‘Levitación, nivel iniciación’, comedia sentimental ben medida

Xesús González Gómez.
Recibo de Laiovento a noveleta (polo tamaño) de Nacho Taibo Levitación, nivel iniciación. Precisamente, este 2025 fai 50 anos da entrada de Taibo na literatura, da man d’Os inmortais, publicado pola editorial Castrelos na popular, daquela, colección «O Moucho». A verdade é que moito choveu, e moito aconteceu dende aquel 1975. É verdade que a narrativa de Taibo, nestes cincuenta anos, sufriu moitos (demasiados?) altibaixos, para o meu gusto, ou na miña opinión. Mais deixando de lado eses altibaixos, o lector ou lectora que entre nunha, calquera, das súas obras narrativas decatarase axiña de que domina as técnicas narrativas e verbais da narración, e que, normalmente, sabe xerarquizar os materiais. Mais, tamén, finalmente, o lector ou lectora decátase de que falla algunha cousa. Sobre todo nas novelas máis longas. Faltan e ás veces sobran outras, como adoita acontecer, desenganémonos, coa maioría das novelas de calquera literatura.
Se nas súas novelas máis longas sobran, dende o meu punto de vista, «materiais», nesta última entrega todo está medido. É unha novela non moi longa, narrada a base de capítulos que máis ben semellan viñetas, viñetas punteadas (ou contrapunteadas) por haikus ou aproximacións a esta estrofa de orixe xaponesa. A novela está percorrida por unha sutil ironía, que é un elemento que non controlaba, até hoxe, moi ben Taibo, ben que ás veces poida caer no «sal groso».
A novela narra «a historia, en boa parte verdadeira, de Ákira, un diplomático xaponés que chega a España ao pouco de acabar a guerra Civil. Na súa inopinada conversión ao catolicismo coñece unha familia coruñesa que o anima a visitar Galiza. Descobre que alí levita. Para el será a Terra da Felicidade», pódese ler na contraportada.
A familia coruñesa que coñece o diplomático xaponés (diplomático digamos que non está, no fondo, moi de acordo coa situación política do seu país e aborrece dos nazis, etc.) ten dous fillos: un Cholo, ou Cholito, falanghista, e unha irmá da que Ákira se namora. Os namoros de Ákira, a situación social, política, e mesmo económica, española percorren a novela: a Segunda Guerra mundial, o lanzamento das bombas atómicas, etc. Finalmente Ákira marcha ao seu país –logo, como sabe español, será enviado como diplomático a diversos países latinoamericanos–, o esquecemento do seu amor galego, o casamento tanto da rapaza coruñesa como do diplomático, etc. etc., e o final, que non explicaremos: moito acontece nesta curta novela. Mais todo está ben medido.
Levitación, nivel iniciación, é unha novela que podiamos alcumar de realista, con algunha que outra sátira que conseguen páxinas mordaces, aínda que ás veces vai cara ao lirismo. A linguaxe é manexada con certa precisión, foxe Taibo do barroquismo que, acho, desbarata algunhas das súas mellores páxinas, noutras palabras: foxe das expresións innecesarias. Ademais, cada capítulo, cada viñeta, por non dicir que cada parágrafo (que tal vez sería esaxerar) contén unha vivencia, ou un feito, ou unha serie de feitos que se suceden como nunha cadea en que cada elo se relaciona, dunha forma ou doutra, co seu precedente e co seu antecedente. Os personaxes son presentados con poucas palabras, coñecémolos máis polos seus feitos, ou polas súas propias palabras, que pola presentación que fai deles o narrador, mais son retratos case que precisos, e todo (a verdade é que todos) habitan –cousa dos tempos en que se desenvolve a acción?– no reino da mediocridade, da miseria, e travestidos de heroes de farsa, porque até case os capítulos finais, todo aquí soa a farsa.
Non obstante, non nos atopamos ante unha gran novela. Quizais porque a medida que avanzamos na lectura, o ton de farsa, a intervención do narrador explicando as miserias, a «cutrez» do tempo en que viven os personaxes condiciona a lectura. Talvez debeu deixar un pouco máis libres os personaxes. Por outra parte, dá a impresión de que a presente novela é como unha «escapada», como unha liberación. Expliquémonos: dá a impresión de ser un descanso, un divertimento do autor para fuxir das súas pantasmas como escritor. Mais, para min, o que falla na novela é o ton. O ton é de comedia sentimental con engadidos de, digamos, realismo social ou político, o que ocasiona que a novela abale, en certos momentos –sobre todo naqueles no que o ton de farsa desaparece–, entre o sentimentalismo e a sentimentalidade; e, por outra parte, o ritmo impreso á narración está máis próximo do vodevil do que, ao meu parecer, sería necesario para que a novela decorrese con máis «ímpeto», e con máis «graza»; noutras palabras, penso que o que precisaba a novela era un ritmo de «burlesque».
Con todo, Levitación, nivel iniciación lese ben, dun tirón, e se non arrastra nin arrebata, tampouco aburre, o que, para quen isto asina, sempre é un tanto a favor do equipo local, é dicir, do autor, porque, sexamos serios, non podemos esperar de calquera autor ou autora que todas os seus libros sexan obras mestras. Por outra banda, en calquera literatura de calquera país do planeta, as obras «mestras» non adoitan facer novos lectores, estas fican para aquelas e aqueles que xa teñen papado moito literatura.
♦ Levitación, nivel iniciación, de Nacho Taibo, Laiovento, 2025. 100 páxinas. ♠15,95€






