BiosBardia

O país dos libros en galego

‘La peste’, de Cobos e Rodríguez: Contra o Capitán Alatriste

Fotograma de ‘La peste’, con Pablo Molinero (no centro, á esquerda) e Sergio Castellanos, ao seu carón.

César Lorenzo Gil.

Non sei se se debe pedir desculpas por comentar unha serie de televisión de hai dous anos. Non sei se tamén as series caducan, coma as novidades editoriais. Mais o caso é que hai uns días aproveitei unha oferta de Movistar + e “púxenme ao día” con La peste, serie en dúas tempadas creada por Alberto Rodríguez e Rafael Cobos e interpretada por Pablo Molinero, Patricia López Arnáiz, Sergio Castellanos, Cecilia Gómez e Manuel Morón, entre outros. Doce episodios ambientados na Sevilla do século XVI, no tempo do reinado de Filipe II de Habsburgo.

La peste é unha serie singular no panorama audiovisual español. Incluso para a nova era de produtos audiovisuais con potencia económica na produción e máxima ambición a todos os niveis que se aproveitan das novas plataformas de pago para crebar o tradicional pacto entre serie e audiencia xeneralista. Primeiro, porque non teme á complexidade dunha serie de época sen renunciar ás gravacións ao aire libre e en espazos urbanos, nomeadamente Sevilla, unha populosa e dinámica cidade que nesta serie aparece como unha metrópole, sucia e maxestosa a un tempo. E segundo, e velaquí a parte que me pareceu máis interesante da produción, porque pon en cuestión os fundamentos narrativos da historia oficial de España utilizando unicamente os elementos que a literatura e outros vestixios permiten hoxe en día reconstruír un tempo tan fascinante coma aínda pouco coñecido. E todo isto sen abandonar o xénero popular, unha especie de noir detectivesco e social, gravado con toda a pericia e con decisións de guión valentes e moi acertadas.

A serie conta a historia de Mateo Núñez, un impresor condenado pola Inquisición que, a cambio de obter o perdón desta institución policial, deberá axudar a resolver varios truculentos crimes. Esta fórmula é un engado, nada máis, porque o que Cobos e Rodríguez queren retratar, nas dúas tempadas, é a cara B da cidade onde arribaba o groso da frota das Américas, con todas as súas riquezas. A serie, cunha naturalidade que pasma, cunha sensación naturalista fascinante, escavicha nas calellas da fame, nos acampamentos de desfarrapados que arrodean as murallas: putas explotadas, orfos adestrados para roubar, ladróns e asasinos, contrabandistas e buscavidas que aparecen diante dos espectadores coma habitantes do noso mundo, non dun mundo de hai case cincocentos anos.

Rodríguez e Cobos propóñennos unha lectura do Imperio español aterradora, sen xestos ampulosos, a base de detalles en aparencia sutís, pero moi elocuentes: os cans acoirazados que usan os soldados en América para cazar indios, o desprezo cara ás mulleres, o sálvese quen poida dunha elite incapaz de pensar en algo que non sexa a súa propia satisfacción. La peste é un cadro de Murillo (hai planos que están directamente tirados das súas obras), a visión dos ollos de Cervantes ou Quevedo se eles tivesen que describir cos recursos técnicos de hoxe. É dicir, a serie non precisa distanciar a ollada sobre a propia identidade española, simplemente acoller as voces canónicas e deixalas fluír para que as comprendan os espectadores do século XXI.

A literatura dos séculos de ouro son, para a hispanidade actual, pouco máis ca un fetiche. A mantenta a elite cultural proscribe que se actualice a súa linguaxe porque, no fondo, ninguén quere que se lea en profundidade a mensaxe sociocultural que deita. Simplemente porque pon en cuestión o cerne da singularidade hispana na historia. Non é casualidade que neste tempo vexamos como xorden voces nostálxicas do imperialismo español. O gustavobuenismo da Universidade de Oviedo e todos os seus mediocres epígonos babean por rescatar o hispanismo do baúl do oprobio da historia porque queren ver naquela rapina ansiosa que caracterizou a conquista de América tamén unha proposta universalista e autóctona capaz de competir cos grandes sistemas de gobernación e pensamento.

No plano popular, esta visión nostálxica estivo exemplificada nas aventuras do capitán Alatriste, personaxe de Arturo Pérez Reverte con pésima fortuna na adaptación ás pantallas (ben, todas as obras do murciano chegan á pantalla ríxidas, inertes ou mutiladas). Naquela serie de libros, a pesar de parecernos que o capitán, veterano escéptico de Flandres, nos podía amosar a perfidia do imperio, en realidade simbolizaba todos eses valores de antano que sustentan a idea nacionalista de España (Castela): a honra, a lealdade, a pericia militar, a fachenda… Pérez Reverte inventaba incluso un castelán antigo (e hai que recoñecer que o fixo moi ben) para facer exótico, e polo tanto, sedutor, aquel tempo de duelos entre soportais e xerras de viño.

La peste non quere distanciarse. De feito, un dos acertos é a lingua dos diálogos, sen anacronismos, mais sen imitar un pasado inimitable. Escoitamos falar en andaluz, no andaluz de hoxe, máis ou menos, e non por iso a serie perde unha chisca de verosimilitude ou interese. Con certeza, axuda moito a excelente ambientación, pendente de todos os detalles, e a descrición de hábitos e costumes que se filtra nas escenas, sen wikipedismo nin solemnidade, co toque xusto para que nos decatemos de que o artefacto é poderoso e non ten falla ningunha.

A partir da linguaxe e da escolla dos protagonistas (herexes, mulleres —putas, ladras, viúvas, escravas…—, orfos e arribistas), Rodríguez e Cobos amosan o Imperio real, a masa de vermes devoradores da opulencia imperial. España é, nesta serie, non un proxecto cultural moldeado polos séculos ou por un destino concreto senón o banquete que se dá a si propio un país que levaba moito tempo esfameado. A Castela imperial pasou do páramo (as Extremaduras, a conquista da terra seca ano tras ano camiño de Andalucía) ao verxel (a civilización andaluza, a exuberancia americana) en moi pouco tempo. E igual ca o alazarado que come por compulsión, pasou a metade do tempo a papar e a outra metade a escorrentar os rivais que querían arrebatarlle as viandas. É nese caldo de contradicións, febril e morriñoso, no que a serie atopa espazo para unha historia imprescindible, xa non tanto pola trama (insisto, o engado) senón por todo o demais. Algunhas escenas, coma a da carreira do cabalo cego, son xa imborrables. Rodríguez e Cobos cospen sobre a lenda rosa. E que ben que teñamos a fortuna de velo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *