BiosBardia

O país dos libros en galego

Lois Pérez: “Cando escribes, o que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa”

Lois Pérez/ALBA DÍAZ.

Lois Pérez está nun dos seus momentos de maior recoñecemento público como escritor. Logo de gañar o Premio Agustín Fernández Paz de Vilalba coa obra A gruta da torre (Xerais), obtivo recentemente o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra A tribo do mar. Entre triunfo e triunfo gardou un tempiño para contarnos da súa ‘Biblioteca Íntima’.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Como tal —sen contar un conto chamado «Yuri Potof»—, penso que A historia interminable, de Michael Ende. Era unha edición en castelán, de Alfaguara. Contiña letras en verde e vermello e tiña uns adornos requintados ao comezo de cada capítulo que me cativaron, sen dúbida. Non sei se tería máis de oito ou nove anos. Lembro que me procurou unha gran felicidade aquela lectura. Lembro tamén unha lámpada marela e ese pracer que é ler de noite, como se se abrise un marco de conciencia distinto ao de sempre. Un espazo onde estás a soas coa túa imaxinación.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

O Dicionario kházaro, de Milorad Pavic; Os libros arden mal, de Manuel Rivas; As portas do paraíso, de Jerzy Andrzejewski. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Os Lusíadas, de Luís de Camões. Pode que non estivese preparado pra lelo cando o tentei, hai xa uns anos. Son libros que parece que che están a reprochar algo, como se te mirasen desde os andeis.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Con Xosé Manuel Pereiro. Tamén con Dorothy Parker ou Kurt Vonnegut. Estes dous foron dos mellores, con moita diferenza, que encontrei na edición de Acantilado da recompilación de entrevistas de The Paris Review.

E con cal, de entre as/os que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Supoño que con Mario Vargas Llosa. Conversación en La Catedral ou La ciudad y los perros ou Los Cachorros…parécenme libros exemplares, están noutro nivel. Pero el paréceme un indesexábel.

Un libro recente que lle gustase moito…

A música das palabras, de Darío Xohán Cabana. Lección substantiva de humildade. Un libro para aprender.

Unha novela que non puido terminar…

En busca do tempo perdido, de Marcel Proust. É certo que é unha lectura inacabada, pero con matices: parei ás mil cincocentas páxinas.

Que novela lle gustaría protagonizar?

El don de Vorace, de Félix Francisco Casanova.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Nunca me anoxei tanto coa literatura como para ter que reconciliarme con ela. Pero, por exemplo, hai un par de anos encadeei seguidas Moby Dick, de Herman Melville e Sen novidade na fronte, de Erich Maria Remarke. Despois pasei un par de meses sen poder ler nada, volvía ás páxinas marcadas destes dous libros unha e outra vez.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Intimidación, do Colectivo Maiakovski. Faláronme bastante mal dalgúns deles e teño curiosidade. 

Que libro lle gustaría ter escrito?

O outro lado da música, a poesía, de Luísa Villalta. Ou A vida: instrucións de uso, de Georges Perec. Ou Blumsdei ou Grupo Abeliano, de Cid Cabido. 

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ningún, ou para que os escribín? Que me chamen tolo: antes preferiría que desaparecesen os dos outros. Xa postos a desaparecer…

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Si, procuro escribir un pouco todos os días no WhatsApp.

Escribirá as súas memorias?

Non, sería un exercicio reiterativo. Dalgún modo, iso está presente no que un mesmo escribe, dun ou doutro xeito, malia que sexa unha ficción. Melville, por exemplo: Moby Dick pasou desapercibido cando o publicou, morreu na pobreza absoluta. Pero sería impensábel que escribise nada diso se non tivese traballado nas aduanas marítimas ou nun barco baleeiro. O que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa.

Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?

Polo Darío Xohán Cabana, agora seino, sempre tiven unha vaga idea do que implicaba ser escritor e era algo que me atraía, aínda antes de pensar en escribir nada. Supoño que mitifiquei esa actividade desde neno. Despois, Jorge Luis Borges ou Bob Dylan. Así de claro. Sen as súas cancións e os seus libros eu non tería comezado nada. Non digo que leve eu gran cousa tampouco. 

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non. Sempre que antes puidese afundir no fondo da piscina o seu autor.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Teño bastante tolerancia aos libros. Veña, algún de Xosé Carlos Caneiro, logo. Ou a novela de Adolfo Domínguez, Juan Griego.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín. As flores radioactivas, de Agustín Fernández Paz. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Manuel Fraga. Ou o DOG.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *