‘Imaxes roubadas’, diálogo inxenuo entre pintura e escrita

César Lorenzo Gil.
Imaxes roubadas, de Nones Araújo (Xerais) gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta 2021. Esta colección de trinta relatos parte dunha idea que aínda que non é orixinal mantén o interese de lectores e de escritores: tomar unha pintura como base (inspiración, punto de partida, universo temático…) dun texto literario. Entre os moitos exemplos existentes podemos lembrar o fabuloso traballo de Pierre Michon en Os once (publicado en galego por Galaxia) ou Galería de saldos, de Diego Giráldez (Xerais).
O primeiro problema co que nos encontramos é que nesta edición optouse por substituír as obras das que a autora extrae a materia prima literaria por reinterpretacións de Iago Sánchez Losada. Polo tanto, o lector entra nun xogo de espellos entre o relato, a imaxe que evoca e unha nova imaxe, a que pode ver no libro, que tamén é (ou debera ser) unha obra de arte autónoma, aínda que neste deseño editorial acabe por parecer máis ben un sucedáneo da obra orixinal que non se puido reproducir ben por problemas de dereitos, ben porque un libro en branco e negro convencional non parece o mellor lugar para que aparezan pinturas. Era necesario incorporar as ilustracións? Posiblemente non. Posiblemente a obra gañaría se se establecese un diálogo entre texto e pintura en base ao que o lector recordaba sobre a pintura e, tras a lectura do relato, fose captar ese punto de vista da autora no cadro real. Mais coa presenza das ilustracións de Sánchez Losada este novo autor, coa súa mirada, interrompe esa conexión e provoca novas lecturas.
No tocante aos relatos en si, Araújo proponnos estampas que poden diferir no tema ou enfoque, mais que son moi homoxéneos nun estilo algo inxenuo, preliterario; redaccións con boa letra incapaces de xerar ningunha emoción agás a tenrura.
Hai certo abuso das frases feitas e a habitual sobreadxectivación da narrativa convencional, dous alicerces que destacan máis en textos tan curtos (habitualmente tres, catro páxinas). A descrición, que loxicamente é a técnica máis utilizada no libro, ás veces resulta obsoleta. Agradécese, no entanto, certa contención expresiva. A autora si acerta na dosificación dos diálogos e destila bastante ben o tempo narrativo. Todo isto provoca que a sensación que dá é a propia de exercicios de estilo, non dunha obra xa publicada e premiada.
A Imaxes roubadas fáltalle poética. É tan evidente a subordinación á obra de arte na que se inspiran os relatos que o lector só pode esperar na súa narrativa o obvio, o previsible. Hai relatos máis ou menos ben escritos, pero en ningún se produce o necesario para captar a atención máis alá do efémero momento da lectura. O fascinio das obras inspiradoras cegou a obra resultante.
♦ Imaxes roubadas, de Nones Araújo. Xerais, 2022. 176 páxinas. ♠17,95€