‘Lavandaría’ vs ‘Satélite Disiclín’
Xornada 5. Xosé Duncan perante Ana Vigo.
Lavandaría
Só quería lavar un edredón, non debía ser unha tarefa complicada. Pero cando volveu para recollelo, quedara atrancado dentro da máquina. Termou del sen éxito. Colleu aire e meteu medio corpo no tambor para suxeitalo mellor.
Notou que algo a succionaba. O mundo empezou a dar voltas, e non podía pensar con claridade. Cando foi expulsada ao exterior caeu de costado co corpo dorido e a cabeza do revés. Botou fóra o almorzo todo, e permaneceu uns segundos deitada, sen entender que pasara.
Xa non estaba na lavandaría. Atopábase no exterior, en campo aberto, e non había sinal do edredón nin da lavadora. Escoitou risos, e ao mirar naquela dirección, viu dúas persoas; intuía que o eran porque conversaban e dalgún xeito sorrían. Pero tiñan todo o aspecto de seren camisas.
Camiñou polo prado devagar. Cruzouse con saias, túnicas e calcetíns, e todos eles se comportaban como excursionistas nun domingo preguiceiro. Mesmo localizou un grupo de gorras xogando ao béisbol.
De socate, as voces ledas daquela xente detivéronse. Unha chaqueta de traxe encarouse con ela.
—Ti! —espetoulle— Como te atreves?
—O que?
Coa manga, a chaqueta sinalaba os seus pés. Ao mirar para si mesma, decatouse de que estaba espida, pero non era aquilo o que molestara o seu interlocutor. Baixo o seu talón había algo, que pisara sen querer; o extremo dun longo almofadón, que se queixaba entre gruñidos.
Sobresaltada, apartouse cun chimpo e pediu desculpas. De nada serviu; a un xesto do almofadón, a chaqueta inmobilizouna, cunha forza insospeitada en alguén sen músculos.
—Pagarás por agredir o noso rei!
Levouna a rastras polo campo, ante as miradas curiosas da roupa. Chegaron ata o que parecía ser un tendal de pé xigantesco. Axudada por outras semellantes a ela, a chaqueta pendurou a súa prisioneira boca abaixo, suxeita dos pés por unhas pinzas enormes.
—Quedarás aquí mentres decidimos como executarte —sentenciou.
Deixárona soa, chorando por axuda. Despois duns minutos, decidiu que só podía esperar a que acabasen con ela. Pechou os ollos e tentou relaxarse nos seus últimos momentos con vida.
Oíu novas voces, abraiadas. Mirou para abaixo. O vestido e medias que fitaban para ela resultábanlle familiares.
—Rápido, hai pouco tempo —urxiu alguén, que xa remexía nas pinzas. Era a súa roupa interior. Ao recoñecela, tentou formular un agradecemento, pero precipitouse ao chan e o mundo volveu xirar a velocidade supersónica.
Cando todo se detivo, abriu os ollos. Estaba deitada no chan empapado da lavandaría, rodeada de prendas espalladas e, como ditaba a lóxica, sen vida.
Ana Vigo.
……………………………………………………………..
Satélite Disiclín
Estou na lavadora. Estou na lavadora, centrifugando a mil decepcións por minuto. Protexo a cabeza entre as mans para evitar que bata contra o tambor da vida, desta vida que iniciei sen prelavado. Por que ninguén nos advirte da inutilidade dos nosos esforzos? Por que non nos avisan do baleiro infinito do Cosmos? Para que lavar os nosos calzóns se os imos lixar de novo?
Estou na lavadora. Fecho con forza os ollos, que choran irritados polo suavizante que non remata de restar importancia aos fracasos, nin de temperar o lume dos momentos en que fixen dano a sabendas. Ábroos de novo, dando por perdida a purga das miñas faltas, e pasan ante min os xogos de sabas, formando remuíños ao meu redor. As de inverno cruzan pola órbita superior e polo meu hemisferio sur as de verán, mesturándose as noites solitarias coas acompañadas, mais todas me resultan igual de alleas e estrañas.
Estou na lavadora. O meu inferno particular non deixa de dar voltas. Un desfile de camisas desgastadas e sen cor saca a paseo a ostentación dun pasado de vaidades, de liñas perfectamente definidas e engurras inexistentes. En menos dun segundo vense engulidas por unha manda descontrolada de toallas. O seu ronsel vai cargado dun cheiro intenso a suor e a humidade nunca secada que fai que afaste a cara con noxo, con noxo de min mesmo.
Penso en chamar por alguén, por quen puidese sacarme de aquí e poñer fin a este circo. Reméxome nesta pista vertical, esquivando elefantes, pallasos e trapecistas. Alcanzo a diminuta ventá de plástico raiado. Apégome a ela e sorpréndeme a súa friaxe. Non debería ser todo mellor alén deste limiar? Está tan desgastada que é imposible albiscar nada ao outro lado. Decepcionado e asustado, afástome deste ollo gris, cegado pola calixe de centos de chuvias de lixivia.
O centrifugado xa rematou e a corrente de auga traza fermosas espirais. Sitúome no centro exacto deste universo. Encóllome coma un feto. Un par de mantas acoden rapidamente a arrouparme, como se botasen en falta os nosos bailes de inverno, e eu déixome querer.
Estou na lavadora e, talvez, este é o lugar onde debo estar.
Lavandaría
Este relato semella un exercicio de fantasía descontrolada. Unha idea botada sobre o papel pero non rematada, deixada así, a medio lavar. Sacar estas ideas a pasear tamén é necesario, o torneo é, en parte, para isto. Por iso non vou critcar a tolería do relato senon a busca de encaixar a historia nun formato convencional, por exemplo coa conclusion. Pisar ó rei resultame unha excusa pobre, o simple feito de estar alí no mundo dos calcetíns perdidos xa era razon para colgala, sen máis. Inda así, aceptando iso, aqui tiñamos que estar na metade do relato. Aquí era onde tocaba arriscar e crear algo máis aló do xa creado, facer lume da chispa. En cambio atopome cun final apresurado nas 417 palabras. Pois non quedei convencido. Lévame ó extremo, autor/a, contame unha historia sen pes ni cabeza pero enteira, completa, que non pare de correr nin mire atrás.
Satélite Disiclín
Imposible non ler este relato sen cantaruxar esa canción que todos sabedes (e non é satelite xabarín). Pareceume moi bo, unha introspeccion autoculpatoria fresca, que non vai polo camiño de sempre e que remata cunha frase tan realista como desoladora. O uso dos elementos relacionados co lavado da roupa (lavado de conciencia?) non é só cosmético, hai aí, nesa ficcion, unha verdade (universal, non digo referido ó/á autor/a) que captou a miña atención todo o relato a pesar de que sabía que era un relato máis teórico que práctico (non sei se entende isto).
pd: no relato pon “Disiclín” e no titulo do post “Diseclín”.
Boas tardes, de novo aquí facendo os deberes desta semana. Procedo a dar a miña opinión e dar o meu voto.
Lavandaría.
Ao contrario ca Lois Z, para min un dos mellores relatos desta 5ª Xornada é Lavandaría. Os meus parabéns ao seu autor ou autora. Teño as miñas sospeitas da autoría, pero mantereino en segredo. Enganchoume desde a primeira frase e paréceme moi orixinal facer unha personificación da roupa. E tamén aplaudo o final, xa que unha morte final outórgalle verosimililitude ao relato. Moi divertido e orixinal.
Satélite Disiclín.
Máis aló da mentada canción Estou na lavadora, non destaco nada, salvo que é un relato sinxelo pero que a min non me gustou o principio. O gran hándicap é que o relato competidor si me gustou desde o principio e debemos escoller só 1.
O meu voto é para Lavandaría.
Estes dous relatos resúltanme interesantes pero fáltame algo en ambos.
En Lavandaría atopei unha trama atractiva, estilo «Alicia no país das marabillas» que só precisa espazo e tempo para dar en algo digno de premio. Coa extensión adecuada e un par de conversas pausadas entre as personaxes habería moito que rascar.
Satélite Disiclín resultoume un relato máis rematado pero cunha premisa máis escura. A frase inicial vai directa ao hipotálamo daqueles aínda eramos adolescentes nos noventa. Gaña a complicidade dese lectorado en tres palabras. Porén, o contraste do relato depresivo cunha canción tan divertida déixame un sabor agre.
Creo que calquera cousa que vote vai ser inxusta, pero vou votar por Lavandaría.
“Lavandaría” é interesante este relato estilo “Alicia está flipando”, realmente entra moi directo na narrativa apoiado gracilmente na foto. Poida que se bote de menos algo máis de chicha polo medio, pero en xeral é fresco e divertido. Ata o macabro, e lóxico, final lle queda ben.
“Satélite Disiclín”, encantóume. Xa desde o título, anda que non evoca cancións, levo unha semana con ese mashup demencial na cachola por culpa do relato. Despois apoiase nesa outra canción que non sae no título e vainos levando daldo voltas enmarañados en distintas pezas de roupa que personifican outros tantos momentos vitais de forma moi curiosa, efectiva e tamén amarga. Está tan ben montado que creo que se podería musicar. Parabéns ao autor/a.
O meu VOTO vai para o “Satelite”.
Este é o duelo que máis me gustou. Gustáronme os dous, moito. Parabéns a ambos autores. Escribo mentres aínda non sei a quen votar.
“Lavandaría” Encantoume. Unha especie de Alicia no país da roupa limpa como sinala Fran. A primeira vez que o lin estiven todo o relato pensando WTF e preguntándome como se resolvería todo iso. Gustoume o final aínda que en sucesivas lecturas resulta confuso saber cando sae da lavadora e abandona o país da roupa limpa para morrer. Xenial a forma de resolver esa foto tan f* retorcida.
“Satélite Disiclín”
Non me gustou o título. Nin reparei nel na primeira lectura e en sucesivas tampouco me atrae moito. Entendo o de satélite pero Disiclin? Na roupa? En serio? Satélite Vernel, Estado Mimosín. Sóbrame un estou na lavadora no primeiro paragrafo e mais cando o volve a reutilizar nos seguintes. No cuarto sóbrame a referencia ao circo, elefantes e todo. Sácame deste lavado xenial para levarme a algo moi usado e non facía falta. Esquivo panos da cociña, camisetas de deporte que apenas usei e unhas moedas que non sei como acabaron neste espacio para os tecidos sucios, coma o meu corpo. Non sei, algo que non te quite de onde estás dando voltas.
“Estou na lavadora e, talvez, este é o lugar onde debo estar” eu tamén estiven alí.
Voto dividida por “Satélite Disciclín”
Antes de nada, tedes que perdoar que comente tan tarde. Hoxe rematei os exames e saturei un pouco co de ter que escribir o relato tamén, pero bueno, todo guai, creo que aprobo.
Este é o primeiro duelo que leo e xa me deixa moi bo sabor de boca. Moi bo traballo cunha foto tan simple que se envelena.
Lavandaría dame ese aire a Alicia do que falan Fran e Marisol. Creo que se propón unha fantasía da que o único camiño era deixar que atropelase, pois ese final penso que corta un pouco ese final que me gustaba tanto. Aínda así, encaixar tanta fantasía non debe ser doado. Parabéns¡
De Satélite Diseclin teño que dicir que non conectei de todo coa referencia, pero a linguaxe está moi ben empregada e a idea do texto é forte, iso entendese a través de calquera referencia. Gústame moito o xogo coas prendas e aínda a ter un ton completamente distinto, consegue unha musicalidade que case lle da para unha cover.
O meu voto vai para Satélite Disclin.