BiosBardia

O país dos libros en galego

‘I’m Obelix’, corrección literaria, desorientación temática

Raquel Fernández Fernández.

Héitor Mera.

Raquel Fernández Fernández vén de gañar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2024, organizado por Xerais. Véndomos a contraportada do libro observamos que un dos elementos aos que lle vai prestar atención a autora é á realidade do TDAH (trastorno do déficit de atención) tan presente , sobre todo, no mundo escolar hoxe en día. Para facelo sérvese da historia dun rapaz que pouco e pouco vai aprendendo a convivir coas súas características propias derivadas deste trastorno.

Así, a relación cos compañeiros de clase, a vivencia dos pais arredor desta situación, a falta de con(s)ciencia do profesorado perante alumnado como o noso protagonista… Raquel Fernández vainos contando en breves capítulos un desenvolvemento argumental no que as consecuencias de ser un rapaz “diferente” —vistos os datos que se manexan, non tanto…— lévano a sufrir a incomprensión dun profesor e o acoso escolar dunha serie de compañeiros. Non imos ir máis alá para non destripar a novela.

Desde o punto de vista formal non hai moito que obxectarlle a Fernández. Escribe cun estilo sinxelo, sen achados lexicográficos de ningunha clase e cunha vontade de estilo que non vai máis alá de deixar clara, coma quen conta un conto, a mensaxe que desexa proxectar.

Sabemos que cando se fala de literatura infantil e xuvenil, con máis énfase que outros méritos como poida ser a calidade literaria, moitos autores e autoras pretenden ser didácticos e contribuír á educación e concienciación da xuventude. Hai temas abondo: relación tóxicas, trastornos alimenticios… A literatura prescrita nos institutos ao servizo da educación en valores do alumnado. Non imos obxectar nada neste sentido —contra o discurso e a forma en que se desenvolva, si—, mais si imos facer algunha apreciación a respecto dos perigos que leva consigo. Cando se quere ser tan didáctico, por non dicir, en moitos casos, doutrinario, cáese, en xeral, en moitas ocasións no esquematismo, no simplismo, para tratar temas da vida da mocidade bastante máis complexos do que o autor nos indica. O espectro de erro vai dende a torpeza ata a irresponsabilidade. Por que dicimos isto? Na boa intención destes autores pode perderse de vista o contexto e a multitude de causalidades.

A historia de I´m Obelix desde o punto de vista literario sérvenos. É unha posibilidade que se pode dar e, ao final, é literatura. O problema é que a intencionalidade didáctica, o compromiso para dar a coñecer unha realidade é moi evidente no momento en que mesmo, moi típico deste tipo de literatura, se nos dá no epílogo una manchea de datos estatísticos que pretenden concienciar o lector.

Ben, teño que dicir ao respecto que, de entrada, nesta novela estase vencellando o TDAH co acoso escolar. Coidado! Vitimízanse estes rapaces dunha maneira esaxerada e infundada. Acaso un rapaz con TDAH non pode ser acosador…? Sen falar da normalidade máis evidente que é a vida absolutamente integrada destes rapaces nas aulas… Observamos que, tanto lendo a novela como lendo os datos que se dan no epílogo, esta obra máis que falar do TDAH, fala de acoso escolar —realidade á que a autora se refire insistentemente como bullying—. Non fala nada doutras cuestións importantes relacionadas co TDAH como poden ser o sobrediagnóstico ou a prescrición de anfetaminas para “tranquilizar” a rapazada. Raquel Fernández reduce unha cuestión moi complexa, con moitas variantes dependendo de cada caso, ao que a ela lle parece que se debe saber. Para facelo tira dunha serie de estereotipos que, fóra de seren inxustos, danlles unha idea ás persoas que lean esta novela non moi conveniente se do que se trata é de formar e informar sobre a cuestión. A vitimización excesiva non é unha información que se precise polo mero feito de non ter que ser necesariamente certa. A “desconexión” ou falta de empatía do profesorado é outro estereotipo que a estas alturas non é moi crible sen contar o feito de non vermos por ningún lado a figura dun orientador ou orientadora, figura importante nestes casos. Hai directoras, xefas de estudo, inspección educativa… Nada que ver coa realidade do día a día dun centro de estudos. Como historia propiamente literaria compro este I´m Obelix; como ferramenta para divulgar unha realidade como a dos rapaces con TDAH, non. Se cambiase o punto de vista, e fose unha novela na que se fala sobre acoso escolar —que en realidade é a cuestión— gañaría en credibilidade porque aí, como vítima, pode entrar calquera.

Esta novela literariamente é correcta sen botar foguetes, discrepancia seria coa mensaxe que pretende transmitir. Espero que quen a lea estea contextualizado para gozala desde a “parte” que nos amosa e non dende o “todo” que nos pretende vender.

♦ I’m Obelix, de Raquel Fernández Fernández, Xerais, 2024. 184 páxinas. ♠12,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *