Lembrando o Joan Fuster poeta
Xesús González Gómez.
Celébrase hogano o centenario do nacemento do escritor valenciano Joan Fuster. Ensaísta, critico literario, historiador, poeta, etc., foi un dos grandes escritores cataláns do século XX e, que dúbida cabe, e tal está considerado por todos os estudosos da literatura catalá, o seu maior ensaísta do pasado século. Se ben a súa «carreira» literaria se iniciou, todo un clásico como poeta, en 1948, cando se publica Sobre Narcís, en 1954, despois de levar publicados cinco libros de «versos», como os definía el, deixou de publicar poesía. O que non quere dicir que abandonase o seu «cultivo»: en 1987 deu ao prelo Set llibres de versos, no que recollía os libros publicados máis dous inéditos e uns cantos poemas soltos.
Lendo os seus poemas, o lector decatarase axiña das influencias sufridas, ou dos poetas dos que máis gustaba o escritor valenciano: Baudelaire, Verlaine, Rimbaud, Claudel, Valéry en particular, Paul Éluard, ao que tiña como un gran poeta: a predilección pola poesía francesa, como subliñou Josep Ballester (Joan Fuster: una aventura lírica (Valencia, Eliseu Climent Editor, 1990; prólogo a Joan Fuster, Antologia poètica, Barcelona, Proa, 1993), é notoria e patente. Mais tamén outros poetas o «influíron»: Dámaso Alonso, Lorca, Salinas, Neruda… curiosamente (?) a influencia dos poetas cataláns foi menor, debido a que, como afirmaba o propio Fuster, coñeceu os grandes poetas cataláns cando xa escribira gran parte da súa poesía.
Segundo o citado Ballester, na «obra poética de Fuster achamos dúas vertentes ben diferenciadas. A dun poeta exquisito, cegado pola poesía pura e polo simbolismo, aquilo que el mesmo chamaba La fille de Minos et de Pasipahaë […]» e a dun «poeta irónico e mordaz, prosaico nos seus versos cun ton marcadamente antilírico». Estas dúas vertentes conducen a poesía de Fuster, afirma o mesmo Ballester, a «navegar entre dúas fascinacións: o postsimbolismo, por dicilo así, tal como concibía e desenvolveu Paul Valéry, e un superrealismo (sic)[1], cunhas claras e inevitábeis doses de existencialismo francés e da “cousa social mal entendida”, en palabras do propio Fuster». Lembremos que o escritor valenciano se enfrontou, no III Congreso de Poesía celebrado en Santiago de Compostela en 1954 en certo modo aos cultores da poesía social española daquel tempo (Gabriel Celaya, sobre todo). Quen apoiou a Fuster foi… Filgueira Valverde.
Fuster non foi, en contra do que el dicía dos seus versos, un «mal poeta». Como escribiu Enric Sòria, un dos mellores poetas cataláns actuais, un gran diarista e un excelente crítico: «Coa súa escolla [abandonar a poesía polo ensaio, a historia e o artigo xornalístico], o País Valenciano gañou o escritor que ía interpretalo; o ensaio catalán, un mestre lúcido, de grande alcance. As nosas horas irremediabelmente perderon algúns versos de amor diáfanos e talvez sublimes; unhas cantas sátiras espléndidas»// “Virá a hora de ver dentro dos versos”. Chegou a hora, por fin, de ver dentro dos versos que Joan Fuster escribiu, cando menos estes. Non será inutilmente se é que os len».
En 1953, Fuster, para «conmemorar» o cuarto centenario do pasamento de François Rabelais (e aproveitamos a ocasión para recomendar a súa lectura, a de Rabelais –e a de Fuster, por suposto– xa que temos a oportunidade de lelo nas excelentes traducións que da obra do francés fixo Henrique Harguindey: Gargantúa e Pantagruel (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991); e Cuarto libro (Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2004), dicíamos, para conmemorar os catrocentos anos de Rabelais, Fuster escribiu un poema que aparecería en 1969, no seu Diari 1952-1960 (Barcelona, Edicions, 62, 1969, p. 67-78). Este poema, que entregamos hoxe vertido en galego como homenaxe e recordatorio do grande escritor valenciano, catalán, é un «escrito» que mostra que o pensamento de Fuster (malia incorporacións novas a finais da década de 1950 e outras na seguinte década: Marx e Gramsci, respectivamente) non variou substancialmente co paso do tempo.
ELEXÍA A RABELAIS
François Rabelais, décédé âgé de 70 ans, rue des Jardins, le 9 avril 1553, a esté enterré dans le cimetière de Saint-Paul…
Acabo de lelo no xornal: onte, onte mesmo,
morriches.
Diso hai catro séculos, claro.
Onte, porén.
E deberiámolo de celebrar dalgunha maneira:
por exemplo, bebendo.
Venite apotemus!
Non é que pense que a morte de alguén,
a túa ou a miña,
deba de celebrarse, o que se di celebrada,
nin bebendo nin recitando absolucións,
nin con calquera outra ornamentación efusiva,
porque morrer, a fin de contas, é unha cousa
literalmente ignominiosa.
Ti xa o entendes, non si?
Pero temos que conmemorarte.
Trátase dun costume que as persoas cultas
estableceron,
non sei ben por que,
quizais para pasar o tempo, quizais
por impiedade,
ou para xustificarse a cultura
e facernos ver, como o lemosino do teu libro,
que veñen, máis ou menos,
de l’alme, inclyte et celebre academie
que l’on vocite Lutece.
Non sería, polo tanto, discreto
escapulirse.
Eles farano ao seu xeito:
con tenues discursos,
con teses doutorais,
con cerimonias cartilaxinosas ou anacos de pedra.
Hai algo máis triste ca unha tese doutoral?
Fai o favor de dicirmo!
Somos nós que nos agradamos,
nós,
a posteridade
necrófila,
necrófaga,
canora.
De feito as teses doutorais só serven,
con sorte!,
pour se tourcher le cul,
concretamente cus doutorados.
Algúns, non obstante,
eu e outros coma min, estou seguro,
xente escura e domiciliaria,
optamos por lembrarte cun grolo de viño,
ou co acto solemne de desabotoar a petrina
e mexar ou foder a continuación,
ou cunha comida copiosa
daquelas que por ti chaman pantagruélicas.
Ou rindo.
Poderá, sen dúbida, parecer un sacrilexio
iso de aplicar unha risada
en sufraxio da ánima dun defunto.
E non,
pour ce que rire est le propre de l’homme
como nos ensinaches.
E tamén porque, no fondo, a túa alma
(se tiñas)
non debe de necesitar sufraxios
despois de tanto tempo.
Somos lectores teus,
lectores desinteresados, superfluos, grises.
Non nos achegamos aos teus escritos ou vidros
con malicia de filólogo, nin para facer exercicios
seguramente acrobáticos
de literatura comparada.
Lémoste por ler, e abonda.
Attendez un peu que je hume
quelque traict de cette bouteille!
Unha gota, ou dúas,
e a outra cousa.
Inauguraches unha nova forma de rir
na área da civilización occidental
e –ai!– cristiá,
e sentímonos ferozmente humanos cando a practicamos.
Ademais, por debaixo, hai unha lección.
Vivez joyeux
é a túa consigna.
Pensándoo ben, esta sería a única forma
de vivir,
e vivir como Deus manda.
Temos que vivir como ti nos aconselles,
non como nos aconsellen Hegel ou Sartre
ou calquera outro escrúpulo monstruoso.
O home, en última instancia,
que é?
Unha fisioloxía que ri,
se se me tolera a fórmula.
Le ventre affamé n’a poinct d’aureilles,
dicía Panurgo.
O ventre,
e o baixo ventre
non teñen oídos, ou máis ben téñenos moi finos.
Non discutiremos por iso.
Hai, por un lado a cuestión dos dous ventres,
a gloriosa, múltiple,
calumniada concupiscencia,
permanente
e astuta;
hai, ademais, o feito de poder rir.
Son fabas contadas.
Rir é unha exclusiva da razón
da razón
no sentido máis restrinxidamente francés da palabra.
Cando redactabas as túas historias
xa te facías vello,
seica. Ou non?
Talvez padecías de gota, ou tiñas
unha próspera úlcera no estómago,
ou ben o fígado insolentábaseche,
e evidentemente a túa capacidade venérea
diminuíra moitísimo,
tanto, que xa non era senón unha pura
ilusión do espírito.
E malia todo, facías estampar aquilo
de «vivez joyeux»
e facías propaganda da mesa e da cama,
con ironía ou non,
con sarcasmos mesmo,
mais, no fondo, seriamente,
e convidábasnos a rir.
Convídasnos ou obrigas: a moquearnos
de todo,
ou sexa, de todo o que é digno de burla,
ou sexa, do irrisorio esencial,
ou sexa, de nós mesmos.
Os homes damos riso.
A montaña, un pozo, as dicotiledóneas, a augarrás,
un verme, mil vermes, o solpor, os diamantes,
a dispepsia das vacas,
non dan riso,
como non dá riso
o mar, as sección cónicas
nin, en xeral, os protozoos.
Non riamos, e non saberiamos como facelo.
Nós si: dámonos riso uns aos outros,
É unha sorte que sexa así:
quere dicir que aínda somos homes,
que aínda temos a razón intercalada entre as vísceras.
A razón aprovéitanos
para rirmos.
eu de ti, ti de min, el de todos,
e para máis cousas, naturalmente.
Por outra parte, axúdanos a recoñecermos
que tamén somos irracionais:
chose qui pense, roseau pensant,
metáforas idiotas para designar ou non designar,
en definitiva non designar
o corpo.
Que pensa. Que pensa porque ri.
Río, ergo son: son home.
O arroto, o peido, a exaculación,
o afectuoso estímulo do alcohol,
mais igualmente o reuma,
a ciática,
as malversacións cardíacas,
o cancro,
forman parte da condición humana.
O teu bastardo Montaigne,
ben que o deixou claro.
É lamentábel, que lle faremos!
Non hai máis remedio que aceptalo, e os que non se atrevan
que entren na Trapa.
Entón, como vivir joyeux?
E non será que vivir joyeux é vivir
coa expectativa do reuma,
da ciática
e do resto?
Na túa época aínda non se inventara,
poñamos por caso,
a aspirina,
nin se inventaran tantos produtos
enigmaticamente benfeitores
como hoxe temos ao noso alcance,
incluíndo as técnicas cirúrxicas
e etcétera.
Unha simple dor de moas, unha alada xaqueca,
unha próstata inclemente,
cando ti vivías,
debían de ser un gran problema,
e non digamos xa os outros suplicios con que nos obsequia
o inflexíbel deterioro do noso corpo.
A túa sátira, supondo que sexa sátira,
non pasaba isto por alto.
Non pasa nada. Eu soamente
procuro subliñar a contrapartida
desoladora.
E incorpóroa, coma ti farías,
á operación de rir.
Ou a de chorar, que, se ben se pensa, é igualmente
humana.
Ti chorabas de tanto en tanto, con ou sen bágoas,
non si?
Imaxínoo.
Mais continuemos. Eles,
porque eles «existen»,
os inimigos da carne,
os inimigos do mundo,
e, valla o eufemismo, os inimigos do demo,
pechaban e barraban as portas, todas as portas:
as do arroto,
as do peido,
e, sobre todo, as da exaculación,
e como moito eran indulxentes coa bebida,
o detalle non representaba máis ca unha vantaxe
subsidiaria.
Plantácheslle cara. Á túa maneira, mollando a pluma en ácidos
inéditos.
Cando hoxe te lemos non acabamos de percibilo.
Mesturábalo todo: isto e outras cousas,
as cousas inmediatas
da túa época,
que te apaixonaban como a min as miñas
(aínda que non o pareza
tampouco mamo o dedo).
Citarei unha pasaxe túa para explicalo, unha pasaxe
que pos en boca de Gymnaste: Mon mignon
je te vous querir,
car tu es gentil petit monachus:
Monachus in claustro
non valet ova duo;
sed, quando est extra,
bene valet triginta…
Coma o teu irmán,
o outro fillo de puta, Erasmo,
tiñas mal concepto dos monxes.
Isto, malia a súa importancia,
decisiva,
proclamémolo, decisiva,
non pasa de ser unha anécdota…
E agora que penso: Consideraches
que a túa escrita
estaba condenada a non ser de fácil trámite
na sociedade industrial
semidesanalfabetizada?
Hai que ter un pouco de idea do latín para te entender:
Monachus in claustro…
Sorte que aquí somos relativamente románicos e xa o pescamos!
Mais non o esquezas,
fixeches mal sendo un intelectual que escribe
para intelectuais
(como todos,
y compris don Rafael Pérez y Pérez,
de Quatretonda).
Os teus lectores póstumos,
eu son póstumo de ti,
e todos somos póstumos de alguén, e alguén, se Deus quere,
será póstumos de nós,
os teus lectores, póstumos,
digo,
non te facemos reproches.
É a lei do herdo, a lei do oficio.
Podemos lerte por instinto
e grazas ás teses doutorais
de que hai un momento abominabamos.
Necesitas notas a pé de páxina,
si!
No pecado levas a penitencia,
como dicía a miña avoa, que no ceo estea.
Fixécheste vello.
M. Alcofibras[2],
M. François Rabelais!
Facerse vello é,
e xa o comprendo porque comezo a selo,
unha mala cousa.
Ti, aos trinta e un anos,
non sentías o medo do peso da idade?
Un que ten medo de se facer vello xa é un vello: é
o que me pasa a min.
Mais os anos, trinta e un, oitenta, catrocentos,
son vitríolo, e o corpo decae:
o corpo, a única seguridade de vivir que temos!
De todos os modos, sospeito que somos máis humanos
canto máis anciáns somos,
a condición de conservarmos un pouco de lucidez,
isto é evidente.
Fixécheste vello, ti, Alcofibras, Rabelais,
que, de súpeto, o teu libro,
os teus libros,
se nos presentan coma unha tétrica hipótese senil.
Para vivirmos joyeux
non será imprescindíbel ser novo?
É posíbel que si, que isto sexa a clave
do problema.
Non me atrevo a supoñelo.
En todo caso, sempre estamos a tempo de rir.
Tamén é difícil rir,
rir en liberdade,
que é como se debe de rir.
Hic et nunc,
ninguén ri,
ninguén se ri.
Ou debemos moi a miúdo rir agachados.
Eles,
os «eles» de sempre,
agora máis armados, máis duros, máis cautos ca nunca,
non queren que riamos.
Non só non queren que riamos deles,
e rimos!, clandestinamente rimos,
senón que mesmo nos negan o dereito
a debater na gargallada mutua, entre nós,
aínda que só sexa para desafogar.
A verdade é que te temen,
a ti,
a ti, M. François Rabelais,
medecin!
Temen a túa maneira de rir, a decocción verbal
da túa risada,
e téñenche medio prohibido, ou prohibido de todo,
ou din que frei Luis de Granada é máis válido ca ti,
ou Paul Valéry,
e iso tamén é unha forma de prohibirte.
Es po,
convertícheste no po que te vaticinaban.
Despois de catrocentos anos de morto,
quen non é po?
Polvo, ceniza, nada…
Pensas que como máximo es admisíbel
como obxecto de bibliofilia,
ou de teses doutorais.
Ao abrir hoxe o xornal e decatarme
que hai que honrarte polo centenario,
que hai que honrarte absurdamente no día e na hora en que
deixaches de ser un home
para te converter en cadáver ou cantimplora,
cadáver, noticia documentábel, corrupción fatal,
decido dedicarche unha elexía.
Isto que agora escribo,
en raias desiguais, arbitrarias, precipitadas,
debe de ser unha elexía.
Se non me equivoco.
chámanlle elexía.
Xa perdín o hábito de confeccionar versos,
mais non importa,
e se non son versos, dácheme o mesmo.
E escríboos coa botella ao lado,
como ti quererías,
como ti querías.
Ennuis beuvant escrivoit
escrivant beuvoit.
Eschylus (si jà Plutarche foy avez, in Symposiacis)
beuvoit composant,
beuvant composoit.
Homere jamais n’escrivit à jeun.
Caton jamais n’escrivit qu’aprés de boire.
E a listaxe sería interminábel.
Morriches,
hai catrocentos anos que morriches:
sorry!
Todos morreremos un día ou outro: non te amoles.
Na túa obra non soes falar da morte
(e tiñas que morrer!),
mais a morte está presente.
E, un pouco, a loita de clases.
Estás morto, definitivamente enterrado, esvaecido,
porque a vida acaba así,
segundo nos ensina a experiencia.
Ti,
morto.
Xeracións e xeracións,
en pequenas doses,
grupos modestos, ocultos, compradores de libros,
fóronche fieis:
léronte?
Léronte e beberon un vaso, unha copa, á túa
memoria.
Non che dedicamos a alegría dun xantar
ou un orgasmo,
xa que nestas circunstancias ninguén pensa
senón na vitoria ou na resistencia dos ventres.
Mais cando comemos, estás ti,
igualmente
cando facemos xogar o sexo,
con perdón sea dicho.
Sobre todo isto último.
Todo ben sopesado, as cópulas das parellas instruídas,
cando menos de bachareis pra riba
deberían consumarse en honra túa
unha vez ao ano, como mínimo.
Ti,
o anti-Sade,
o anti-Lawrence,
o anti-Joyce,
o anti-Miller,
ti,
o xocoso haxiográfico da verga.
o amábel avogado de todas as necesidades corporais,
e mesmo de cagar,
tes ben ganada a nosa devoción.
Sobre todo cando nos induciron a reconsideralo todo
en función do riso.
Amigos, bebamos!…
[1] Joan Fuster, con José Albi, foi o autor dunha Antología del surrealismo español, Verbo, nº, 23-24-25, Febreiro de 1952. Antoloxía precursora desa cousa que se denomina «surrealismo español» e baixo cuxa denominación adoitan escolmarse toda unha serie de poetas que non son surrealistas. Ver as antoloxías de Vittorio Bodini: Poetas surrealistas españoles, Barcelona, Editorial Tusquets, 1971 –aclaremos que neste folleto só se publicou o prólogo que lle puxera Bodini á súa antoloxía I poeti surrealisti spagnoli, Turín, Einaudi, 1963–; nesta antoloxía non aparece ningún poeta surrealista. De Pablo Corbalán: Poesía surrealista española, Madrid, Ediciones del Centro, 1974, nesta escólmase un poeta surrealista: o canario Agustín Espinosa; podemos considerar que hai dous porque se reproduce, case como curiosidade, un poema de Salvador Dali, de cando este era surrealista. E de Ángel Pariente (Ángel Manuel Aragón Pariente –1937 – 2017–, foi un dos responsábeis da Editorial Júcar e director in pectore da colección Los Poetas): Antología de la poesía surrealista, Madrid, Ediciones Júcar, 1984. Pariente, bo coñecedor do surrealismo (recomendamos altamente dous libros seus: Repertorio de ideas del surrealismo, 1919-1970, Pepitas de Calabaza, edición ampliada do Diccionario Temático del surrealismo, Alianza Editorial, Libro de Bolsillo, e Razonado desorden: textos y declaraciones surrealistas (1924-1939), Pepitas de Calabaza, ampliación da primeira edición publicada pola Fundación Cultura y Progreso de Córdoba en 1991), antologa poetas españois e suramericanos, un total de corenta e un dos que doce son surrealistas –se se ten en conta que escolma poemas de Antonio Saura cando este se presentaba como «pintor surrealista». Pariente, no 2002, fixo unha nova edición da antoloxía, da que se imprimiron 50 exemplares, Éditions de la Sirène, París, na que eliminaba unha serie de poetas (Moreno Villa, Vallejo, etc.) e daba entrada a poetas verdadeiramente surrealistas. O número de poetas era o mesmo, corenta e un, o número de poetas surrealistas aumentaba a dezasete. (Curiosamente, e non entendo como, Pariente deixaba fóra da súa escolma poetas surrealistas suramericanos como o arxentino Francisco Madariaga, o venezolano Juan Sánchez Pelaez e o chileno Ludwig Zeller –ben que este se negaba a participar en antoloxías–, e mesmo visto algúns dos nomes escolmados, o chileno Gonzalo Rojas e os surrealistas canarios Domingo López Torres –asasinado polos golpistas en 1936: metérono nun saco e lanzárono desde un avión ao mar– e Emeterio Gutiérrez Albelo. A antoloxía pódese descargar na rede. Ora, a verdadeira xoia, e iso que hai dabondo, para bibliófilos afeccionados a sandeces bibliográficas é o libro de Paul Illie, Los surrealistas españoles, Madrid, Editorial Taurus, 1972. Digamos que Fuster/Albi antologan dous poetas surrealistas, que logo deixaron de selo: Juan-Eduardo Cirlot e Antonio Saura, lembrando o que se dixo liñas atrás sobre o pintor. Digamos que entre os poetas escolmados está Álvaro Cunqueiro, con poemas tirados de Elegías y canciones.
[2] M,: Monsieur (señor) (Nota do tradutor)