BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Lembranzas dun mestre subversivo’, batallas do pasado mal contadas

Xacobe Medina.

César Lorenzo Gil.

Lembranzas dun mestre subversivo, publicado por Xerais fóra de colección, é a primeira novela de Xacobe Medina (Pontevedra, 2000). O argumento é doado de resumir. Manuel, un profesor de Filosofía retirado é diagnosticado de cancro de estómago. A partir de aí, a filla, Natalia, empezará a coñecer o pasado dos seus pais, do que até momento non tiña moita idea.

O título e o deseño da tapa poden ser enganosos porque aquí hai pouco de subversión ou de experiencia docente. Lembranzas, si, estradas ao chou en case duascentas páxinas moi mal escritas, posuídas por diálogos as máis das veces intranscendentes, noutros casos reiterativos, tamén wikipédicos, aínda que case sempre fóra de lugar.

A novela podería resumirse nun relato curto e non se perdería apenas nada do universo que propón, baseado en clixés, en certa nostalxia de cartón-pedra e nun uso de “conceptos filosóficos” que intentan achegar este libro se cadra a O mundo de Sofía, de Jostein Gaarder, pero que en realidade converten moitas páxinas do libro nun meme do Facebook. Hai determinados libros que erran algún cálculo, que quedan a medias no seu obxectivo, pero que gardan detrás unha boa idea, un esquelete interesante, o esforzo técnico dun autor literario. Infelizmente, no caso de Memorias dun mestre subversivo non hai nada disto. O único salvable é a vontade creadora, a necesidade de poñerse a encher follas con eses diálogos inservibles, pero o destino destas páxinas debera ser a gabeta, un exercicio de adestramento narrativo ao servizo de proxectos futuros maiores.

O grao de estimulación de ler este libro é semellante ao que produce ver pasar coches e máis coches por unha autoestrada desde un balcón: repetición, ruido, irritación. As personaxes falan todas igual. Cando contan as cousas, nárranas tan mal coma a narradora principal, non teñen en conta o contexto no que din as cousas e cambian de tema ou recordan algún dato no peor momento, descolocando a quen le, evitando calquera tipo de identificación coa historia. 

É habitual na literatura galega actual usar o diálogo como mecanismo narrativo principal e nesta novela vense os seus peores resultados. Por exemplo, cando os personaxes se poñen a recordar “batallas”, literalmente da Guerra do 36 ou do exilio, desaparece a naturalidade e a cambio recibimos unha miniconferencia de macrohistoria, co nome dos xenerais a cargo e unha multitude de datos tan concretos e fóra de lugar que o lector acaba por perder o interese. Acáballe a esperanza estéril de que debaixo de tanta foupa haxa algo de narrativa con algo de proteína que nos axude a singularizar este relato e estes personaxes máis alá do tópico, o evidente e o irrelevante.

♦ Lembranzas dun mestre subversivo, de Xacobe Medina. Xerais, 2023. 200 páxinas. ♠14,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *