BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Lobos doentes’, menú do día

Antonio Tizón.

César Lorenzo Gil.

O comisario Xosé Sánchez Pereiro (non confundir co famoso xornalista) é protagonista dunha das series de novela policial máis consolidadas na narrativa galega actual. O seu autor, Antonio Tizón, chega ao cuarto volume da saga con Lobos doentes, publicado, igual ca os anteriores títulos, por Xerais.

Nesta ocasión, Pereiro enfróntase a unha investigación en pleno cataclismo sociopolítico logo do atentado nos trens de Madrid do 11 de marzo do 2004, só tres días antes das eleccións xerais nas que partía como favorito Mariano Rajoy, mais que finalmente venceu o PSOE liderado por José Luis Rodríguez Zapatero. Este acontecemento histórico é só un pano de fondo porque a trama xira, coma noutras novelas de Tizón e Pereiro, ao redor do trastorno mental, a corrupción e o lado escuro da sociedade contemporánea, neste caso coruñesa.

Lobos doentes é unha novela de xénero, sen a máis mínima ambición artística, mais con poucos defectos a nivel técnico. O autor sabe ir ao gran e constrúe unha obra entretida e áxil que consegue un resultado que lle será agradable ao lector que busque puro lecer nas súas máis de 300 páxinas. Esta novela cumpre o que promete e Tizón mantén baixo control o maior perigo de certa narrativa popular en Galicia: escribir por escribir, encher páxinas para lucimento propio.

Con certeza, esta novela podía ser igual de atractiva con menos diálogos e cunha administración máis severa das súas escenas “gastronómicas”, pero cando unha serie chega á cuarta entrega, determinados defectos pasan a ser teimas e finalmente —igual que pasa en todas as relacións longas— é difícil para os seguidores pasar sen eses elementos.

Nesta obra, Tizón consegue manter a salvo esa sensación vívida de que nos conta a historia alguén próximo e por momentos antipático, alguén que non casa co modelo de heroe, pero que compensa con olfacto as moitas eivas que leva consigo. Ese mundo perverso e contaminado polo peor do desexo humano preséntase coa mesma naturalidade ca os roteiros pola cidade da Coruña ou as recomendacións de restaurantes e marcas de viños; e como o autor se desprende da carga semántica dos adxectivos na maior parte dos casos, ese relato en primeira persoa, tan cotián que se sustenta especialmente en frases feitas, aparece como natural, coma se fose imposible escribilo doutra forma.

Lobos doentes demostra que, ás veces, o instinto dun autor e a súa teimosía conseguen captar a atención de determinado tipo de lector a pesar de non se asentar nunha narrativa vistosa, orixinal ou tecnicamente perfecta. Igual que unha costeleta algo seca acompañada de patacas fritidas cun exceso de aceite e dunha ensalada picada do vinagre pode ser tamén reconfortante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *