BiosBardia

O país dos libros en galego

Libros soñados, argallados, pensados e nunca publicados (2)

Pequena homenaxe a Basilio Losada no seu 90 aniversario

Basilio Losada. PERFECTO CONDE.

Xesús González Gómez.

Como vimos na anterior entrega, a Basilio Losada encargáranlle dous libros sobre Galicia, para publicar en catalán. E unha escolma da nova poesía galega (a de 1965) que debía ver lume na revista mexicano-estadounidense El corno emplumado: todo quedou en nada, ou case nada, como xa dixemos. Vimos tamén que traducira dúas peciñas teatrais de Bertolt Brecht, que deberon perderse, ou extraviarse. E, finalmente, cerrabamos a entrega co anaco dunha carta de Losada Castro a Ramón Piñeiro na que lle informaba de que Xavier Costa Clavell estaba a preparar unha Escolma da lírica galega, para publicar bilingüe, galego-catalán, e, coidaba el (Basilio) que sería en dous volumes.

O 20 de marzo de 1966, Basilio Losada escríbelle a Ramón Piñeiro o seguinte: «Rematei estes días unha versión do Sholojov e outra de Gogol –do francés, naturalmente– i estou a encetar unha edición escolar do Poema del Cid. Teño en proieto unha serie de versións de novelistas alemás de hoxe –Böll, Grass, fundamentalmente– das que co tempo podería saír un traballo sobre a novelística alemana de posguerra» (p. 512). A tradución de Gogol, Taras Bulba, apareceu en Verón editor… en 1974. A de Sholojov, O Don apracible, na Editorial G. P. (Germán Plaza, que logo compraría a Editorial Janés e daría lugar á Editorial Plaza & Janés), en 1966, mais só o tomo 4, coa colaboración de Domingo Pruna, os outros tomos estaban traducidos por F. J. Alcántara e Pedro Camacho (versión realizada desde o italiano e o francés). A novela foi publicada na popular colección Reno, polo que é doado de atopar en librarías de vello. O proxecto de traducir a Böll, Grass e outros novelistas alemáns de posguerra quedou en nada: Basilio traduciu diversos autores alemáns, mais ningún que se poida considerar un novelista de «posguerra». Ao non traducilos, o posíbel traballo sobre a novelística alemá de posguerra non se deu. Non obstante, lembremos que Basilio Losada publicou o traballo titulado «Tradición e novedade no teatro alemán de posguerra», Grial 3 (1964), pp. 16-38, que logo viu lume en castelán co título «Paz y guerra en el teatro alemán», Estudios Escénicos. Cuadernos del Instituto del Teatro 12, Barcelona, Diputación Provincial de Barcelona (1966), pp. 53-103. [Versión castelá do autor].

Nunha nova carta, datada o 1 de maio daquel 1966, Basilio confírmalle a Ramón Piñeiro que Costa Clavell está a argallar «unha escolma bilingüe de poesía galega en dous volumes. Os testos e a introdución traballounos Costa Clavell, e a versión ao catalán é obra de [Felip] Cid» (p. 520): Basilio Losada explícalle a Piñeiro quen é Felip Cid, cousa que nos non imos reproducir, si sinalemos que no número 15 de Grial (xaneiro-febreiro-marzo 1967), Costa Clavell publica «Nova do poeta catalán Felip Cid», na que despois dun breve comentario entrega catro poemas en versión bilingüe catalán-galego, tradución realizada por Costa. Noutra carta, datada o 29 do mesmo mes de maio, Basilio informa a Piñeiro de que lle pediron conseguise de Celso Emilio o permiso para editar Longa noite de pedra, en edición bilingüe, para a colección El Bardo, e que de se publicar, «daríalle difusión multitudinaria á poesía galega. O feito é que hai curiosidade. Costa fixo unha Escolma de poesía galega, bilingüe, en dous tomos. [Josep] Pedreira quere facer outra. A pena é que me dá a impresión de que a poesía galega pasa por un intre de esmorecemento» (p. 525). Xa case a finais de 1966, en carta do 18 de decembro, Basilio infórmalle ao seu correspondente en Compostela que se ben un artigo de Costa Clavell, publicado na revista catalá Serra d’or, «Celso Emilio ferreiro i la nova poesia gallega», «non di nada novo, enche dabondo a súa finalidade» (p.552). Parágrafos despois, afirma que Costa «anda a traballar nunha escolma de contos galegos que vai pubricar Aymá en edición de luxo […]. Sei que tamén, por recomendación súa, vai traducir Aymá o libro de Celestino. Eu tamén nestas vacacións voulle dar xeito á Historia da literatura galega que encarregoume Ed. Barcino» (p. 552-553). Antoloxía de contos galegos da que nunca máis nada se sabe, unha Historia da literatura galega que non avanza, unha tradución que nunca vería luz (a tradución, auto-tradución, de O segredo do humor, publicaríase o ano seguinte, 1967, na a bonaerense Editorial Nova. Con todo, informemos que esa tradución do libro de Fernández de la Vega que teoricamente ía publicar a Editorial Aymá, si se fixera: realizáraa Núria Clarà, daquela, compañeira de Costa Clavell, logo a súa dona. Esa tradución estaba disposta en 1970, para ser publicada por Editorial Taber, pero a editorial quebrou. A versión de Núria Clarà supomos que se perdeu), e unha escolma de poesía galega traducida ao catalán, que realizaría Josep Pedreira, que non sabemos sequera se este a iniciou.

Antes, o día de Todos os Santos de 1966, Basilio comunicaba a Piñeiro de que «dunha revista poética catalana pedíronme un artigo encol da lírica dos esiliados galegos. Xa lla mandei e sairá nun día destes. Tamén me pediron de Serra d’or que lles escriba longo sobre o asunto de Castrelo do Miño, que interesa moitísimo por acó» (p. 539). Non sei que revista era esa, en todo caso, o tal artigo debeuse extraviar en correos ou non lles interesou aos responsábeis desa revista, xa que nunca apareceu. No que se refire ao artigo sobre Castrelo do Miño para Serra d’or, Basilio nunca o escribiu, certamente, pero pasoulle o testemuño a un amigo seu, galego radicado en Barcelona, que acabara a carreira de económicas: Ramón Sánchez Tabarés: «Galícia: el problema de Castrelo de Miño», Serra d’or, Ano 9, nº 5, maio 1967, p. 39-40.

En 1967, Basilio Losada enfróntase ao tema do que se deu en chamar «bloqueo do escritor». A principios de ano, o 24 de xaneiro, informa ao seu correspondente de que «a miña Historia da literatura galega [da que se fala na primeira entrega] non avanza como debera. Cánsome de rachar follas. Cando se me ocurre algo que parece novo vou ao libro de Carballo e vexo que a miña idea non era máis que unha reminiscencia de algo lido nel. É desesperante» (p. 559-560). Case tres semanas despois, 18 de febreiro de 1967, escríbelle: «A miña Historia da literatura galega non avanza. Ponme medo cada liña, cada adxectivo. O que fixen esta semán foi a versión de Longa noite de pedra que vai publicar José Batlló en edición bilingüe na coleición El Bardo […] Tamén sairá prá Festa do Libro a biografía de Rosalía e a Escolma de poesía galega, en dous tomos, en catalán, nunha edición luxosísima, ambas obras feitas polo Costa Clavell. A biografía vaina publicar Janés» (p. 567).

Se ben Losada se enfrontaba dalgún modo co fantasma do «bloqueo», noutra das facetas que lle daría máis nome, a de tradutor, o bloqueo non existía, xa que acabara a tradución de Longa noite de pedra e o 27 de abril dese 1967 notificaba a Piñeiro de que xa «saíu a edición bilingüe de Longa noite de pedra que supoño vai ter ésito. […] Según sexa o resultado económico, e unha vez este esgotada a edición de Galaxia, veríamos de facer unha edición bilingüe de Sombra do aire na herba. Tamén teñen algo pensado [os responsábeis de El Bardo] encol dunha Antología de poesía testimonial gallega» (p. 585). Basilio acertou: o libro foi un éxito. O resultado (sic) económico, óptimo (véxase o limiar. José Batlló, ed. El Bardo (1964-1974). Memoria y antología. Sant Cugat del Vallès, Los libros de la Frontera. 1995), mais non trouxo consigo unha versión bilingüe da poesía de Luís Pimentel nin ningunha antoloxía de poesía galega testemuñal, ou do que fose. Como tampouco viu lume a antoloxía da que Ramón Piñeiro informaba a Basilio Losada (carta do 6 de outubro de 1967): «O Alonso xa ten listo o seu libro de poesía social –como antólogo, non como poeta–, que pensa editar en Ourense. Fixo cadrar o número de poetas do número de anos e deulle o seguinte tíduo: 30 anos de poesía galega 1936-1966. 30 poetas protestan» (p. 607). Deixando de lado a ironía profunda da que era dono Ramón Piñeiro, malia que poida semellar o contrario, a verdade é que Xesús Alonso Montero confundiu a súa vocación: sería un grande creador de slogans publicitarios: Os cen mellores poemas da lingua galega, O que cómpre saber da lingua galega, Informe –dramático– sobre la lengua gallega, etc., aínda que ás veces esa facilidade para o slogan lévao a confusións terminolóxicas. Por exemplo, Escritores galegos ante a guerra civil española, título no que se confunde de preposicións (xa non digamos de presuposicións, ese é un problema distinto), porque ante a guerra civil podían estar os escritores non españois, non galegos. Estes, os escritos galegos, os escritores españois, non estaban ante, senón dentro da guerra, mergullados até os cabelos, xa que non podían mirala desde a «barreira» ou desde o «tendido», por usarmos léxico taurino, como se a guerra só puidese ser para eles a sinatura nun manifesto de solidariedade cun ou outro bando.

Acababa 1967, aquel ano fora, en certa maneira, frutífero para Basilio: publicara na revista  leonesa Claraboya a antoloxía titulada «La poesía gallega de posguerra». (Claraboya, nº 16-17, xullo-outubro 1967), como avanzabamos na primeira entrega. Tamén publicábase a súa versión, cun interesante prólogo de introdución á poesía galega, de Longa noite de pedra; caíanlle (sic) encargas por todas as partes, e xa só cabía esperar o ano seguinte, que sería o posteriormente denominado mítico (e mirífico) 1968.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *