BiosBardia

O país dos libros en galego

Lois Diéguez: “O corazón das cidades non son os monumentos, son as xentes”

Lois Diéguez. MARÍA GARCÍA
Lois Diéguez. MARÍA GARCÍA

César Lorenzo Gil.

Lugo, a cidade dos tesouros encantados, editada por Engaiolarte, é a última obra de Lois Diéguez (Monforte, 1944). Nesta entrevista deixámonos levar pola literatura de cada viaxe, pola viaxe que hai en cada obra literaria.

De onde xorde a idea do libro Lugo, a cidade dos tesouros encantados?

Pois xustamente naceu no deserto de Exipto, ao pé das pirámides. Estaba eu aló con Felipe Senén e puxémonos a cavilar sobre o fascinio que esperta nos galegos a paisaxe do deserto, por contraste co verdor de Galicia. De aí pasamos a comentarmos o meu libro Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos –publicado por Edicións A Nosa Terra no 1999– e ao final díxome: Por que non escribes un libro sobre Lugo? E así naceu a idea. Logo foi medrando até que topei co pulo literario do equipo de Engaiolarte e o proxecto foi tomando a forma que agora ten.

Non é unha guía ao uso de Lugo.

Na editorial Engaiolarte, en palabras do seu editor, Xan Carballa, querían crear unha guía de Lugo para persoas que nunca estiveran en Lugo. E pensei: hoxe en día hai tanto que visitar, temos acceso a tantos lugares, que é o que realmente interesa dunha cidade como a de Lugo? Deime conta que o principal atractivo é o corazón dunha cidade, que se amostra a través das súas xentes. Os monumentos son estáticos, o que realmente move unha cidade e tamén o desexo de visitala son os seus habitantes. Esta obra humaniza a xente luguesa, rompe o criterio habitual de que nas guías se destacan os personaxes sobranceiros. Aquí os personaxes protagonistas son as persoas humildes do pobo de Lugo.

Tampouco é común a voz narrativa do libro: Guíannos por Lugo os fenómenos atmosféricos: o sol, a chuvia, o ar…

Quería romper o molde habitual neste tipo de libros. Que fose unha viaxe absoluta, comentada por sabios. E que máis sabedoría hai que a que teñen as forzas da natureza? O sol ou a chuvia son quen modelaron a vida da cidade, sábeno todo e son quen mellor nos poden descubrir os segredos de cada recanto.

Aquí os personaxes protagonistas son as persoas humildes do pobo de Lugo.

O libro está pensado para quen queira coñecer Lugo desde cero mais seguro que os lugueses teñen curiosidade. Que é o que van atopar?

Hai unha frase que me dixeron desde que saíu publicado o libro: “Até ler A cidade dos tesouros encantados cría coñecer Lugo”. Este é un libro pensado sobre o detalle, unha especie de pescuda naquelas cousas que a pesar de térmolas dediante non as vemos. Unha mostra máis alá do libro: o outro día, Adolfo de Abel Vilela, un dos historiadores máis importantes de Lugo levoume ao claustro da catedral para celebrarmos ao noso xeito o 300º aniversario da súa construción. Alí, agochados a simple vista están a sinatura do autor, Casas Novoa, e a data na que se consigna o acabamento da obra no 1714. Descubrir estas cousas é moi emocionante.

A cidade ten unha edición luxosa, con mapas, apoios ao texto e sobre todo coas suxestivas fotografías de Xulio Gil… Entendeu vostede a obra como un xeito de viaxar por Lugo sen necesidade de ir aló? De conseguir esa emoción da que falaba?

Vivimos un tempo no que a imaxe o domina todo, é a raíña da linguaxe cultural. Pero é unha imaxe rápida, superficial. Non sabemos utilizar os ollos; non nos fixamos nos detalles. O libro quere crear a expectativa para o futuro visitante a Lugo, de aí o seu formato. Pero cómpre ver as cousas nos seus lugares. Cómpre darlle á imaxe a súa importancia para que xorda esa emoción.

A emoción ten a ver co descubrimento, coa sorpresa… Vostede é un gran viaxeiro e un veterano guía e cronista de viaxes. Como se consegue transmitir esa sensación cando un xa coñece moito un lugar?

Quen mellor coñece un lugar e polo tanto mellor pode contárllelo aos que o visitan por primeira vez é unha persoa nativa que teña sensibilidade e sexa curioso abondo como para coñecer máis alá do obvio. Certo é que esa sensación de sorpresa, esa vertixe do descubrimento sempre a vai conseguir alguén que chega, ese viaxeiro que vai coa mente aberta, disposto a aprender e a compartir. Eu diferencio turistas de viaxeiros. Os turistas son visitantes superficiais, cheos de preconceptos, incapaces de entraren de verdade no lugar ao que chegan. Os viaxeiros falan cos nativos, observan o que teñen diante, buscan sorprenderse. Para escribir un libro de viaxes o mellor é ser un viaxeiro que conta co bordón dos coñecementos dun nativo. Ás veces, un mesmo pode ocupar os dous oficios: cando escribín a Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos decidín que, a pesar de ser eu nacido alá, tiña que coller a mochila e camiñar para encontrar iso que non se aprehende como simple veciño dun sitio. Cambioume moito a mirada sobre a miña terra aquela viaxe.

As viaxes forman parte da súa obra literaria. Estou pensando no libro O canto do muecín (Edicións A Nosa Terra).

Toda literatura é viaxe. Desde A Odisea. E pensemos que desde que se escribiu ese libro, os demais só facemos remedalo, xirar ao redor del porque alí xa está escrito todo. No caso concreto da miña obra, ao contrario do que fan outros autores, eu gosto de definir o espazo, darlle vida, convertelo nunha personaxe, nunha referencia consciente que dialoga cos personaxes. A miña propia vivencia en cada lugar nótase na localización da miña obra. Neste momento, logo da publicación d’A poutada do oso (Laiovento) penso que empecei a incluír A Coruña, cidade na que vivo, nesa traxectoria.

Eu diferencio turistas de viaxeiros. Os turistas son visitantes superficiais, cheos de preconceptos, incapaces de entraren de verdade no lugar ao que chegan. Os viaxeiros falan cos nativos, observan o que teñen diante, buscan sorprenderse.

A literatura é moi importante no seu libro-guía de Lugo. Aparecen personaxes de ficción, por exemplo Ramón Lamote, creado por Paco Martín.

Quería reivindicar por unha banda a creación do pobo de Lugo. Pola outra evocar na propia xeografía da cidade esas fantasías que ao cabo forman parte xa non só do imaxinado senón do real de Lugo. Isto é algo común en todo o mundo; cando pensamos nunha cidade non só recordamos ou nos interesa o que pasou senón o que se imaxinou nun determinado lugar. Velaí a Auria de Blanco Amor. Hai moitos exemplos en todo o mundo.

Quen recolleu mellor na literatura a esencia de Lugo, na súa opinión?

Ánxel Fole. Na súa obra, Lugo é un personaxe, quizais o principal. Todo o que ocorre na obra de Fole ten o peso da atmosfera luguesa.

Como destino turístico, Lugo é, incluso para os galegos, prescindible. Na proxección de Galicia cara aos foráneos prefírense Santiago, as Rías Baixas. A pesar da muralla romana case agora é máis famoso Ribadeo coa súa praia das Catedrais/Augas Santas.

Hai unha estratexia política para centralizalo todo no Camiño de Santiago. Coido que é un erro porque en Galicia hai gran diversidade e seguro que sería máis interesante descentralizar a política turística. Que a muralla luguesa fose recoñecida como patrimonio universal non foi doado. Cando eu cheguei á cidade, no 1972, a maioría da xente de Lugo abominaba da muralla. Considerábana un lugar perigoso, non recomendable para a noite. Lembro que foi o Club Cultural Valle-Inclán, do que formei parte, quen primeiro reivindicou e deu a coñecer a historia e potencialidades da muralla. Hoxe, grazas a ese impulso, a cousa mudou. Hoxe os lugueses chámanlle ao recinto da muralla o “circuíto do colesterol”, a perspectiva máis íntima e xeral da cidade, porque desde a altura albíscase toda a poboación e tamén de cando en cando podemos observar a veciñanza dentro da propia casa.

Este éxito popular, da sociedade de base, non é único. Velaí o entroido de Ourense. Foi a xente das aldeas a que rescatou e repopularizou os nosos rituais senlleiros. Ten máis mérito se pensamos que desde a entrada de Galicia na CE no 1986 hai un plan de reconversión do medio rural, para eliminar o espazo no que está a forza da nosa cultura.

Fáleme dos seus novos proxectos.

Estou a preparar un libro que conterá outros 17 lugares encantados do mundo: Detalles de Siria, Marrocos, Exipto, Turquía, Xordania… tamén Galicia. Quero que sexa unha reivindicación da paz e da alegría neste tempo no que moitos deses lugares están a vivir a dor da guerra.

Cónteme que está a ler neste momento?

Gústame moito ler sobre viaxes. Acabei Contos do mar de Irlanda (Xerais), de Xurxo Souto; tamén a triloxía sobre Alexandre Magno de Mary Renault. Recomendo tamén o libro Camiño de escuma e vento, publicado por Estabanón, de Manuel López, unha viaxe a bordo dun veleiro ao longo de toda a costa galega desde Ribadeo cara ao oeste e cara ao sur.

Por variar, recomendo unha película, moi literaria: A esmorga, de Ignacio Vilar. Gustoume moito e iso que ía con certas prevencións dada a filmografía do director. Conseguiu algo moi importante, que me apetecese reler o libro de Eduardo Blanco Amor. E nesas ando.

One thought on “Lois Diéguez: “O corazón das cidades non son os monumentos, son as xentes”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *