Lois Z: “En ‘A Espada do Metal’ parodio o xénero da fantasía heroica”
Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Lois Z
O próximo 17 de novembro publicaranse os primeiros capítulos do Torneo Aira de Novelas. En total, oito proxectos narrativos que se enfrontarán entre si nunha carreira na que só pode quedar un e que, ademais de estimular a creación, procura tamén establecer un diálogo entre quen escribe e quen le, para así mellorar os textos.
Nos próximos días coñeceremos os oito participantes. Hoxe é a quenda de Lois Z, o participante máis veterano nas competicións literarias de Biosbardia, promotor do I Torneo de Duelos no afastado 2017, e gañador da I Liga Maruxairas (2020) e da Liga Biosbardia da Primavera 2022, amais de capitanear o TeamDelos que gañou a Copa Biosbardia.
Lois Z naceu en Ourense no 1981. Estudou Bioloxía, vive en Santiago e adícase á compravenda de xogos de segunda man. Ten parella, unha filla e catro gatos. Xoga ao rol e escribe críticas para Biosbardia cando o tempo —un ben cada vez máis escaso— llo permite.
O escritor prepara unha novela xustamente inspirada no xogo do rol. “A novela coa que vou participar no torneo chámase A Espada do Metal. O proxecto naceu dunha idea que tivemos un amigo da facultade mais eu, hai máis de dez anos. Trátase dunha historia inspirada nas partidas de rol que xogábamos nalquel tempo, concretamente de Dungeons and Dragons“.
Mais Lois Z insiste en que o xénero non é o que se esperaría con estes antecedentes. “Pero o xénero no que se encadraría A Espada do Metal non é o da fantasía, máis ben é unha parodia da fantasía heroica e tamén un pouco do noso mundo real, porque unha parodia que non faga tamén algo de crítica (leve, esaxerada, críptica ou como raio sexa) estaría incompleta, sería só un chiste con mais ou menos graza. E ese é un dos desafios —penso que o maior— aos que me vou enfrontar na escrita da novela: que o humor, ademáis de funcionar como gag, lle ofreza ao lector algo máis”.
A Espada do Metal desenvolve unha trama complexa no tocante ao elenco. “Ten moitas personaxes secundarias, algunhas só teñen unha liña de dialogo. Outras menos ca iso. Espero que non vos perdades con tanto nome e tanto diálogo. O argumento é bastante lineal, non esperedes xiros de guión nin sorpresas inesperadas. Non haberá trampas nin enganos nin cousas que non son o que parecen. O gancho desta novela eu diría que está máis na forma que no contido. Haberá moitas referencias frikis que non ides entender, sobre todo aqueles que nunca xogastes a un xogo de rol”.
Lois Z espera que o propio torneo lle axude a rematar este ambicioso proxecto: “Non sei cal será o final da novela, non o teño pensando aínda. Espero que me axudedes cos vosos comentarios a atoparlle un”.