‘Literatura insólita’, mapa e recompilación de curiosidades

César Lorenzo Gil.
O crítico literario Armando Requeixo colabora habitualmente no suplemento literario Faro da Cultura. Dunha sección da que foi autor toma o nome o volume recompilatorio do que hoxe falamos: Literatura insólita, que leva o subtítulo de “Unha ollada ao envés do mundo da escrita”.
En realidade, o libro non propón literatura insólita (que sorprenda pola súa rareza) nin tampouco envés ningún: Non hai unha pesquisa sobre o “lado ou cara menos perfecta ou menos brillante de determinadas cousas, oposta á considerada principal, que xeralmente non está á vista”. O que atopará o lector que se achegue a esta obra será, por unha banda, unha cartografía de variados temas ou tendencias da produción editorial e mais un recompilatorio de curiosidades. O propio autor, no limiar, dá unha concisa bibliografía de obras das que tirou algúns dos fíos que el despois desenvolveu nestes traballos. Entre eses libros de referencia están De cuando Vargas Llosa noqueó a Gabo y otras 299 anécdotas literarias, de Luis Fernández Zaurín ou La noche en que Frankenstein leyó el Quijote, de Santiago Posteguillo. E é nese subxénero no que temos que encadrar tamén este Literatura insólita, na lectura lixeira e ben proveitosa para o lector de suplementos literarios de circunstancias máis ou menos simpáticas que rodean a escrita.
Os artigos que forman o libro están pensados para todos os públicos e é unha excelente porta de entrada para quen queira coñecer unha parte moi accesible da creación literaria, que moitas veces se nos representa máis propia dun transo ou un estado mental abstracto. Velaquí vemos que o trivial e o próximo forma unha parte esencial do que motiva as e os escritores a darlle á pluma ou á tecla e que eles mesmos, coas súas vidas máis ou menos correntes, distan moito de ser excéntricos ou misántropos, aínda que habelos, hainos.
Coma en calquera recompilación hai textos máis lucidos ca outros. O máis interesante, con diferenza, e o mellor escrito, é o titulado “Libros fantasma”, que lles segue a pista a obras nunca escritas ou nunca publicadas, cun absoluto dominio sobre o tema e unha exposición moi ben executada, en só tres páxinas ben nutritivas.
Son recomendables outros moitos artigos dos 54 incluídos. O dedicado ás grallas editoriais, o das linguas inventadas, o dos epitafios, o que repara na gran cantidade de médicos que exerceron a escrita, o da “literatura templaria”, o paraugas protagonista de obras literarias, a relación entre escritores e práctica deportiva… Con todo, para o lector galego o máis substancioso é ese apartado que aparece ao final de cada artigo que trae ao local o tema xeral. É aí onde Requeixo pasa de ser un divulgador cuxa función principal é ordenar o anecdotario das letras universais para profundar nese ben pouco explorado magma humano no que fermentou a literatura propia. Sempre con acerto, o crítico subliña eses elementos propios que se coñecen pouco. De feito, estaría moi ben un volume que se mergullase nesa vida literaria que vai máis alá dos libros da historia da nosa literatura. Por exemplo, no capítulo “Trampas literarias” fálase de escritores pantasma que traballaron máis ou menos en segredo para plumas consagradas, pero cando Requeixo analiza o caso galego só recorda o plaxio parcial que Cunqueiro fixo de Otero Pedrayo. Non estaría ben saber máis sobre se existiu entre nós quen só asina textos redactados por outras voces? Ou cal foi a relación entre literatura e droga ao longo do tempo? Temas de estudo e divulgación dispoñibles hai moitos porque, igual ca noutras ramas da historia galega, a historia dos e das escritoras tamén ten moitos puntos opacos.
♦ Literatura insólita, de Armando Requeixo, Galaxia, 2025. 226 páxinas. ♠23,30€






