen medo ningún mentres eu lle daba un berro e petaba no vidro. Tiven que deixar de fregar os cacharros e saír. En poucos segundos apareceron uns furados aliñados coa simetría perfecta da que son capaces os seres máis revirados. Demo de peto. Tivéralles simpatía pola serie que poñían na Televisión Española. Moi enganado estaba. Non sabía que no mundo real eu me convertería no malo desas ficcións. O último lugar no que vivimos antes da hipoteca era un apartamento para traballadores dunha antiga casa de labranza. Había décadas que non había animais nin se botaba millo alí, pero mantiveran no seu curruncho o garaxe de catro portais coa súa vivenda no andar superior. O día da mudanza o dono avisounos do peto que estaba a facer estragos. Buscaba comida detrás das telliñas de madeira que revestían as paredes. Alí onde o paxaro máis se concentrara semellaba que un avión de guerra descargara unha metralladora. Sentímolo a primeira mañá. Ben cedo tamén. Imposible pensar que non teñan mala fe. A fame éntralles sobre todo os sábados e os domingos. E tamén nos momentos de tranquilidade, como cando acabas de abrir unha cervexa ou unha novela. A xenreira agroma devagar, pero con firmeza. Ante a espiral de razoamentos paranoicos que segue, só restan o delirio ou a fuxida. Recoñezo con vergoña que me incentivou a aforrar e marchar do seu territorio. E agora non quero volver empezar. Oxalá non atope comida no aceviño.





