BiosBardia

O país dos libros en galego

Jacobo Fernández Serrano: “O tempo verbal das miñas obras é o pretérito xogativo”

César Lorenzo Gil.

É un dos artistas gráficos máis destacados do momento. Técnica depurada e imaxinación sen límites. Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971) publica Dragoneta, a terceira aventura da serie Marcopola, a illa remeira (Xerais). Nesta entrevista falamos “de debuxos e de letras”.

Jacobo
Autorretrato de Jacobo Fernández Serrano.

Marcopola é arestora a insignia do cómic para crianzas en galego. Como xorde o proxecto?

A primeira vez que apareceu o personaxe, cunha fasquía e cun nome diferentes, foi na aventura “Peripecia dun paramecio”, que escribín e debuxei para  a serie dos Amigos de Archimboldo Roque que publicaba na revista Golfiño. A Marcopola daquela aínda tiña árbores e montañas pero xa levaba o seu remo de piragüista; logo estilizouse. Cando a editorial Bang me pediu un cómic pensado para nenos, decidín darlle protagonismo.

Dragoneta é xa a terceira aventura da serie. Non se vostede xa ten a historia pechada.

Non. As aventuras de Marcopola son infinitas. A ver, quero dicir que non penso nun determinado número de libros. Si que quero ser fiel ao meu compromiso de escribir un por ano pero a idea é coma a de Astérix, aguantar tanto como se poida. Na banda deseñada en galego conseguir facer sagas longas foi até agora bastante complicado. A ver que tal me sae.

O cómic non só se publica en galego.

Non. Arestora está saíndo ademais en castelán, catalán e francés.

Vostede é un dos poucos ilustradores que deu o paso á literatura. Gañou o Premio Merlín no 2009 con Mil cousas poden pasar. Libro I (Xerais). Só recordo outro ilustrador gañador, Anxo Fariña, dous anos despois.

Desde sempre, as historias que se me ocorren están compostas de debuxos e de letras. Para min, o produto ideal é un todo: ben un libro con moitas ilustracións ben un cómic. Eu escribo cada día e tomei a posibilidade de participar no Premio Merlín como un desafío. Primeiro porque nunca antes ideara un texto así e logo porque o xurado que tiña que valorar a miña obra non dispuña da “metade” do orixinal: os debuxos. Ás veces, cando reparo na gran calidade dos autores que obteñen o Merlín aínda dubido de que eu gañase ese certame.

As aventuras de Marcopola son infinitas.

Que diferenzas encontra como creador ao enfrontarse ao texto ou ao debuxo?

Teño máis práctica no debuxo. Traballei máis a técnica. Cústame máis escribir. Lévame máis tarefa porque teño menos experiencia. A invención da historia é a mesma pero cando escribo quero encontrar as palabras xustas, a miña propia poética.

Mil cousas poden pasar foi un éxito.

Vai na sétima ou oitava edición. Cada ano reimprímese.

E conseguiu algo moi exótico (por estraño que pareza): editouse no Brasil.

O libro mostrouse na Feira do Libro de Frankfurt, na tenda da Xunta. Un editor de Minas Gerais viuno, gustoulle, falamos e publicouno .

Tivo a oportunidade de presentalo no Brasil?

Aínda non. Pero pola liquidación de dereitos que me chega está a ter bastante boa acollida.

É unha mágoa que as exportacións das letras galegas cheguen así, esporadicamente.

Sería mellor que houbese unha sistematización, un modelo máis estable de presentación do que se edita en Galicia. Estou seguro de que hai moitísimos libros de calidade que se se coñecesen noutros ámbitos, poderían editarse en idiomas ben afastados. O problema é que custa moito chegar a esoutros lugares só co esforzo de autores ou editoriais.

Outra das obras senlleiras da súa bibliografía é Lois Pereiro. Breve encontro, cómic sobre a vida do poeta monfortino, editado por Xerais e a Xunta. Un proxecto distinto necesitou estratexias distintas?

Hai unha parte na creación dun cómic que é específica, máis no caso dunha obra con referencias reais. Tes que documentarte, aprender a debuxar os lugares, as roupas… No meu caso foi con esa obra que experimentei todo iso porque até entón as miñas historias estaban ambientadas en lugares de fantasía. No resto é igual, deixei a miña pegada, o meu estilo, tamén na forma de contar a historia. Hai unha parte biográfica pura pero tamén un percorrido persoal que me permitiu crear imaxes a partir dos propios poemas de Pereiro.

Pereiro é hoxe unha referencia para creadores actuais que o descubriron logo da súa morte.

Para min, facer o cómic, foi parte dese proceso de achegamento a el. Penso no Lois como nese compañeiro de instituto co que compartes lecer e sempre che está a recomendar, a sinalar, cousas interesantes e novas: un libro que paga a pena, esa película que debes ver. Con el aprendes a ver as cousas sen preconceptos, a ampliar as marxes da túa percepción sobre a arte, sobre a creación. Ese proxecto foi unha descuberta pero tamén unha degustación da súa poesía e das súas referencias.

Penso no Lois Pereiro como nese compañeiro de instituto co que compartes lecer e sempre che está a recomendar, a sinalar, cousas interesantes.

E cales son as súas referencias artísticas?

Un autor de hoxe en día non ten unha única canle de relación coas expresións artísticas. Todo o que experimentas inflúe e o interesante é saber como se fai esa dixestión, como conviven os libros que liches e as series de debuxos animados que viches na tele na túa persoal forma de ver a arte e de expresala. No meu caso, teño moi presente a literatura fantástica, tanto a clásica (tamén a dos contos tradicionais) coma a moderna mais cun sabor inequivocamente centroeuropeo, con ese punto absurdo de autores como Franz Kafka ou Elias Canetti. Eses dous piares permítenme modular a acción de xeito que as historias nunca parezan repetitivas, que sempre sorprendan.

Nas súas historias destaca a imaxinación desbordante. É coma se vostede fixese posible volver á infancia, onde a través do xogo eramos capaces de vivir todo e dun xeito ilimitado, máis alá da lóxica ou das convencións.

É certo que eu tomo o meu traballo creativo como un xogo. Tanto que non controlo as horas que lle dedico e así non hai maneira de ser “produtivo” e axustar a ecuación entre esforzo e remuneración. Pero cando alguén está a xogar, como es quen de limitar esa experiencia con horarios? Tanto é xogo que eu sempre digo que as miñas historias están contadas nun tempo verbal propio: o pretérito xogativo. Esa intención lúdica permanece cando me reúno cos rapaces para falar de debuxo ou dos meus libros e tamén está detrás de que nos meus argumentos haxa bastante irresponsabilidade en pór en debuxos ou letras todo o que me vén á cabeza. Coido que ese camiño é o que mellor se me dá para atopar a beleza, aquilo que para min é beleza, nas cousas que vexo, nas cousas que pasan.

Con esa “irresponsabilidade”, o normal é que houbese unha linguaxe sobrecargada mais a súa arte caracterízase polo contrario, pola liña, pola claridade.

Coido que cos anos vas canalizando a imaxinación, non para limitala senón para ordenala en beneficio da obra e dos lectores. Demasiados elementos é case sempre sinónimo de inexperiencia ou de pouco traballo. Co tempo aprendes a dosificar, a diferenciar o necesario do que non o é. Dáste de conta do que realmente tes que pór para que a persoa que lea entre no teu mundo.

En canto ao tipo de debuxo, teño que dicir que por suposto existe unha formulación teórica pero sempre acaba superada pola propia experiencia de debuxar. Por moito que leve pensado un proxecto, cando sento e pasa de ser mental a ser manual, cambia. De repente, alí sobre o papel a obra énchese de razóns que antes nin existiran. Coido que parte do misterio da creación é que ten unha lóxica diferente no momento no que nace moi diferente ao tempo previo ao seu xurdimento. Logo o que tes que conseguir é refinar esa liña, acomodar as dúas tensións ao que buscas.

Non está na disxuntiva entre liberdade e límites creativos a clave da beleza na arte.

A ilustración de libros mudou moito nos últimos anos. Na década dos 1980, o estilo dos libros infantís era moito máis homoxéneo: aqueles óleos das novelas dos Cinco, por exemplo. Agora os autores tedes moito maior liberdade.

Ao avanzar as tecnoloxías e ao ser máis doado ver o que se está a facer noutros lugares por outros autores permite que haxa unha gama máis ampla de estilos. Eu sempre puiden facer o que quixen porque o meu estilo coincidiu co que buscaban os editores e co que lían os lectores.

De todos os xeitos, hai que valorar por que existe estandarización. Canto máis forte é unha industria da ilustración, máis homoxénea. Pensemos por exemplo no manga xaponés ou no cómic de superheroes norteamericano. Ás veces pensamos que a liberdade expresiva é a marca da xenialidade. Eu non estou de acordo. Todos os pintores da nosa historia durante moitos séculos deberon pintar aquilo que lles encargaban. E aínda con eses límites houbo uns nomes que conseguiron superar os demais e conseguir uns resultados artísticos moi superiores. Nesa disxuntiva entre liberdade e obriga, eu sempre digo que non é nese campo onde está o xogo da beleza, da excelencia. Onde reside non o sei, sigo buscando.

O límite funciona tamén na literatura. Hai pouco, Luís Rei Núñez explicaba nunha entrevista en Biosbardia que a métrica lle servía de protección para limpar a palabra de impurezas.

É certo que un artista debe aprender a traballar con ferramentas moi concretas, incluso no sentido literal. Dicía Pablo Picasso que un pintor o primeiro desafío que debía conseguir era poder pintar calquera cousa cun único pincel. Hoxe hai pinceis específicos para cada cousa: para pintar follas, para pintar o ceo. Canto máis profesional, menos necesidade de ampliar a caixa de ferramentas.

O diálogo coa tradición é diáfano no caso da literatura. Non sei no caso da ilustración.

En efecto, a expresión literaria ten un vínculo obvio coa tradición propia porque comparten o código: a fala. Pero as persoas que nos dedicamos á creación gráfica tamén contamos coa tradición. Non é necesariamente un diálogo cos artistas galegos pero no meu caso hai dúas figuras que si me marcaron. Unha é Miguelanxo Prado. Cando lles falo aos cativos del sempre uso a mesma metáfora. Pensade no que representa Leo Messi no mundo do fútbol. Pois agora pensade que o Messi do debuxo é galego e se chama Miguelanxo Prado. Outra referencia fundamental para min é Castelao. Na miña casa había moitos moitos libros. E entre eles, aqueles grosos volumes que editara a Caixa coas ilustracións humorísticas de Castelao. Eu tiña nove, dez anos, non sabía se el era galego ou os valores que tiña e aínda así volvía acotío a aquelas páxinas porque sabía que estaba diante de algo único. Ambos, Castelao e Prado, están á altura de calquera outro referente universal.

Castelao e Prado, están á altura de calquera outro referente universal.

O cómic é un dos xéneros máis seguidos polo público pero sempre que lle digo a un debuxante que ten que facer máis, dime que non compensa: moito traballo para pouco beneficio.

É verdade. O cómic, máis o que se leva no cómic actual, a novela gráfica, con 150 páxinas ou máis, é unha tarefa complicada, que leva tempo e moito esforzo. A industria galega ten dificultades para asumir economicamente os custos de proxectos de envergadura nos que os profesionais da ilustración nos sintamos cómodos. O éxito, porque coido que é un éxito, do cómic en galego está baseado no sacrificio dos autores. Tes que buscar a compensación na satisfacción que che dá conseguir pór no papel aquela historia que levabas dentro.

Se eu fose editor, encantaríame que vostede deseñase unha colección de capas. Estou seguro de que serían un referente.

A min tamén me encantaría. Teño moitos desafíos por cumprir, moitas áreas nas que me gustaría traballar pero por exemplo, non me atrae traballar para unha produtora de animación agás para levar aos debuxos animados as miñas historias. En cambio, todo o que ten a ver co libro si que me resulta moi atractivo.

Vívese hoxe en Galicia coa ilustración?

Aínda despois de vinte anos no oficio, hai certa emoción na casa cando a primeiros de mes hai que pagar as facturas. Eu sempre lles digo aos rapaces: ninguén vai facerse rico coa ilustración mais tamén a ninguén lle obrigan a ser ilustrador. Os que traballamos nisto temos que darlles á cabeza para encontrar fontes de ingresos: encargas de traballos artísticos, obradoiros de debuxo, dereitos de autor… E con todo é difícil a autonomía. Debemos ser conscientes de que non vivimos nin nun tempo nin nun lugar que lle teña moito cariño á expresión artística e que é complicado manter unha carreira longa pero aínda así, seguimos.

Estou rematando unha adaptación ao cómic de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro.

Fáleme de novos proxectos.

Hai varios, si pero de momento só podo falar de dous: estou xa metido na cuarta aventura da Marcopola, un novo volume que tamén vai publicar Xerais, titulado Avoa Power. E tamén estou rematando unha adaptación ao cómic de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. Para min Cunqueiro é unha referencia fundamental por como consegue xunguir fantasía e realismo. Estou desfrutando moito co proxecto.

Que libros está a ler arestora?

Amais de documentarme para o cómic do Merlín, para o que teño na mesa a obra completa de Álvaro Cunqueiro e mais outras referencias que me parecen moi acaídas, caso do Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana ou o Orlando furioso narrado en prosa do poema de Ludovico Ariosto, de Italo Calvino. O libro de Calvino é fantástico e publicouse o ano pasado en castelán, editado por Siruela. No Galván gústame encontrarme cos personaxes artúricos nun contexto tan distinto. Fóra deste universo, ou quizais dentro, non sei, tamén estou a ler a versión castelá de The Crock of Gold, de James Stephens, que xira ao redor da tradición irlandesa e o mito do pote de ouro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *