‘Lamentacións dun prepucio’. Auslander contra o Sanedrín
Shalom Auslander pertence á comunidade de relixión xudía (versión ultraortodoxa) do estado de Nova York. Desde que tivo uso de razón identificou a relixión co desgusto: o dun pai violento, o dun ambiente opresivo que só ofrece vantaxes para o máis alá mentres prohibe todo o bo do máis acá. Mais a pesar dos seus desexos de desembarazarse desa lousa travestida de tradición, ao final o medo ao Deus de Israel convérteo nun neurótico, un home infeliz que polo menos é quen de converter a súa amargura en bo humor e en mellor literatura.
Rinoceronte publica en galego por primeira vez a obra do estadounidense. Lamentacións dun prepucio é quizais o seu libro máis representativo, o que garda as pantasmas e obsesións que desenvolve en toda a súa obra. Por iso está ben escollido como porta de entrada para o público galego ao universo do autor. Estou seguro que moitos dos que o non o leran, a partir deste volume buscarán outros traballos seus e han atopar Esperanza. Unha traxedia (publicado en castelán por Blackie Books). E aí o deixo, que desta volta non falamos desa senón destoutra novela.
Lamentacións dun prepucio ten diversas virtudes. Algunhas sociolóxicas e antropolóxicas. É complicado encontrar unha descrición tan diáfana da comunidade xudía estadounidense que si cumpre o “preceuto”, para entendérmonos. No cinema aparecen case sempre os xudeus escépticos de Manhattan mais case nunca se repara no colectivo que vai á sinagoga, considera xentís aos seus veciños non circuncidados e mantén unha relación case de maior proximidade con Israel ca con Nova Jersey. Ou quizais iso é o que parece. Con habelencia, Auslander vai introducíndonos entre os “seus” nunha viaxe naturalizada, é dicir, nunca acabamos de estar dentro ou fóra; cando pensamos que unha cousa é deste ou desoutro xeito, de repente dános marcha atrás, amósanos outra prega da comunidade e temos que reconstruír o noso preconcepto.
Auslander, quizais dun xeito inconsciente, estanos a indicar para que serve hoxe crer en algo.
Esa técnica é talvez o recurso narrativo mellor conseguido polo escritor e humorista. Non trata o lector como un forasteiro ao que lle hai que “ensinar” a granxa humana exótica. Non é a típica novela sobre un colectivo pouco coñecido que ben busca a súa redención ou a presentación amable diante da maioría. Coido que ese vello truco de falar do local para así acabar por entender o universal lévao Auslander a unha nova dimensión: “Eu falo disto, dos meus, para os meus, con coñas que seguramente vós, os outros, non habedes cachar ao cen por cento”, parece dicirnos no subtexto o autor. “É tarefa miña, iso si, tervos coa alma nun puño, case sempre no límite entre a incomprensión, o asombro e o rubor, para que sigades a ler”.
Consegue esa comuñón co lector porque en efecto non hai teatro, hai unha especie de crueldade metafísica, unha sinceridade sobre si mesmo, a súa familia, os seus medos atávicos, a difícil relación cunha relixión concibida para un mundo que hoxe parece extraterrestre mais que ao tempo que o martiriza, lle permite seguir camiñando cara a adiante. Auslander, quizais dun xeito inconsciente, estanos a indicar para que serve hoxe crer en algo. Seguindo a sentenza da teóloga e historiadora Karen Armstrong, a relixión segue a ser hoxe o que era hai miles de anos: un refuxio para as persoas incapaces de entenderen a violencia que cicatriza calquera colectivo humano. No caso de Auslander, Deus ten que ser, quere el que acabe por ser, ese pai que perdeu nun momento da infancia. Ese pai que recorda con agarimo mais que logo se converteu nun monstro amargurado.
A novela está escrita cun atrevido sentido do humor. É moderna, adulta, ríspeta nalgúns momentos a pesar do ambiente coloquial que consegue trasladar o tradutor Rafael Salgueiro ao galego con bastante solvencia.
Lamentacións dun prepucio é un libro moi interesante para quen queira mergullarse nun universo exótico malia asentarse nun espazo hipercoñecido pola cultura de masas como é Nova York. Unha novela divertida que empata con certa tradición propia de novelas de “damnificados” da relixión, por exemplo as galegas A nosa cinza, de Xavier Alcalá, ou Amigos sempre, de Afonso Eiré.
♦ Lamentacións dun prepucio, de Shalom Auslander. Tradución de Rafael Salgueiro, Rinoceronte, 2015 284 páxinas. ♠18,50€