Informe rápido sobre o Sant Jordi 2022
Xesús González Gómez.
Para o día de Sant Jordi de hogano, as previsións tanto do Gremi de Llibreters como dos floristas eran moi optimistas, talvez demasiado. Había que contar cos elementos, eses contra os que, segundo Felipe II de España, non se pode loitar. E os elementos actuaron como sempre, é dicir, pola súa conta; e actuaron de tal maneira que dende máis ou menos as 13 horas até as 19h choveu (ás veces moito) intermitentemente. Tamén caeu pedra e o deus Eolo (poñámonos en plan relambido) fixo das súas, non dando tempo aos paradistas a cubriren os seus postos e estragando unha importante cantidade de libros. O día 25 polo serán, tanto o Concello de Barcelona como a Generalitat de Catalunya, mediante a súa Consellaría de Cultura, anunciaron axudas tanto aos libreiros coma ás pequenas editoriais que sufriron importantes perdas.
Aínda non acabara o día cando o Gremi de Llibreters deu a lista de máis vendidos nesta xornada. Este ano, segundo as primeiras estimativas do Gremi, as vendas alcanzaron as cifras do 2019, é dicir, 1,6 millóns de libros vendidos que en euros dá unha cantidade aproximada de vinte millóns. Ao longo desta semana, ou principio da seguinte, daránse a coñecer as cifras definitivas (sic). Lembremos que no 2019 se chegara á cantidade duns 22 millóns de euros. No 2020, en pleno confinamento, non se celebrou o día do libro e a rosa. O pasado 2021, cunha xornada que superou as previsións que impuña o medo á Covid, as vendas chegaron á cantidade aproximada de 17,5 millóns de euros. Esperemos saber nos próximos días que datos dá, se é que os dá, o Gremi de Llibreters.
A xornada foi, como se dixo, debido ás inclemencias da meteoroloxía, movida. Tamén o Concello de Barcelona estreou, con grande éxito –e supoño que gran cabreo do RACC (Real Automóvil Club de Catalunya, inimigo das peonizacións e de todo aquilo que signifique trabas para o uso do auto na cidade e, por iso, grande inimigo de Ada Colau desde o primeiro minuto en que se converteu en alcaldesa de Barcelona: o RACC, no seu «odio» cara a Ada Colau talvez só sexa superado polos independentistas, tanto polos de dereitas como polos autonomeados de esquerda–, diciamos que o Concello de Barcelona estreou con grande éxito un «superquinteiro» na dereita do Eixample. Superquinteiro que peonalizaba unha gran parte dese distrito. Infelizmente, acho que cando o día de Sant Jordi non caia en sábado ou domingo, ese «superquinteiro» non poderá realizarse: o caos circulatorio sería épico.
Se ben o Gremi de Llibreters non sabe aínda o montante aproximativo das vendas, si deu a coñecer os títulos dos libros máis vendidos. Ora, se ben en edicións anteriores sempre daba cinco títulos en cada apartado, esta vez limitouse a catro, e nos apartados de non-ficción e de literatura infantil, a tres. Véxamos, xa que logo, os catro libros de narrativa en idioma castelán máis vendidos este Sant Jordi 2012:
Ficción
1.- Roma soy yo, Santiago Posteguillo (Ediciones B.).
2.- El libro negro de las horas, Eva García Sáenz de Urturi (Planeta).
3.- El mapa de los anhelos, Alicia Kellen (Planeta).
4.- Violeta, Isabel Allende (Plaza&Janés).
Se no 2021 os cinco primeiros postos foran copados polos Grupos Planeta e Random House (tres e dous títulos respectivamente), este ano fican empatados: Planeta, dous, e Random House (Ediciones B. e Plaza&Janés), dous.
No apartado de non-ficción o Grupo Planeta (Planeta, Espasa Calpe) gaña 2-1 a Random House (Alfaguara):
1.- Por si las voces vuelven, Ángel Martín (Planeta).
2.- Como hacer que te pasen cosas buenas, Marian Rojas Estapé (Espasa Calpe).
3.- La muerte contada por un sapiens a un neandertal, Juan José Millas & Juan Luis Ursuaga (Alfaguara).
No apartado de literatura infantil a cousa ficou da seguinte maneira:
1.- Las perrerías de Mike.1. Mikecrack y la estrella maldita, Mikecrack (Martínez Roca Ediciones).
2.- Antes de diciembre, Joana Marcus (Montena)
3.- El semen mola (pero necesitas saber como funciona), Anna Salvia, Cristina Torrón (Menstruita) (Montena).
Neste apartado invértese o resultado do apartado de non-ficción: Random House, dous, Grupo Planeta, un.
Antes de entregarmos os títulos en catalán máis vendidos nos diferentes apartados este Sant Jordi 2022, enumeremos algúns dos títulos que lectoras e lectores catalá(n)s podían comprar nas librarías e nas diversas paradas. Tendo en conta que, segundo o Gremi d’Editors o libro catalán medrara no 2021 un 9%, aproximadamente, e a lectura case un 17%, a oferta neste idioma, nos apartados de máis venda, é dicir, narrativa e, en menor medida, non-ficción (deixamos de banda o apartado infantil), talvez se disparou este ano. De febreiro ao 20 de abril, as distintas editoriais ofertaron, entre outros moitos, os seguintes títulos:
Narrativa orixinal en catalán: de Biel Mesquida, o que fora abandeirado na novela «textual» e que deu xa mostras do seu gran saber narrativo con diversas obras, o volume de contos: Encarnacions (Labreu); de Jordi Cussà Balaguer, Les muses (Comanegra); de Vicenç Villatoro –verdadeira máquina de parir libros–, Tren a Maratea (Proa); de Jordi Estrada, Lilinne i les bombolles de sabò (Ed. de 1984); de Alfred Bosch, novelista e ensaísta, africanista, ex-conseller de Acción Exterior, Relacións Institucionais e Transparencia, da Generalitat de Catalunya, cargo do que debeu dimitir porque, seica, o da Transparencia non ía con el, El temple dels pobres (Columna); de Àngel Casas, ex-presentador de televisión, locutor de radio, comentarista musical especialista na música dos anos 1960-1980, ex-compañeiro de traballo de quen isto asina, etc., e un bo narrador como xa demostrara en anteriores entregas: L’agonia de Bakunin (Univers); de Albert Mestres, Sentimental (Angle); de Gemma Lienas, autora coñecida tanto polo público adulto como polo infantil, actualmente deputada no Parlament de Catalunya polo Partit Socialista, La vida privada de Carmiña Massot (Univers); de Marta Batallé, El paradís no era això (Empúries); de Magí Camps, Sucamulla (Univers); de Agnès Marqués, locutora de radio, presentadora de tv, xornalista, corresponsal que foi de A Nosa Terra e na última xeira deste semanario, columnista, debuta con Ningú sap que sóc aquí (Columna); de Maria Escales, Estimada Mirta (Amsterdam), que segundo algún crítico é unha boa novela, pero cuxo título remite a un dos libros de poesía catalá máis vendido de todos os tempos: Estimada Marta, de Miquel Martí Pol; Marta Buchaca, Sis mesos d’hivern (Navona); de Aina Gatnau, Canviar de pell (La Magrana); de Rafel Nadal –que foi director de El Periódico de Catalunya, e que eliminou un a do seu nome para non ser confundido co tenista– o último volume da triloxía composta por Quan érem feliços, Quan en déiem xampany, libros de gran venda: Quan s’esborren les paraules (Columna); de Eva Baltasar, cuxas dúas anteriores entregas, Permagel e Bulder, foran éxito de vendas, Mamut (Club Editor), que cerra unha triloxía. Da enxeñeira industrial Marta Carnicero, unha boa novelista e autora de diversos libros de gastronomía, Matrioixques (Quaderns Crema): de Pilar Codony, Distòcia (L’Altra editorial); da xa veterana Lolita Bosch, Agafeu-me a mi (Ed. 62); do tradutor Jaume Ferrer, que debuta como novelista, Un sexmel (Club Editor; digamos que esta editorial escolle moito os libros a publicar, polo que un, a cegas, aposta por esta novela); de Melcior Comes, un mallorquino que xa deu mostras do seu saber narrativo, Tots els mecanismes (Proa); de Núria Perpinyà, unha narradora que non acaba de «despegar»: Diaromea (La Magrana); do sempre éxito de vendas Albert Sánchez Pinyol: Els monstre de Santa Helena (La Campana); de Marc Bosch Oliveras, L’edat dels vius (Univers); de Glòria Castro, que algún crítico apunta como o descubrimento desta tempada: Abans de l’impacte (Periscopi); da noutrora intento de enfant terible Empar Moliner, Benvolguda (Columna), premio Ramon Llull 2022; do o dramaturgo e director de teatro Sergi Belbel entrégase a súa primeira novela, Morir-ne disset, premio Sant Jordi de narrativa; da poeta Blanca Llum Vidal La princesa sou vos (Club editor, repito o que dixen sobre esta editorial), a súa estrea como narradora, etc. Nótese o numero: vinte e oito títulos, catorce homes e catorce mulleres e, polo que se refire á calidade intrínseca das obras, eu apostaría polas mulleres, polos seus títulos anteriores. Por outra parte, cómpre afirmarmos que nestes momentos, no que respecta á narrativa, en Cataluña son as que se levan, como se di en Castela «el gato al agua».
Ademais das novelas escritas orixinalmente en catalán, lector e lectora neste idioma, entre as traducións puideron escoller, os seguintes títulos (como no apartado de narrativa catalá, damos unha ampla mostra de títulos; ampla mais non exhaustiva):
Narrativa traducida ao catalán:
Natasha Brow, Reunió (L’Altra editorial); Laetitia Colombani, El vol de l’estel (Salamandra); Johanna Hedman, Trio (Viena); Kerri Maher, La llibretera de París (Navona); Nancy Huston, Arbre de l’oblit (L’Altra editorial); Imolo Mbue, Quan féiem goig (Quaderns Crema); Ta-Neshini Coales, Ballar amb l’aigua (Amsterdam); Teresa Hadley, Amor lliure (Ed. de 1984), Claire Keegan, Coses petites com aquesta (Minúscula); e catro premios Nobel: Patrick Modiano, Tinta invisible (Proa); Peter Handke, La segona esposa (Alianza editorial); Adulrazak Gurnah, A la vora de la mar (La Magrana) e Orhan Pamuk, Nit de pesta (Més llibres). A esta selección de títulos podemos engadir estas novelas policiais (traducíronse máis, só queremos dar unha pequena mostra): Paula Hawkins, a multivendedora daquela novela máis ben insoportable, A muller do tren: A foc lent (Columna); de Sara Vaughan: Petits desastres (Roca); de Fione Barton: La sospita (Columna); de Ashley Audrain: L’instant (Columna), de Jo Nesbø: L’home de la gelosia (Proa), novela que chegou ás librarías o pasado día oito, etc.
De todas estas novelas, de todos estes libros narrativo, os catro máis vendidos na xornada de Sant Jordi deste 2022 foron:
1.- La benvolguda, Empar Moliner (Columna).
2.- El monstre de Santa Helena, Albert Sánchez Pinyol (La Campana).
3.- Mamut, Eva Baltasar (Club Editor).
4.- Quan s’esborren les paraules, Rafel Nadal (Columna)
Neste apartado, o Grupo Planeta (Columna) aparece con dous títulos. As outras dúas son editoriais verdadeiramente independentes, fundadas ambas por escritores: La Campana por Josep Maria Espinàs (felizmente vivo: o pasado mes de marzo cumpriu os noventa e cinco anos) e Club Editor por Joan Sales (agora a editorial diríxea unha neta súa). O ano anterior, neste apartado, o Grupo Planeta, de cinco títulos levara catro (o outro fora para Anagrama, do grupo Feltrinelli).
Se estes foron os títulos «gañadores» entre non sei cantos centos de libros narrativos (novelas e libros de contos ou relatos) publicados dende maio do pasado ano, no apartado de non-ficción (contando aquí tanto historia, como dietarios, diarios, biografías, autobiografías, testemuños, crónicas diversas, ensaio propiamente dito, etc. etc.), o lectora e a lectora catalá(n)s debía escoller tamén entre unha importante cantidade de títulos, dos que escollemos, para informar un pouco, os seguintes:
Non-ficción: Neus Moran, L’espoli franquista dels ateneus catalans (L’Avenç); Llibert Ferri, quen foi correspondente de TV-3 en Moscova: Putin trenta anys després del final de l’URSS (Edicions de 1984); Stefan Zweig: Missatges d’un món oblidat (Univers); Jordi Amat, especialista en biografías e que no último ano vendeu unha considerable morea de exemplares da súa biografía do escuro Alfons Quintà, que fora o primeiro director de TV3, El fill del xofer (existe edición en castelán), publica, cadrando co centenario do seu nacemento e o cincuentenario do seu suicidio, a biografía do gran poeta catalán Gabriel Ferrater (de quen Chan de Pólvora acaba de publicar As mulleres e os días –as súas poesías completas– en tradución de Manuel Outeiriño), co título, un pouco parvo, de Vèncer la por (Ed. 62); a Editorial Anagrama, da man de Josep Maria Fonalleras e Jaume Subirana entrega Xavier Folch editor i polític; Carme Riera biografa a máis coñecida das axentes literarias de España (e un estaría por escribir aquilo de «e parte do estranxeiro»), Carmen Ballcells Fabricant de paraules (Rosa dels vents, existe versión española). A mencionada Anagrama publica, en catalán e tamén en castelán, o primeiro libro (para min o mellor dos seus) de Ivan Jablonka: Historia dels avis que no vaig tenir; Oriol Mitjá: El món que ens espera (Ed.62); Rafael Vallbona: Sóc un boomer: la glòria i l’ocàs dels fills d’una generació (Destino); Catlin Moran, Més que una dona (Anagrama); Toni Vall, Teresa Gimpera, així és la vida (Columna); Enatu Domingo, Fusta d’eucaliptus cremada (Navona); Xavier Febrés, El millor viatge de tots (L’accent); Miquel Berga, Una educació (Univers); Joan Esculler: Tarradellas, una certa idea de Catalunya (Proa); Joan Vergès Gifra e Max Pérez Múñoz escriben a dúas mans a biografía Pere Coromines. El gran polifacètic (Documenta Universitària), ao tempo que L’Avenç recupera deste (de Coromines) Les presons imaginàries. Non coñezo tal libro, cuxa primeira edición até hai uns dez anos aparecía a moreas no Mercat de San Antoni, no mercado dominical do libro, pero lémbrese o famoso «epigrama» de Josep Maria de Sagarra, citado até por Pío Baroja nas súas memorias: «Ets fresca com una rosa,/ més puta que les gallines/ i més pesada que la prosa/ de don Pere Coromines»); Toni Cruanyes, La vall de la llum (Destino; premio Josep Pla de prosa en catalán); Sri Hustvedt: Mares, pares i més (Ed. 62); Jordi Coca: El teatre de Shakespeare en el seu context (Ed. de 1984/Institut del Teatre); Ponç Puigdevall: Jardins secrets (La Magrana), escolla de recensións deste crítico (e excelente novelista) publicadas no «Quadern» de El País: é o crítico máis odiado da literatura catalá; Alec Mac Gillis: A l’ombra de Amazon (Periscopi), libro do que lectora ou lector poden tirar unha conclusión moi clara: Amazon crea… pobreza; Raimon Obiols, que fora secretario do PSC: Temps esquerp (Arcàdia); Carlo Rovelli: Helgoland (Anagrama); Joan de Déu Prats e Maria Padilla: Història mítica de les Terres de l’Ebre (Comanegra); José Enrique Ruíz-Domènec: El somni d’Ulises (Rosa dels vents); Oded Galord: El viatge de la humanitat (Ed. 62); Pau Riba, recentemente falecido, polo que é un libro póstumo: Història de la música del segle XX (L’electrònica) (Males herbes), Judith Butler: ¿Quina mena de món és aquest? (Arcàdia), etc.
Velaí os tres títulos de non-ficción máis vendidos hogano:
Non-ficción:
1.- La vall de la llum, Toni Cruanyes (Destino).
2.- L’alegria de viure, Sílvia Soler (Univers).
3.- Crims_llum a la foscor, Carles Porta (La Campana).
En termos editoriais: un (Destino) para o Grupo Planeta, o segundo para o Grupo Enciclopèdia (catalá) e terceiro para unha editorial independente. Constatemos que os libros escritos por líderes independentistas, ou libros que tratan da independencia de Cataluña, que hai dous tres anos foran unha verdadeira pandemia e dos que maioría non pagaba a pena ler nin as lapelas, desapareceron, como o ano pasado, das listas dos máis vendidos.
Para acabarmos, velaí os títulos (tres, como para non-ficción) dos libros infantís máis vendidos:
1.- Catalanament, La incorrecta (Montena).
2.- La princesa, el drac i el cavaller desarmat, Joan Turu (El cep i la nansa edicions).
3.- La meravellosa i horripilant casa de la iaia, Meritxell Martí Orriols (Combel).
Montena, como se dixo máis enriba, é de Random Hause; El cep i la nansa é unha editorial independente sita na vila de Vilanova i la Geltrú, e Combel pertence á Editorial Casals, especializada en libro infantil e xuvenil, e libro de texto. Como curiosidade, digamos que Joan Turu recunca, xa que no 2021, e sempre segundo o Gremi de Llibreters, fora o cuarto máis vendido en literatura infantil en catalán.
Para acabarmos, aí van uns poucos títulos da parente pobre: a poesía. Joan Brossa: Poesía completa. Volum I. 1940-1960 (Univers), edición de Glòria Bordons; Lluís Calvo: El cor Pirenenc. Poema de Fontalba i Gotanegra (Lleonard Muntaner); Narcis Comadira: Els moviments humans (Ed. 62); Núria Busquets Molins: Làpida (Labreu); Philips Larkin: La vida amb un forat a dins (Quaderns Crrema); Mireille Gausel: La llàntia de l’espera (Lleonard Muntaner); Thomas Hardy: Turons de Wessex (Edicions de 1984); Odisseas Elitis: Orientacions (Godall edicions); Antoni Vidal Ferrando, Si entra boira no tindrè on anar, premio Carles Riba 2021 (Proa), Mikhalis Pierís: Metamorfosis de ciutats (Edicions de 1984), etc.