BiosBardia

O país dos libros en galego

Leopardi e o vicio de ler en alto textos propios

Silencio. PATRICK THEANDER./FLICKR.

Xesús González Gómez.

Permítome, para este tempo de incerteza e confinamento, traducir ao galego unha versión ao galego dun pensiero de Giacomo Leopardi que coido ten moito interese na actualidade. Non imos agora descubrir a importancia de Leopardi, como poeta e «pensador»: existen publicados en español diversos libros sobre o tema, aínda que nós recomendariamos un que non está vertido a ningún dos idiomas da península ibérica –que saibamos–: Leopardi progressivo, de Cesare Luporini (1909-1993), Roma, Editori Riuniti, 2006. Volume que recolle varios textos deste crítico (marxista) italiano: «Il pensiero de Leopardi», «L’officina dello Zibaldone», e «Naufragio senza spettatore». Luporini, membro que foi do Partido Comunista Italiano, descobre como nos seus últimos anos de vida o poeta, decepcionado da cultura burguesa e achegándose ao materialismo, formula un arduo e fascinante proxecto de humanidade social e progresista. Ora ben, este proxecto, afirma Luporini, «non ten nada de providencial, non se inscribe en ningunha filosofía da historia xa deseñada, non quere ser utópico (en última instancia, diríxese ao bo sentido común, se os homes deciden amar  […] a luz no canto das tebras), é o único progreso posible, un progreso de elección» (p. 119).   (En galego existe unha escolma d’Os cantos, versión maxistralmente realizada por Suso Pensado, Espiral Maior, 1998. Dos seus textos en prosa, que saibamos, non existe ningunha antoloxía en galego: moitas en castelán e en catalán. Neste último idioma publicouse a antoloxía máis completa dos Zibaldone realizada en calquera lingua peninsular: El Zibaldone dels pensaments, Columna, 1998, tradución de Assumpta Camps.)

Este pensamento, o lector interesado na versión orixinal pode atopala aquí. É o pensamento número XX.

Se tivese o xenio de Cervantes faría un libro para purgar, igual que el España da imitación dos cabaleiros errantes, Italia, mellor dito o mundo civilizado, dun vicio que, respectando a mansedume dos costumes presentes, e quizais tamén de calquera outra maneira, non é menos cruel nin menos bárbaro que calquera resto da ferocidade dos tempos medievais castigados por Cervantes. Falo do vicio de ler ou de recitarlles a outros os escritos propios: sendo, como é, antiquísimo, no entanto en séculos anteriores foi unha miseria tolerábel porque era rara. Mais hoxe, que o feito de escribir é de todo o mundo, e que a cousa máis difícil é encontrar alguén que non sexa autor, converteuse nunha praga, nunha calamidade pública e nunha nova tribulación da vida humana. E non é unha broma senón unha verdade dicir que para el os coñecidos son sospeitosos e as amizades perigosas, e que non hai momento nin lugar en que calquera inocente non tema verse asaltado e obrigado alá mesmo, ou arrastrado a outro lugar, ao suplicio de oír prosas sen fin ou versos a milleiros, non xa coa escusa de querer coñecer a súa opinión, escusa que hai tempo era costume atribuír como causa destas recitacións, senón tan só e expresamente para compracer o autor ao oílo, ademais das necesarias loanzas ao final. Con boa consciencia creo que existen poucas cousas nas que se manifeste máis, por unha banda, a puerilidade da natureza humana, e até que grao extremo de cegueira, máis ben de estupidez, se ve abocado o home polo amor propio; e por outra, até que punto o noso espírito pode ilusionarse a si mesmo, fóra do que se demostra no asunto de recitar os propios escritos. Porque, sendo cadaquén, como é, consciente por si mesmo da molestia inefábel que é sempre para el oír as cousas dos outros, só ver tremer e palidecer as persoas convidadas a oír as súas cousas, e alegar toda clase de impedimentos para se escusaren, e mesmo fuxir e agachárense tanto como poidan, non por iso, con fría determinación, cunha perseveranza marabillosa, como un oso famento, este busca e persegue a súa presa por toda a cidade, e unha vez atrapada, lévaa até onde a destinou. E durante a recitación, ao decatarse, primeiramente polo feito de bocexar, despois de se estirar, de retorcerse, e por centenares doutros sinais, das angustias mortais que experimenta o infeliz oidor, non por iso se detén e lle dá tregua; pola contra, cada vez máis valente e encarnizado, continúa a arengar e a berrar durante horas, mellor dito case durante días e noites enteiros até ficar rouco, e até que, moito despois de desfalecer o oidor, se sente el mesmo falto de forzas aínda que non satisfeito. Tempo durante o cal, e pola carnicería que o home fai do seu próximo, o home certamente experimenta un pracer case sobrehumano e paradisíaco: xa que vemos como as persoas deixan por isto todos os outros praceres, esquécense de durmir e comer e perden a vida e o mundo de vista. Este pracer consiste nunha firme crenza de que o home ten de espertar a admiración e dar pracer a quen o oe: en caso contrario, tanto lle daría recitar ao deserto como ás persoas. Ora ben, tal como dixen, cal é o pracer do que oe (deliberadamente digo oe, non escoita), todo o mundo sábeo por experiencia e o que recita o ve; e eu sei, ademais, que moitos preferirían antes que un pracer semellante, algunha grave dor corporal. Incluso os escritos máis belos e de máis valía, ao recitalos o propio autor convértense en capaces de mataren de aburrimento: a propósito disto, observaba un filólogo amigo meu que, se é certo que Octavio, ao oír ler a Virxilio o canto sexto da Eneida, sentiuse desfalecer, é críbel que isto lle acontecese non tanto pola lembranza, tal como din, do seu fillo Marcelo, senón polo aburrimento do feito de oír ler.

Así é o home. E este vicio que sinalo, tan bárbaro e tan ridículo, e contrario ao siso dunha criatura racional, é verdadeiramente unha doenza da especie humana: porque non hai nación tan xentil, nin ningunha condición humana, nin século, aos que esta peste non lles sexa común. Italianos, franceses, ingleses, alemáns; homes de cabelos brancos, moi sabios noutras cousas, cheos de enxeño e de valor; homes expertísimos na vida social, moi competentes nas maneiras, amantes de observaren as simplezas e se riren delas; todos convértense en nenos crueis cando se trata de recitar as súas cousas. E se este é un vicio dos nosos tempos, tamén o foi dos de Horacio, a quen xa lle semellou insoportábel; e dos tempos de Marcial, quen ao lle preguntar alguén por que non lía os seus versos respondía: por non ter que escoitar os teus. Igualmente aconteceu na mellor época de Grecia cando, como se conta, Dióxenes o Cínico, ao se encontrar en compaña doutros, todos mortos de aburrimento, nunha daquelas lecturas e ao ver nas mans do autor, na fin do libro, que comparecía o branco do papel, dixo: ánimo, amigos, terra á vista.

Mais hoxe a cousa chegou a tal punto que os oidores, mesmo forzados, con moito traballo apenas son suficientes para as necesidades dos autores. Motivo polo que algúns dos meus coñecidos, homes enxeñosos, ao consideraren este punto e convencidos de que o feito de recitaren os propios escritos é unha das necesidades da natureza humana, pensaron en se ocuparen dela e á vez convertela, tal como se converten todas as necesidades públicas, en utilidades particulares. A tal efecto abrirán en breve unha escola ou academia, ou ben un ateneo de audición, onde a calquera hora do día ou da noite, eles, ou persoas contratadas por eles, escoitarán a todo o mundo que queira ler a prezos convidos: para a prosa, un escudo a primeira hora, a segunda dous, a terceira catro, a cuarta oito e así en aumento en progresión aritmética. Para a poesía o dobre. Por cada fragmento lido, se quere volverse a ler, como acontece, a unha lira o verso. Se o oidor adormece, devolveráselle ao lector a terceira parte do prezo. Por convulsións, síncopes e outros accidentes lixeiros ou graves que acontezan a unha parte ou a outra durante as lecturas, a escola estará provista de esencias e de medicinas que se dispensarán gratuitamente. Así, ao se converteren en materia de lucro unha cousa até agora infrutífera como son as orellas, abrirase unha nova vía á industria, co aumento da riqueza en xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *