‘In articulo mortis’, unha novela de tese ao redor de Romasanta

César Lorenzo Gil.
Manuel Blanco Romasanta é o “noso” asasino en serie. Ningunha outra figura criminal atraeu tanta atención literaria. O sacaúntos de Esgos (ou de Allariz, por ser nesta vila onde foi xulgado en primeira instancia e onde obtivo popularidade grazas especialmente a Vicente Risco) protagoniza obras de Alfredo Conde, Emma Pedreira e agora (aínda que dun xeito colateral) tamén de Luís Manuel García Mañá.
O escritor ourensán volve nesta novela a un xénero onde se sente cómodo: a novela histórica realista con enigma. In articulo mortis ten moitas semellanzas c’O lume de santo Antón (Xerais, 1997), a primeira novela de García Mañá. Con esoutra comparte un semellante período temporal (cunha diferenza de máis de trinta anos) e o interese polo cornizó ou caruncho (nun apéndice deste libro danse todos os nomes populares que o galego ten para esta substancia).
O libro está contado en primeira persoa por un crego, encargado na súa mocidade de acoller a derradeira confesión de Romasanta en Ceuta, que logo se seculariza e se converte en xuíz en Ourense. O caso do criminoso que xustificaba a súa extrema violencia afirmando que se transformaba en lobishome paira sobre toda a traxectoria do maxistrado, teimoso en descubrir as verdadeiras razón científicas de tal escusa.
In articulo mortis vai de máis a menos, e aínda que repunta un tantiño nas súas páxinas finais, non se pode definir como unha novela ben rematada. Falla na estrutura e mais na xerarquización narrativa. A pesar de que non supera as 150 páxinas, en moitos momentos a narración navega á valga, sen dirección nin orde. García Mañá é vítima do que Eva Moreda ten descrito como “coidada documentación”. Nótase que o autor verificou unha manchea de datos xeográficos, xurídicos, científicos. Hai pouso de lecturas da prensa do momento histórico da obra, pero na maior parte dos casos toda esa información non está a prol da narración, senón que é unicamente unha casca na que o escritor vai colocando as pezas, sen maior interese ca o de amosar certo rigor na recreación da atmosfera onde os personaxes habitan.
A novela, a pesar de estar narrada en primeira persoa, en moitas ocasións aparece fría (conxelada) no achegamento aos personaxes. Parece un informe, unha tese, unha aparente ficción que, en realidade, acocha un traballo máis académico ca literario sobre o que (supoñemos) investigou o autor ao redor do caso Romasanta. É posible que a novela sexa un subproduto dunha investigación histórico-xurídico-médica, así parece polo menos. E é unha mágoa, porque os ingredientes para unha novela de xénero con certo misterio están aí, pero mal dosificados, desordenados e sen o brillo dunha escrita con certa ambición estética.
O mellor da obra é a recreación da Galicia de finais do século XIX. Nese plano “atmosférico”, García Mañá ten facilidade para debuxar, cos trazos imprescindibles, un rural vizoso, superpoboado e en pleno proceso de parcial abandono mediante a emigración. Tamén consegue plasmar o ambiente da burocracia institucional (especialmente o poder xudicial e o da Medicina e Farmacia). Tamén é orixinal tomar a Romasanta xa como mito, como elemento case consubstancial á cultura popular galega. Nese sentido, esta novela demostra que hai espazo para crear ficción de xénero con referentes de noso. O problema é que a execución foi apresurada, esquemática por veces, previsible case sempre e con moitas eivas tanto na construción da trama coma dos personaxes.
♦ In articulo mortis, de Luís Manuel García Mañá, Galaxia, 2023. 160 páxinas. ♠17,15€