BiosBardia

O país dos libros en galego

Inma López Silva: “Soño con quedar para tomar whisky até o mencer con Beauvoir, Didion e Sontag”

Inma López Silva é unha das poucas escritoras galegas actuais que consegue para as súas obras o fervor do público lector e o recoñecemento da crítica. Ten no seu haber, entre outros, os premios Xerais, Blanco Amor e Losada Diéguez. A súa última novela é O libro da filla (Galaxia).

Inma López Silva.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Fóra dos chamados “contos” infantís que lía entre os tres e os seis anos (entre os que lembro volumes de quiosque coma Cuentos escogidos e libros galegos para primeiros lectores coma Enrique o do Penacho, de Perrault), a primeira novela longa que lin, aos sete anos, foi Heidi de Johana Spyri. Non foi un libro que me cambiase a vida, pero si foi a primeira lectura que me tivo mergullada, atenta, constante… Significou a descuberta de que había un espazo de meu que consistía en ter un libro nas mans e moitas palabras por diante. 

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Demasiados, diría eu. Podo facer o esforzo de citar algún dos últimos que lin, como por exemplo Os mandaríns de Simone de Beauvoir, ou unha novela contemporánea coma O verán en que a miña nai tivo os ollos verdes, da escritora romanesa Tatiana Tibuleac, ou tamén o libro de sonetos de Miro Villar Equinoccio de primavera. Pero onde máis teño esa sensación de inxustiza literaria é no ámbito teatral: por que non se le máis A festa de aniversario, de Harold Pinter, 4.48 Psicose, de Sarah Kane ou Raíñas de pedra, de Cándido Pazó? Podería seguir… 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

O Ulises, de James Joyce. Sen dúbida. Agh. 

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Botei moitas fins de semana probando a ver se tropezaba por Brooklyn con Paul Auster, así que non vou considerar tirado todo ese tempo… Tamén coido que gozaría, malia probabelmente discutir moito, con Michel Houellebeq. Pero se puidese, soño cun encontro con Beauvoir, Didion e Sontag, comprometéndonos as catro a tomar whisky ata o amencer. En sesión de espiritismo, con Nietzsche, Shakespeare, Molière e Mary Wollstonecraft. E tendo en conta as posibilidades reais de levar adiante os meus plans, gustaríame emborracharme con Juan Tallón, Diego Giráldez, María do Cebreiro e Francisco Castro, xuntos ou por separado. E é público e notorio o meu gusto polas ceas de alto contido alcohólico e literario con Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Susana Pedreira, ás que desexo fervorosamente incorporar a Rexina Vega, cousa que acontecerá en breve. Xa ve que non teño problemas nin coas farras nin co bo comer e o bo beber. Podería seguir. Creo que case que gozaría con calquera. Incluso iría de cañas con vostede de boa gana. 

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Con Lobo Antunes, Otero Pedrayo, Eduardo Pondal, Javier Marías, Goethe, Carmen Posadas, Toni Morrison, Kant e Virginia Woolf. Xa sei que está vostede pensando en que non digo ningún autor ou autora galega vivos: é que hai moitos e moitas cos que non querería pasar nin medio segundo, entre eles varios real-académicos e varias lobbistas feministas, pero tampouco me gustan os seus libros, co que, tecnicamente, non encaixarían co factor delimitador da súa pregunta. 

Un libro recente que lle gustase moito…

O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello (tamén me gustan as boas sobremesas con el). 

Unha novela que non puido terminar…

Hai moitas. Se un libro non me gusta, non me obrigo a rematalo: a vida é moi curta e a literatura está chea de boas obras que apetece ler ata a fin, e, sobre todo, desexar que non acaben nunca. Pero un dos libros que é máis significativo non ter rematado é A república dos soños, de Nélida Piñón (e tampouco iría de copas con ela, por certo): tiña que examinarme del e, aínda así, saquei boa nota, o que demostra que non era imprescindíbel perder demasiado tempo con esa obra. 

Que novela lle gustaría protagonizar?

París non acaba nunca, de Hemingway. 

Que novela a reconciliou coa literatura?

Sempre que observo as mesas de novidades das librarías, cheas de literatura tipo fast-food que está mal escrita, peor editada e nin sequera entretén, penso en Leviatán de Paul Auster, en O home do salto, de Don DeLillo; en Demasiada felicidade, de Munro; en Sobre a beleza, de Zadie Smith; ou en A amiga estupenda, de Elena Ferrante. E entón lembro que a literatura actual, lida, vendida e reeditada, tamén son eles.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Que pregunta estraña pero suxestiva… Enriba da miña mesa leva xa demasiado tempo Profanacións, de Agamben, e está sendo tan adiado, que vai camiño de ser o favorito, pois non foi devolto ao andel sen ler… Tampouco logro atopar o momento para pórme con O derradeiro home, de Camus, que debería obrigarme a ler porque o preciso para a novela que estou escribindo. Pero ultimamente, a miña preferida entre as obras sen ler, é As palabras na néboa, favorito do seu propio autor, Francisco Castro, o que fai especialmente divertido mantelo en cola para escoitar os seus reproches. Pode que a farra arriba indicada palíe esta débeda. 

Que libro lle gustaría ter escrito?

Feliz idade, de Olga Novo. 

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ningún. Se non estou convencida, non o publico. E destrúoo para que non se publique nunca. 

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Non. Pero escribo correos electrónicos moi longos e detallados que poderían servir como tal. 

Escribirá as súas memorias?

En realidade, cada certo tempo, escribo unha memoria parcial como son libros coma New York, New York, Maternosofía ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Supoño que vou facendo ese labor pouco a pouco para non pasar tanto traballo ao final, cando o que me apetecerá será seguramente ir de copas con escritoras e escritores novos que me dean a vida e non a morte.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Hai varios. Un deles é Suso de Toro. A descuberta da súa literatura foi para min unha epifanía pois demostraba que na miña lingua se podía escribir, publicar e ler o tipo de narrativa e co nivel de modernidade que eu gustaba de ler noutros idiomas. E desde un punto de vista práctico, Carlos Casares: foi el quen, aos dezasete anos, me pediu por ler o que tiña escrito. Mandeille un monllo de relatos que, un tempo despois, foron o meu primeiro libro publicado na editorial Galaxia, Rosas, corvos e cancións

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Se falamos de clásicos, ataríalle un bloque de formigón para que non aboiase ao Fausto de Goethe. Se non falamos de clásicos, todos os días me vén algún á cabeza. Hoxe, por exemplo, pensei no Alquimista, de Paulo Coelho. Da literatura galega, tamén, pero a min tampouco me gustaría saír citada neste lugar do seu cuestionario.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Crime en compostela, de Carlos Reigosa. Teatro para a xente, de Eduardo Blanco Amor. E moitos dos últimos anos que non dei acabado, pero as súas autoras ou autores aínda poden escribir a Gran Novela Galega, así que non deben ser desanimadas ou desanimados con respostas malintencionadas en cuestionarios deste tipo.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Tic Tac, de Suso de Toro. Creo que é, seguramente, a obra responsábel da maior renovación da literatura galega en toda a súa Historia. Pero De Toro é un escritor incómodo porque, tendo sido autor de auténticos best-sellers, é libre e magnífico, así que vai camiño de ser incomprendido. Nada novo na nosa literatura.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Herba aquí ou acolá, de Álvaro Cunqueiro. Nel está todo o fermoso que se pode querer dicir a alguén a quen queres.

2 thoughts on “Inma López Silva: “Soño con quedar para tomar whisky até o mencer con Beauvoir, Didion e Sontag”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *