Libro ilustrado para adultos, unha moda rendible allea a Galicia

César Lorenzo Gil.
O libro ilustrado triunfa no mercado español. Álbumes que estenden o éxito entre o público infantil ao comprador adulto. Por que esa moda non dá chegado á actualidade literaria galega?
Benjamin Lacombe ou Rébecca Dautremer son ídolos. Os seus seguidores esperan as novidades que van presentando e converten algúns recantos privilexiados dos andeis da súa casa en bibliotecas especializadas nas súas obras. Estes dous ilustradores franceses (ela, de 46 anos, el de 34) son puntas de lanza da nova idade de ouro do libro ilustrado. Cada libro que publican convértese nun éxito automático. A editorial que edita as súas obras ilustradas en castelán, Edelvives, adoita recomendar a reserva dos seus volumes con meses de antelación porque logo se esgotan nas principais librarías. Mais canda eles xorden outros moitos nomes, ilustradores que case sempre empezaron facendo ilustración para público infantil mais que hoxe son reclamados para aggiornar títulos clásicos con edicións luxosas a toda cor.
A moda da obra ilustrada atinxe principalmente grandes clásicos. Obras canónicas como Alicia no país das marabillas ou o universo de Edgar Allan Poe viven arestora unha nova vitalidade grazas ás ilustracións. “Durante anos, os editores interpretamos as obras clásicas como unha boa oportunidade para publicar textos que xa non pagaban dereitos de autor e así ir facendo catálogos”, indica un editor. “Mais a ameaza dixital obríganos a repensar o concepto do libro como obxecto, como depósito de beleza. E aí a ilustración é fundamental”. O libro en papel explota deste xeito as súas vantaxes fronte ao formato dixital: efémero, insubstancial, ameazado por unha inmaterialidade desacougante. No campo contrario, libros caros (nalgúns casos chegan a custar 60 euros), rotundos, voluminosos, editados aproveitando todas as posibilidades dunha sorte de papiroflexia moderna que converte as modernas imprentas en grandes laboratorios de innovación: inclusión de teas, cosidos, relevos, papeis tintados… toda unha ofrenda á perdurabilidade nas bibliotecas.

O libro ilustrado de gran formato funciona ben no mercado porque se considera un regalo óptimo e adecuado a diferentes públicos. Regalar unha novela sempre é un risco (o receptor xa a puido ter lido, ou quizais non lle presta ou talvez pode serlle un incomodo nos cada vez menos escasos metros das vivendas actuais) mais un libro clásico ilustrado rompe varios tabús: é un obxecto bonito, que loce no andel ou incluso nun atril estratexicamente colocado na casa; non precisa nin sequera a lectura, xa que en moitos casos a historia que conta xa está máis que sabida e replicada polo cinema ou a televisión; son libros para contemplar, para tocar, ulir e descubrir aos poucos a través da filigrana da súa ilustración. Que sexan clásicos é un carimbo de lexitimidade, unha garantía para o posesor de que é unha obra que traspasou a erosión do tempo e sobreviviu ao esquecemento.
Os outros ilustrados
Fronte ao modelo balsámico deste tipo de libros, novas editoriais españolas apostan por unha obra ilustrada de maior risco. Sen desprenderse en moitos casos do plano clásico na escolla dos textos narrativos, o tipo de ilustración busca outros públicos. É o caso dalgunhas coleccións que irromperon no mercado con forza nos últimos anos, caso de Nórdica, Barbara Fiore ou Libros del Zorro Rojo. Nalgúns casos, libros ilustrados pensados para público infantil fascinan lectores adultos, que coleccionan todos os títulos de Jimmy Liao, por exemplo, o autor taiwanés é un dos grandes referentes de Barbara Fiore, que encontrou no ilustrador o símbolo perfecto á súa aposta pola alta calidade editorial.
Nórdica e Zorro Rojo actualizan a nómina de textos, ampliándoa e traéndoa á actualidade (Roald Dahl, Paul Auster, Truman Capote, Sylvia Plath ou Dorothy Parker, por exemplo). Esta diversificación tamén se traslada ao perfil dos ilustradores e ao formato de edición, máis versátil, cunha intención máis literaria e non simplemente ornamental. O aumento exponencial dos catálogos desta e doutras editoras neste modelo, caso de Sexto Piso, falan ás claras de que o modelo no mercado en español triunfa e vaise asentando, tamén en xéneros nos que a ilustración “narrativa” quizais non fose tan relevante noutrora, caso da poesía.
E en Galicia, o ermo
O libro ilustrado en galego segue a ser patrimonio do público infantil e de Kalandraka. Malia existiren outros selos que editan traballos de gran calidade (Oqo, Patas de Peixe, Xerais, Galaxia, Apiario e Sushi Books, entre outros), a firma pontevedresa é a que máis conseguida ten a identificación inmediata entre os seus produtos e o cliente, que recoñece o seu traballo e busca os seus títulos, máis que polo refrendo dos autores do texto e da ilustración, por formaren parte do catálogo da editorial galega.

Contodo, Kalandraka (nin case ningunha outra) se lanzou en serio á edición de obra ilustrada para adultos. Hai casos esporádicos na historia da edición galega (algúns moi relevantes, hoxe xoias esgotadas, caso da edición de Xerais de Retorno a Tagen Ata, de Xosé Luís Méndez Ferrín con ilustracións de Miguelanxo Prado) pero o sistema editorial autóctono está fóra, polo momento, da nova corrente que triunfa en castelán. Intentouno, non obstante, Patito Editorial, que publicou algúns libros de poemas con ilustracións e tamén no catálogo de Trifolium hai algunha mostra ben interesante, caso de Parar o mundo, de Marcos Viso e María Canosa.
Por que? A resposta hai que buscala en tres condicionantes moi difíciles de superar. Por unha banda, a edición en galego ten moitas dificultades para competir na libraría. O público maioritario que compra libros ignora, menospreza ou marxina por preconceptos obvios (“eu non sei ler en galego”) a posibilidade de adquirir libros na nosa lingua para adultos. Esta discriminación do mercado acrecéntase ao estar excluído o noso idioma de produtos de éxito coma estes, polo que o círculo vicioso se fortalece día a día. Sen un compromiso institucional por apoiar este tipo de producións de risco e alto investimento, os editores non teñen capacidade de apostar por este modelo. As axudas á edición reducíronse brutalmente no período do goberno do PP (desde o 2009) e amais desapareceron practicamente os incentivos específicos para grandes proxectos, co que acometer a edición de volumes luxosos a prezos competitivos é imposible para as empresas editoras. Por último, o modelo galego aséntase (perigosamente) na relación de dependencia entre a publicación de libros e a inclusión destes nos programas escolares. Case sempre, o libro que triunfa en vendas é o libro que máis se “pide ler” no ensino. Neste contexto, o libro para adultos sae prexudicado en xeral (só nos cursos de Bacharelato ou 4º da ESO se inclúen textos das coleccións adultas, agás que o autor estea moi consagrado entre o profesorado), polo que nin pensando nese plus para as vendas encaixa un tipo de libro que, por outra banda, non é portátil e é caro.