BiosBardia

O país dos libros en galego

Jorge Emilio Bóveda: “Gustaríame regalarlles ‘O porco de pé’ a certas persoas con toda a retranca posible”

Jorge Emilio Bóveda.

Jorge Emilio Bóveda é un dos novelistas máis prolíficos da actualidade. As súas obras están presentes nunha gran parte dos catálogos editoriais de Galicia. A súa última obra publicada é O libro cero (Galaxia). Proximamente aparecerá Anoitece en Vulgaria (Toxosoutos). Hoxe visitamos a súa ‘Biblioteca Íntima’

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

El pirata Garrapata. Estaría ben reivindicar a Juan Muñoz Martín.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

O Necronomicón. É brincadeira, xa que todos sabemos que ese libro si existe. Volvendo á pregunta, eu non levo implantado o “detector de obras mestras” mais opino que hai moitos libros tremendos. Por mencionar un, Xente ao Lonxe de Eduardo Blanco Amor.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

O Ulises de James Joyce, a pesar de ter lido unha tradución e tamén unha edición en inglés. Recoñézolle todo o seu mérito experimental e lingüístico mais hai que sentar diante del con sete sentidos e medio. E aínda así non posúo habilidades abondas para asimilalo por completo.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

É moi arriscado por se as expectativas fracasan. Case é mellor deixalos unicamente no plano literario. De estar obrigado supoño que me adaptaría a calquera, aínda que igual tardase máis en conxeniar con autoras e autores decimonónicos (cuxa literatura me presta ben) debido á fenda social que nos separaría. E xa nin lle conto de ir a outros encontros con escritores do Século de Ouro cara a atrás. Habería que cambiar o chip completamente.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Gárdeme o segredo: eu son unha das persoas máis sociables do planeta.

Un libro recente que lle gustase moito…

A edición de Kalandraka de Confesións dun artista de merda, de Philip K. Dick. Unha obra que afasta por completo da ficción científica. Unha ave rara na súa bibliografía.

Unha novela que non puido terminar…

Teño a teima de rematar todo o que comezo, lamentablemente. Aínda que ao remate de certas lecturas precise o xarope doutros libros.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Supoño que, inevitablemente, cada un de nós xa está protagonizando a súa propia novela. Quizais ese ser ao que os crentes chaman Deus non sexa outro ca a escritora de todo isto. Algo que máis ou menos tratei no meu O libro cero.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Aínda que non o crea, El árbol de la ciencia, de Pío Baroja. Tamén Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo.

Que libro, da súa pila de obras pendentes, é o seu favorito?

MemOria, de Ruco Lezcano. Estou con el. 

Que libro lle gustaría ter escrito?

Penso que é unha pregunta paradoxal xa que considero imposible que unha persoa escriba a obra doutra persoa, salvo, claro, Pierre Menard, o personaxe de Borges, que seica tamén escribiu O Quixote. Con absoluta resignación digo que só podo escribir os libros que escribo eu.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ao feito, peito. Cada un representa unha época, unhas lecturas e unhas circunstancias e moitas cousas máis. Aínda así, penso nalgún libro candidato a ese posto.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Si, varios. Un para cada faceta ou estado de ánimo. 

Escribirá as súas memorias?

As memorias escríbense día a día. Neses diarios ou dietarios da pregunta anterior, nos libros que escribo, nos libros que non escribo, nos libros que lemos, no que pensamos, nas conversas, nos libros que imaxinamos, na lista da compra, na factura da luz, en todo. Vivimos na continua memoria e, precisamente, será a única que virá con nós cando marchemos definitivamente.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Son varios: Eduardo Blanco Amor, Miguel Delibes e Edgar Allan Poe. Ah, e Jorge Luis Borges, por suposto.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Calquera de índole relixioso-dogmática que coarte as liberdades dos seres humanos. Aínda que hai que recoñecer que un libro relixioso-dogmático non é perigoso ata que alguén non llelo tenta impoñer aos demais con intención calquera. Á fin e ao cabo os libros son coma armas que poden non ser usadas. As persoas sempre están detrás de todo.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Todos achegan algo en maior ou menor medida, ata serven para que aprendamos o que non vén escrito neles.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

A esmorga. Publicada en Galicia xusto no ano 70.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Eu non posúo coñecementos tan fondos en literatura como para emitir un xuízo de tal magnitude. Para que unha obra entre na consideración dun lector xogan un papel determinante as lecturas previas baseadas en intereses moitas veces nesgados. Quizais as miñas lecturas non fosen as axeitadas para sentar ese tipo de cátedra. Por outra banda, opino que a literatura galega precisa coalición, non minifundio.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

O porco de pé, de Vicente Risco. Gustaríame regalárllelo a certas persoas con toda a retranca posible. Aínda que, agora que o penso, esas persoas probablemente non lesen un só libro nas súas vidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *