BiosBardia

O país dos libros en galego

Libros soñados, argallados, pensados e nunca publicados (3)

Pequena homenaxe a Basilio Losada no seu 90 aniversario

Basilio Losada.

Xesús González Gómez.

1968, o ano que conmocionou o mundo, segundo Mark Kurlansky. O ano das marabillas. Vexamos. Ao inicio do ano, nunha carta datada o 8 de xaneiro, Basilio Losada informa a Ramón Piñeiro de que a Editorial Vicens Vives deu, finalmente, ao prelo o volume colectivo Las literaturas contemporáneas en el mundo, cun limiar de Guillermo de Torre. A parte dedicada á literatura galega era da súa responsabilidade. Losada Castro entregara o orixinal no ano 1963, polo que lle di ao seu correspondente que o que escribiu queda un pouco superado e que «moitas cousas as houbera feito hoxe con outro tono, pero en xeneral penso que xa é útil que a nosa presencia estea patente nun libro que vai ter moita difusión» (p. 655). Tamén lle comenta que na recensión de Non, de Antón Tovar, que se publicaría no Grial 19, defende o poeta en castelán en Galicia, sabendo que o verdadeiro desamparado é o poeta en galego, pero fixo esa defensa para subliñar que «nin por arela de fama ou cartos val a pena escrebir en castelán en Galicia», e pensa que hai que facer como os cataláns, unha longa campaña, «subliñando que, por bon que sexa [o escritor, o poeta], nada ten que facer un poeta catalán na lingoa oficial. Si en Galicia conquerimos crear ese estado de espíritu, voltaríase cara ao galego muita xente como González Garcés, como o mesmo Tovar e tantos outros que aínda viven co soño dun trunfo madrileño, e dende logo, pra convencelos da inutilidade do seu esforzo, hai que presentar a cousa coma unha inxusticia –pero como un feito irremediable.–» (p. 655-656, e volvo dar a data da carta, 8 de xaneiro de 1968, non de 2020). Ora ben, continúa Losada, «se dende Galicia dende a vosa visión, que é a boa– o enfoque resulta desaxustado, tes unha libertade total pra eliminar os párrafos que che parezan» (p. 656): a recensión saíu tal cal a enviara Losada. Tamén lle comenta a Piñeiro que sería conveniente que o nomeasen correspondente da Academia Galega, non por vaidade, senón porque tal nomeamento «axudaríame muito na eficacia da miña laboura ter o respaldo da condición de correspondente. Penso na Universidade, por exemplo, ou con vista a ciclos de conferencias, ou na miña relación co Institut d’Estudis Catalans» (p. 656). O nomeamento iría ben para poder desenvolver mellor o seu labor, aínda que sabe que a súa obra é «ben esquía: as colaboracións en Grial. A escolma de Claraboya, o limiar á edición de Celso Emilio, a miña aportación ao Apéndice da Enciclopedia Durvan, cun longo traballo encol da literatura galega; este derradeiro traballo en Las literaturas contemporáneas en el mundo» (p. 656), ademais de conferencias en diversos lugares. Finalmente coméntalle ao seu correspondente que está a preparar «a Tesi encol dos Movimentos  de vangarda na lírica galega, e unha escolma de poesía catalana vertida ao galego, e tamén as versións de Molière que imos publicar no Centro [Galego de Barcelona]» (p. 657). Tamén, continúa máis adiante, «Tiña o proieto de facer unha edición da obra galega de Pimentel pra El Bardo –a editora que pubricou o de Celso Emilio–. Pero resulta que agora fíxose cárrego da coleición a Editorial Ciencia Nueva, de Madrid –penso que controlada polos comunistas– e perdín o contacto con eles» (p. 657).

Como comprobará o lector, Basilio Losada Castro empezaba o 1968 con ánimos e forza, mais a realidade, como sempre, ou case sempre, imporíase. A súa tese doutoral, que presentará en 1975, versará sobre Rosalía, a escolma de poesía catalá torceríase, como se verá máis adiante, as versións de Molière para o Centro Galego de Barcelona, non tiveron lugar, como a guerra de Troia, segundo Jean Giradoux; e a edición da poesía de Pimentel… Un ano despois, durante o denominado «Estado de Excepción» (como se o franquismo non fose ese estado de excepción permanente soñado polos schmittianos), a autoridade competente, é dicir, Manuel Fraga Iribarne, fecharía a Editorial Ciencia Nueva, que naquel momento era a responsábel da publicación da colección El Bardo.

O mes seguinte, o 21 de febreiro, Losada informa a Piñeiro dunha lenda urbana que durou moitos anos e que se repetiu en Galicia unha e outra vez, até a saciedade ou o cansazo: «E outra noticia espléndida: Espriu está vertendo ao catalán Os vellos non deben de namorarse, vaina estrenar a Agrupación Dramática Adrià Gual, que dirixe Ricard Salvat, i é, con muito, a mellor compañía catalana. A noticia deuma o mesmo Salvat, é decir que ten boa base» (p. 664). Seica Ricard Salvat deu a noticia, pero nunca se oíu de boca de Salvador Espriu que iniciase tal tradución. Ao catalán existe unha tradución da obra de Castelao, Els vells no s’han d’enamorar, que puxo en catalán Jordi Domènech, amigo de Graña, García Bodaño, López Casanova e outros poetas galegos (e do que, precisamente, Basilio Losada traduciu ao galego Un poema en dez anacos, publicado por Ediciós do Castro), tradutor de Herba aquí o allà (Barcelona, Edicións 62, 1993), e doutros poetas galegos. Esta versión de Castelao nunca foi editada en libro. O «mecanoscrito» está nos fondos do Institut del Teatre de Barcelona, a quen llo doou Domènech. A tradución presentouse ao Premi de Traducció Josep Maria de Sagarra (concedido polo devandito Institut) en 1982, ano en que gañou o galardón Joan Oliver (Pere Quart, de quen Losada publicou a tradución duns poemas seus en Grial, presentados moi intelixentemente) pola súa versión de Ubu rei, de Alfred Jarry.

O 15 de marzo, Basilio informa a Piñeiro de que lle dixeron que «Alonso Montero vai preparar pra El Bardo a edición dun inédito de Celso Emilio [Viaxe ao País dos ananos]. E prá mesma editora ten xa Ferrín disposto o testo dunha Escolma lírica nova de Galicia» (p. 673). [Meses máis tarde, en carta datada o primeiro de novembro dese 1968, Losada di a Piñeiro que «Ferrín ten feita unha Escolma de poesía galega nova pra Ciencia Nueva, pero díxome Batlló que a censura botoulla embaixo. Eu xa lle dixen a Alonso que todo esto resulta ao longo dunha ineficacia absoluta. Facer libros pra que sólo os lean os censores é unha estupidez. Máis vale moderar o tono e axeitar a cousa ás posibilidades concretas» (p. 719)]. Na seguinte carta que lle envía desde Barcelona (o 28 de marzo), Losada informa ao seu correspondente: «Ofrecéronme un traballo editorial moi grato. A versión de La pell de brau de Espriu ao galego. Farase unha edición catrilingüe. A portada vai ser de Picasso. O orixinal catalán irá ilustrado por Miró. Pedíronme un artista galego pra facer o grabado limiar da versión á nosa lingua. Non sei quen podería ser. Nun principio propuxen a Ortiz Alonso, pero si vai Miró, Picasso, etc., penso que sería millor quizais Seoane ou Laxeiro» (p. 676). Un mes máis tarde, o 27 de abril, Losada escríbelle a Piñeiro: «Non sei si che dixen que o da versión de poetas catalás prá edición do Centro está nun punto morto. Eu propuña unha escolma de sólo catro poetas: Espriu, Pere Quart, Carles Riba e Foix ou Carner. Pero a Casado metéuselle na cachola poñer tamén a un amigo seu, Sebastián Sánchez-Juan, poeta de moi terceira fila –o que sería na literatura galega Fabeiro ou González Alegre–. Entón eu, amistosamente, retírome. E a escolma vaina facer Casado sólo» (p. 687). Pasado o mítico e mitificado mes de maio daquel 1968, o 3 de xuño Basilio  notifica a Piñeiro que anda por Barcelona Antón Pérez Prado, e que foi con el a tomar un café con Guillermo Díaz-Plaja, «que anda a preparar unha Escolma de Literatura Española en 14 volumes prá nova editora Novelas y Cuentos, na coleición de bolsillo. Un dos volumes, 400 páxinas, vai ser unha Antoloxía bilingüe da literatura galega. Pediume colaboración na selección dos testos, versiós, etc. A tirada vai ser de 15.000 exemprares, 10.000 deles pra distribuír gratuitamente nas escolas» (p. 699). Digamos que Novelas y Cuentos non era unha nova editorial, senón a «refacción» dunha antiga colección, fundada en 1929, da Editorial Magisterio Español. Esta nova etapa da colección estaba dirixida polo galego Manuel Cerezales.

Pasan os meses, e o 17 de novembro Losada dille a Piñeiro que Manuel Casado Nieto lle dixo que por mediación súa «Lara [é dicir, a Editorial Planeta] está disposto a crear un premio de 200.000 pts pra novelas en galego pubricadas por calsequer editorial e reservando pra si a versión castelán. Antonte repetiullo a Casado» (p. 723), e nunha pequena mensaxe enviada nunha postal que reproduce unha obra de Joan Miró, o 20 dese mesmo mes de novembro Basilio infórmalle de que visitou a exposición Miró «e aínda estou bébedo de color […] Hei facer algo pra Grial» (p. 1968).

Como comprobará a/o lector/a, tamén 1968 foi «prodixioso» no que respecta a libros galegos que, por unha ou outra causa, nunca se fixeron ou nunca se publicaron, xa libros orixinais, xa traducións ao noso idioma, xa traducións ao castelán de libros galegos. Mesmo, seica, houbo a oportunidade de que se instaurara un premio de novela en galego, dotado con 200.000 pts, o que daquela era un «pastón», aínda que fose a conta de dereitos de autor. Finalmente, rien de rien, mais, tamén, como Edith Piaf podiamos engadir, a pesar de todo, aquilo de «je ne regrette rien». E que senón, seriamos outra cousa. E ademais, con respecto a 1967, 1968 non foi tan «marabilloso» polo que respecta a obras que nunca viron lume. Repase a/o lector/a as contas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *