‘Las otras víctimas’, o ángulo morto da transición española
César Lorenzo Gil.
Las otras víctimas. La violencia policial durante la Transición (1975-1982) (editado por Prensas de la Universidad de Zaragoza, no 2022) é unha magna obra de David Ballester que presenta un flanco do paso da ditadura á democracia en España case sempre mal explicado, en ocasións escondido e nunca marco de análise histórica fóra do ámbito académico.
David Ballester (Barcelona, 1960) é profesor no Departamento de Historia Moderna e Contemporánea da Universitat Autònoma de Barcelona. Estudou diferentes aspectos relacionados coa represión policial durante o franquismo e xusto despois da morte do ditador.
Neste libro explica, dunha maneira precisa e ampla, como a estrutura franquista no eido policial apenas mudou até a chegada do PSOE ao poder, no outono do 1982. Moitos dos datos recollidos e divulgados neste libro axudan a interpretar mellor determinados vicios e tendencias do estamento policial aínda hoxe, máis de corenta anos despois do fin da primeira fase da Transición.
A policía que legou o franquismo foi, sobre todo, unha policía política. O uniforme da policía armada estaba influído polo III Reich, desde a aguia ao casco, que era unha copia do capacete de aceiro Z-42, calco de inferior calidade do modelo M-35 da Wehrmacht.
Aínda no 1977, na Academia de Policía, os únicos conceptos que se estudaban na materia de Historia eran aqueles relacionados coas aberracións do comunismo en Rusia, os tres anos triunfais da guerra do 1936 e a loa a Franco.
No 1982, sete anos despois da morte de Francisco Franco, nove das 13 Xefaturas Superiores de Policía de España estaban dirixidas por antigos membros da Brigada Político-Social. No 2020, xa gobernando Pedro Sánchez como primeiro ministro dun gabinete formado por socialistas, Podemos e outros partidos de esquerdas, o goberno negouse a responderlle ao deputado de EH-Bildu Jon Iñarritu cando este preguntou no Congreso polas identidades dos 115 policías franquistas que tiñan condecoracións pensionadas.
Gatillo fácil
O libro de Ballester é prolixo na documentación da violencia policial. Segundo as súas pesquisas, a policía española matou, entre o 1975 e o 1982, 91 persoas, en casos catalogados como de “gatillo fácil”. Practicamente todos estes crimes quedaron impunes.
Algúns casos son un pouco máis coñecidos, como por exemplo o do policía (actualmente xubilado) Sebastián Trapote e José Luis Herreros, mecánico de Badalona. Trapote, que dirixía a Policía Nacional durante o 1 de outubro do 2017 (data do referendo soberanista en Catalunya), asasinou no 1974 a Herreros nun dos casos máis sinistros do final do franquismo. O 7 de xuño do 1974 un grupo de policías detivo e matou o mecánico. A autopsia foi concluínte. Herreros foi asasinado dun tiro de bala polas costas. Antes recibira un tiro nun pé. Ese tiro, que recibiu cando fuxía, inmobilizouno. Os policías, entón, levantárono, esposárono e inmobilizárono contra a parede. Nese momento, o daquela subinspector Trapote disparoulle á altura do corazón, sen miralo á cara. Trapote nunca foi xulgado por este asasinato porque se beneficiou dun indulto no 1977. Curiosamente, si houbo un proceso civil sobre este caso e a viúva de Herreros, Pilar Torres, recibiu unha indemnización de sete millóns de pesetas no 1983. Na sentenza civil danse por probados todos os feitos criminosos, pero o indulto evitou que o asasinato figurase no expediente de Trapote. Nin sequera parou o seu ascenso dentro do corpo.
Con todo, Trapote non é o policía máis protexido polo sistema. José Domínguez Tuda foi indultado dúas veces por casos relacionados con torturas.
Tuda morreu no 2012 cos galóns de comandante da Garda Civil. Fora condenado dúas veces por torturas. Unha no 1990 (no caso de Jokin Olano) e outra no 1994 (caso dos irmáns Olarra). O goberno socialista elevou ao BOE dúas grazas que posibilitaron que o militar seguise a súa carreira na Benemérita.
Canda Tuda, outros dez policías e gardas civís condenados por torturas recibiron indultos. Curiosamente, a última condena efectiva por torturas policiais en España data do 1992. Como recorda o xornalista Alejandro Torrús, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou nove veces o Estado español por negarse a investigar torturas.
O saco de Errenteria
A sombra da ETA e dalgúns outros grupos armados, moi activos no período estudado por Ballester, serviu de escusa ou atenuante para estes abusos policiais. Nos sete anos estudados, a policía matou 35 membros da ETA e 13 do GRAPO. Ningún membro de grupos armados de extrema dereita.
Como mostra moi relevante e hoxe practicamente esquecida fóra de Euskadi, o libro recorda o Saco de Orereta-Errenteria, un capítulo na historia da policía española digno de memoria.
O 11 de xullo do 1978 unha compañía de policía procedente de Miranda de Ebro acudira a Errenteria para reprimir as protestas polos asasinatos, primeiro de Germán Rodríguez en Iruñea, e despois de Joseba Barandiaran en Donostia, por parte da propia policía. Na localidade guipuscoana declarárase unha folga xeral en repulsa polos sucesos anteriores.
No barrio de Orereta os policías racharon (con pelotas de goma, coas culatas das súas armas) escaparates de máis de 50 establecementos. Roubaron reloxos, aparellos electrónicos. Incluso pasteis. Mexaron e cagaron nos portais. Dispararon contra as casas que exhibían a ikurriña. Chegaron a queimar un camión e a estragar o propio vehículo no que eles se trasladaran para culpar os folguistas de violentos.
O capitán ao mando, José Luis Farizo, tras publicarse as imaxes do saqueo na prensa internacional, foi relevado. Pero puido integrarse no exército, onde ascendeu a coronel.
As vítimas galegas
As moitas vítimas que aparecen neste libro de Ballester apenas se recordan hoxe en día. Non teñen nin placas nin homenaxes. Nin sequera é doado seguirlles o rastro na internet. Algunhas eran galegas. Como o caso de Luís Alonso Vila, de 21 anos, asasinado dun balazo por un policía de paisano (Carlos Rodríguez Cuña) e fóra de servizo o 17 de outubro do 1982 nun club nocturno de Mos. Nese atentado, Cuña tamén lle disparou nun pé a Argimiro Rodríguez Carballido.
Tamén era galega Elvira Parcero Rodríguez, que o 10 de abril do 1978, con 21 anos, sufriu feridas que logo lle causarían a morte tras unha carga policial durante unha manifestación en Vigo de traballadores da empresa naval Ascón.
O libro recorda tamén o galego Alberto Soliño Mazas, nacido en Bouzas, pero veciño de Pasaia (Guipúscoa), asasinado aos 33 anos por un militar fóra de servizo en Eibar o 12 de xuño do 1976. Soliño, que formaba parte dun grupo musical (Alarma), logo dunha actuación nun festival de música vasca, intentou intermediar nunha discusión sobre un coche supostamente mal aparcado entre o cantante do seu grupo e o garda civil Luis Carpintero Taravilla, quen o tirou de diante botándoo ao chan e disparándolle posteriormente.
Carpintero seguiu formando parte da Garda Civil. A viúva de Soliño, conta Ballester, tiña que ir ás dependencias onde traballaba o asasino do seu home cobrar, en cuotas mensuais, a indemnización dun millón de pesetas que lle adxudicara a xustiza.