Light Filters
Iria Braña.
Seguín o regueiro de pólvora
da túa desolación e ardemos xuntos.
María do Cebreiro
Teño a necesidade de confesar(che) algo. Unha das últimas veces que estivemos en Santiago de Compostela, a onde fomos para mercar libros, experimentei un breve intre de enorme felicidade (?), unha pequena ventá de tranquilidade onde non existían as preocupacións diarias e os derrubamentos internos, sen dúbidas nin futuros hipotéticos. Mesmo me sentía ben, capaz, disposta.
Era primavera, estabamos sentados nun dos bancos do parque da Alameda e falabamos sobre calquera cousa. A conversa cesara de xeito natural e fixérase un silencio calmo, doce. Eu ficara absorta observando un paxariño negro, pequeno, que se apoiaba na póla dunha árbore á que lle comezaban a saír as flores. A imaxe era fermosa, estabamos arroupados polo sol dun inverno que xa rematara, pero que se resistía aínda a liberarnos do frío. Non pensaba en nada, só deixaba que me bañase a calor e gozaba, sen máis pretensións, do pasar dos minutos naquel banco desde o que se vía tamén o transcorrer das vidas alleas. Parecera que o mundo se detivera para ofrecerme toda a súa amabilidade e acubillarme na ausencia de mal. Ti repousabas o brazo sobre o meu ombro.
Foi un momento totalmente inesperado, esporádico, efémero, un suspiro. Unha especie de epifanía: cando se relevou e me decatei, desapareceu. Quixen apreixalo, retelo, repetilo, mais xa non fun capaz. Esfumárase. Lembro que me preguntei cando volvería ser o día no que me sentiría de novo así. Reflexiono habitualmente sobre isto… todos, nas nosas vidas, experimentamos intres felices, ocasións nas que estamos ledos, mesmo temporadas longas nas que nos sentimos cómodos e tranquilos, en xeral. Mais a felicidade… é outra cousa. É máis: cando estamos inmersos nunha época vital de grandes cambios onde todo é susceptible de causarnos ferida, agradécese cada segundo de feliz calma. Neses casos tense claro que a graza dalgunha divindade te tocou, faise patente, colle corpo, case se pode palpar, é materia.
Ese día, cando deixamos o parque, merquei un libro de Baldo Ramos e un estudo literario sobre as mulleres da vida e obra de Juan Ramón Jiménez. Non ía buscando nada concreto e tampouco estes dous títulos en especial, simplemente “me asaltaron”, e tívenos que levar. Estiven tamén folleando Bebé de las nieves, de Josephine Diebitsch Peary, que ten unha edición fermosa e a historia chámame a atención, mais finalmente decidín deixalo para a próxima (a próxima tampouco o collín, porque levei o Breviario provenzal, de Vicente Valero).
Compostela é unha cidade que coñezo porque forma parte da miña traxectoria vital, alí formeime e definín o que logo sería o meu propio devir. Tamén forma parte da túa historia. Para ambos é un lugar común e particularmente tráeme bos recordos de tempos aínda recentes. É digna de reflexión a maneira na que nos relacionamos coas cidades da nosa vida. É posible vivir nunha cidade varios anos e non visitar algúns dos lugares máis coñecidos? Crese se afirmo que descoñecía algúns sitios verdadeiramente simbólicos?
Recentemente, desde que xa non vivo alí, experimentei momentos de máxica revelación que enlazaron as teas dun tecido descoñecido para min e que merecen quedar gravados aquí, ad aeternuum. É coma se, ao atopar determinada xente ao longo do camiño da vida, me volvese unir a certos sitios, coma se me ancorase de novo ás coordenadas xeográficas. O curioso do caso é que ningún de nós dous é natural de Compostela, pero nunha tarde libre, nunha fin de semana, nun almorzo improvisado, sempre acabamos tirando para alá, porque non por ancestral e mítica é menos fermosa.
Unha destas veces, xa entrando no verán, quedamos para ir cando os días eran máis longos e xa ía calor. No aire vibraba a enerxía clara do que se sabe que está a cambiar. Camiñamos polas rúas de pedra, separados por unha fina capa de sensatez cada vez máis diluída, preto das insignes tumbas do coñecido Panteón de Galegos Ilustres. Era a primeira vez que ía. Cando descendemos polo sendeiro, desde o alto, había unha pequena fonte, a auga saía dun discreto cano e discorría lixeira e transparente por entre o suco que deixara na terra, á beira do camiño. O contorno máis próximo non estaba excesivamente coidado, e tampouco formaba parte dunha construción monumental, pero posuía a beleza propia do elemento xerminal. É unha música, a súa natureza reflicte propagación e movemento. Sinto fascinación polas correntes de auga, é algo visceral e inexplicable. A súa visión alimentoume a alma e púxome nunha disposición de ánimo serea e suave. Este día volvín para a casa cun libro de poemas de Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade. Meses despois acabaría por ler toda a súa obra, e oxalá publicase douscentos libros!
Nunca tantas veces acudín ás librarías de Compostela coma cando xa non vivo alí. É certo que pasei horas fronte ós libros na época de estudante e merquei algúns cantos, mais o que experimento na última tempada é unha especie de pulsión. Non por mercar, senón por coñecer. Por aleitarme de textos, por vivir experiencias ó redor dos libros, conversar sobre eles, adquirir exemplares fermosos, quizais raros. Descubrir alfaias, encontrar autores descoñecidos para min. Ler un libro, rematalo, empezar outro. Enriquecerme, en definitiva, co que outros souberon facer con enorme xenio. E, por riba de todas as razóns, telos para min no meu espazo privado, no meu fogar, na miña minúscula biblioteca é unha riqueza que xamais considerei ata non hai moito. Sen dúbida, poder acudir a eles en calquera momento que o precise é o que me impulsa de xeito continuo a seguir adquirindo libros, porque nunca se acaba de ler. Aínda lido, segue aí e tempo despois, é outro texto. Coma a pintura dos cadros: deben pasar anos para que os aceites repousen, a cor cambia, a textura transfórmase, están vivos. O mesmo, xa é outro.
Non é, xa que logo, a miña pretensión debater aquí sobre as preferencias persoais de cadaquén sobre as virtudes dos libros electrónicos, nin sobre as maneiras de facerse cos textos na rede, nin facer un eloxio do formato tradicional. Tampouco argumentarei sobre a magnífica función das bibliotecas. Falo de algo que vai moito máis alá de todo iso: é unha necesidade vital e sobre todo unha experiencia radicalmente propia, por iso non agardo que se entenda nin se apoie.
Hoxe por hoxe —se quitamos da ecuación a actividade profesional— elixín facer só aquilo que me alimenta. Invisto o tempo no que considero que me nutre: por exemplo, acudir a unha libraría, pasear polos estantes a espreitar os libros, ollar a tipografía, collelos, pasar a xema dos dedos devagar sobre o material. Se cadra abrilos… ver o índice, ler unhas páxinas de xeito furtivo, coma alguén que se asoma por unha ventá dunha casa e ve que no seu interior se fai vida, desexosa de descubrir algo emocionante, máxico, pero sabedora tamén de que non podo determe aí.
Tiven a sorte ou deuse a casualidade que de Compostela saín con algúns dos libros que máis me gustan e con autores que, desde o meu punto de vista, teñen unha mestría indiscutible. A memoria tamén é cruel, e sucédeme que habitualmente conecto o libro que adquirín co momento vital no que me atopaba. Eis unha verdade que non se pode refutar: os libros gardan os instantes. No libro contense por toda a eternidade o que se sente o día que o fas teu. Conservo con dozura a lembranza do intre no que dei con A tarde. O desacougo, de Amauta Castro, porén, o recordo do que sucedeu logo de mercar Os hemisferios, de María do Cebreiro (nunha edición, por certo, pequena, feble pero bonita), non é tan bo e quedarame por sempre detrás do pensamento.
Hai pouco conseguín un exemplar tamén pequeniño (teño certa querenza polos libros así) das Elexías, de Propercio nunha libraría que vendía de segunda man, na versión do poeta Aníbal Núñez: unha breve escolma dos poemas máis coñecidos do autor latino. Esta é unha edición antiga, algo desgastada, que adquiriu xa unha cor amarelada polo transcorrer do tempo. Aínda así, creo que ten beleza: na capa, que é de papel, o nome do autor ocupa toda a parte superior en letras negras e grosas, portentosas, pero cos contornos inestables, curvados. O título esténdese en todo o centro do exemplar en cor vermella escura. O contraste entre as letras e o fondo ofrece un efecto elegante e diría que primitivo, coma se fose algo non tocado, case reservado.
Teño reflexionado en moitas ocasións sobre a aparencia dos libros e existen tantas opinións que non atino a dar ningunha por mellor ca outra. Hai quen só merca libros novos, quen só adquire de segunda man, quen mestura, quen sostén que os exemplares deben ser fermosos. Tamén hai quen considera que o que importa é o texto: o que transmite, as posibilidades que abre, as vías que ofrece. Creo que por este motivo nunca desprecei un libro usado, ao contrario, desfruto deambulando os postos dos mercados de libros de segunda man. Tamén é certo que as miñas condicións de vida na miña época estudantil foron determinantes: na miña casa nunca sobrou diñeiro, aínda que non nos faltou de nada. Porén, ao estudar fóra e incrementar os gastos de xeito considerable, tiña que pensar máis de dúas veces se verdadeiramente necesitaba mercar un libro. Por iso fixen moitas fotocopias, por iso lin moito pola rede, acudín a bibliotecas e adquirinos vellos.
Estou contenta de coller ese libriño de Propercio. Nunca está de máis reler os clásicos. O feito de dar con iso (que por suposto xa lera e xa coñecía porque é o meu autor clásico preferido) nesta cidade, cando imos xuntos, non deixa de ser irónico. Eu paseiche unha cita súa en latín, que logo buscaches en tradución, e ti lanzaches ao mundo un texto con outra, neste caso coa túa tradución ao galego. Pase o que pase, Propercio uniranos para sempre. É unha idea que se me fai tan inabarcábel e á vez tan apaixonante que son incapaz de determe a reflexionar sobre ela. As vetas da súa poesía atravesarán as nosas vidas coma se fosen filtros de luz que esvaran a través das nubes, vanse, volven, pero sempre están aí.
Nesta cidade non só merquei libros, tamén lin poemarios inéditos, escoitei recitar en lugares emblemáticos, acudín a presentacións, tiven ideas para varias novelas inexistentes, comecei un diario, tecín fíos para o que viría despois. A ti déboche que o primeiro que fago ó entrar nunha libraría é buscar a sección de galego.
No camiño de volta dunha destas visitas a Compostela, parei para escribir isto que probablemente nunca terá ás, coma tantas outras que non teñen finalidade e decididamente, con total atino o direi, non serven para máis ca para manifestar algo que me latexa dentro e non sei o que é.





