Lois Z: “Ten toda a razón o que dixo que esta era sobre todo unha carreira de resistencia”
Lois Z vén de proclamarse gañador do Torneo Aira de Novela co seu proxecto A espada do Metal. Nesta entrevista cóntanos como levou o traballo de construír un universo literario, en que medida aprendeu dos comentarios dos seus compañeiros, que lle queda á novela para converterse en novela e moitas cousas máis.
Como foi a súa experiencia neste primeiro Torneo Aira?
Moi positiva. O meu obxectivo principal era saber se sería capaz de xestionar a escrita dunha novela. Fixera algún intento no pasado que rematou en nada. Algunhas ideas morreron sen que chegase a escribir nin unha liña. Cheguei a pensar que só dispoñía dos materiais adecuados para construír relatos, que non era cuestión de meterlle tempo, motivación ou disciplina. Que non me ía saír igual. Estaba moi cómodo nesa conclusión e o torneo serviume para mudala. Claro que podo. Calquera pode, en realidade. Outra cousa é como valore a crítica o resultado. Pero ese é outro tema. Sen torneo non creo que me puxese a escribila, así que se A Espada do Metal chega a ser libro será grazas a esta iniciativa. Foi tamén moi interesante ver como os compañeiros ían montando as súas historias: canto se notaba a improvisación, como planificaban os capítulos, como estruturaban o argumento, valorar os erros e os acertos nos seus deseños, etc.
Rematou o torneo, mais o seu proxecto literario segue vivo. Pode adiantarnos cal é a súa perspectiva, número de páxinas totais, algunha sorpresa na trama…?
Penso que me agarda a escrita doutros dez capítulos máis, así que digamos que o total de páxinas en formato word será dunhas 120. Con iso finalizaría o arco de Ghincho no Inferno. Existen xa outras 50 páxinas do arco que viría despois, pero se algunha vez ve a luz esa historia será noutro libro á parte e só se os editores mo esixen, haha. Tento que cada capítulo conteña algo novo que obrigue o lector a reformular xuízos (ou prexuízos) que puido dar por feitos. Non me gusta a idea de escribir 100 páxinas baixo un determinado paradigma e que todo cambie nas 20 restantes só polo pracer de dar un golpe de efecto. Non todas as historias se poden contar desa maneira. Haberá sorpresas, pero non das que se poden estragar cun spoiler. Alguén dubida de que Ghincho vai conseguir a Espada do Metal? Claro que a vai conseguir. Podo dicilo e non pasa nada porque non apoio a tensión narrativa niso. Podo desvelar tamén que Peste o traizoará e que foron os anxos os que uparon o (actual) Maligno ao poder. O meu reto é que aínda sabendo o final siga sendo divertido ler a historia.
Vostede é un veterano nos torneos de Biosbardia e esta vitoria consolida a súa fama de imbatible. Que diferenzas atopou entre este torneo e os de duelos de relatos?
Pois resultoume moito máis fácil escribir capítulos de 15.000 caracteres ca relatos de 500 palabras. Non o esperaba. Canto teño sufrido para dar coa idea dun relato ou para darlle a forma que quería! Pero cos capítulos da novela nunca me pasou. Só o pasei mal co último, pero foi unha terrible combinación de cansazo acumulado e vacacións da semana santa. A parte negativa dun torneo deste tipo é que comentar un capítulo de novela é máis complicado e menos estimulante ca comentar un relato. Atópaste dicindo as mesmas cousas unha e outra vez, ou divagando sobre cara a onde irá a historia. Nos duelos sempre podías acudir á comparación entre os dous relatos que se enfrontaban, pero aquí iso non funcionaba. A dificultade aumenta ademais conforme as novelas avanzan. Comentar os primeiros capítulos era estimulante. A partir do sexto fíxoseme tedioso (o acto de comentar), independentemente de que a novela me gustase. Notábao tamén nos comentarios dos demais, cada vez máis curtos e xenéricos. A partir de certo punto volveuse pouco estimulante comentar “por capítulos”.
Como inflúe na súa maneira de escribir o formato do torneo e o contacto coas súas compañeiras?
Como estaba afeito a cumprir prazos máis estritos nos torneos de relatos, a escrita dos capítulos tomeima con certo relax. Durante a primeira semana pensaba nas escenas e en como encaixar o argumento, en que ir desvelando, etc, e nos últimos tres ou catro días do prazo poñíame a escribir. A veces coincidíame algunha fin de semana na que ía a Ourense e non podía dedicarlle moito tempo ao capítulo semanal e daquela tiña que pedir uns días de prórroga. Cando máis ía avanzando o torneo máis tarde ía rematando os capítulos. Quedei esgotado dos prazos, a verdade. Ten toda a razón o que dixo que esta era sobre todo unha carreira de resistencia. Hai anos que só escribo para os torneos. Necesito que escribir sexa unha competición, se non non me poño. Así que a influencia dos torneos na miña forma de escribir é total: escribo para convencer os lectores de que escollan o meu produto sobre os de outros. Neste torneo botei de menos unha interacción máis forte ou máis continuada entre os participantes. Pero eramos poucos (na práctica, seis) e só se publicaba cada dúas semanas. Pero por fortuna si que xurdiu algunha conversa interesante sobre os textos.
Houbo algo que cambiase logo de ler comentarios das demais participantes?
Un montón de cousas. Até cambiei o nome do personaxe principal! Os comentarios foron moi valiosos, sobre todo os dos primeiros capítulos. Tentei sempre fixarme no que me dicían para mellorar a experiencia do lector. Explicar cousas nas que non entraba, non abusar dos diálogos, que o humor absurdo non desprazase demasiado a parodia da sociedade actual… E iso foron só os cambios que puideron verse en entregas posteriores aos comentarios. Tamén cambiei (ou vou cambiar) cousas dos capítulos anteriores: vou reducir o número de personaxes para que poida seguirse mellor o argumento, e vou tentar equilibrar mellor os dous escenarios principais nos que se move a historia. Estou seguro de que todos os demais participantes tamén cambiarán algo dos seus traballos.
O premio do torneo é a publicación da obra. Está será a súa primeira novela publicada. Non é un xeito habitual de chegar á publicación. Como o afronta?
Esta é a pregunta máis difícil. Se isto me ocorrese hai 20 anos sería moi distinto. A proxección que me daría (falo dunha proxección sobre min, non sobre o mundo exterior) nese momento posiblemente faría que lle dedicase máis tempo tanto á creación literaria coma á creación de min mesmo como autor. Pero ocorreu hoxe, cando xa non o buscaba. Nin sequera cando me apuntei ao torneo: participaría igual se o premio fose un lote de libros. Entón, a fin de contas, se a publicación da novela obedecese só ao pago dun premio sen que se vexa avalada por unha opinión favorable sobre o seu potencial comercial, pois sería mellor pararse a falalo antes. Acepto ser un risco asumible, pero non me gustaría ser un compromiso forzoso. Evidentemente, até rematar a novela isto non se vai saber. Eu farei o posible por entregar un bo produto.
Un dos obxectivos do torneo é romper o mito do autor solitario inspirado, senón revelar que na literatura tamén importa o xogo en equipo, as miradas alleas que inflúen no resultado final. Como vive vostede este aspecto?
Hai moitas clases de autores e de métodos de escritura, pero se un pode, sempre será mellor contar coa opinión doutras persoas. En especial de alguén cuxo criterio entendas e respectes. Por desgraza tamén hai opinións erradas ou compracentes, pero, en xeral, é positivo ter quen che diga algo, o que sexa, e —no caso dunha novela— se pode ser antes de que a remates, mellor. Eu sempre busco opinión e axuda, niso non se diferencia escribir un relato de escribir unha novela. Normalmente aplico os cambios que me propoñen. Recordo que nun capítulo non me saía como unir dúas escenas que ocorrían en días distintos e puxen uns asteriscos entre elas. Entón alguén me dixo: “pero se ti sempre renegas dos asteriscos, como fas isto agora?”. Pois efectivamente, era unha mala idea e ao final logrei amañalo cambiando as cousas e facendo que todo sucedese o mesmo día. O feito de ter que usar os asteriscos era síntoma de que o capítulo non estaba ben fiado, pero se non mo chegan a dicir íao deixar pasar.
Que opina de que na súa novela participe un editor que dialogue con vostede e lle propoña cambios?
Pois paréceme fundamental. Non entendo outro tipo de relación autor-editor, excepto se che din que a túa obra é tan perfecta que non é preciso cambiar unha coma, cousa que nunca será certa. Iso non significa que un teña que aceptar os cambios propostos, pero como mínimo hai que escoitar e consideralos. Analizar que se gana e que se perde e se a resistencia ao cambio se sustenta nun razoamento literario ou só nun ego doído.
Pode valorar brevemente os outros proxectos agora que rematou o torneo?
“Os mortos, di aquel, virán”, de Víctor quedou sen o tempo necesario para chegar a un punto no que o lector quedase atrapado no seu argumento. Quedamos todos coa intriga sobre os minicapítulos da nena. Incluso a trama principal estaba aínda arrancando.
“Despois de arder”, de Rosa penso que foi o proxecto que mais mellorou desde os primeiros capítulos até os últimos. Rosa estaba sempre atenta aos comentarios e foise notando a medida que avanzaba o torneo.
“A Converxencia”, de Pablo. Este proxecto pareceume espectacular na súa concepción. Algúns capítulos foron máis frouxos, pero a potencia da idea que os sustentaba mantíñase intacta. Ademais a linguaxe que empregou Pablo deulle moita personalidade ao narrador (ás veces demasiada).
“Se dubidas, non veñas”, de Mercedes. Aquí vou facer unha excepción e en lugar de falar do proxecto vou falar da arquitecta. Creo que foi a mellor narradora do torneo. Sorprendeume con cada capítulo, na súa versatilidade e no tratamento dos personaxes.
“Os corpos fráxiles”, de Sofía é practicamente unha novela xa rematada (no sentido editorial). Cun ritmo moi ben medido, un tema complicado tratado con exquisita sensibilidade e ademais moi ben escrito.
En que pensa que debería mellorar o torneo en futuras edicións?
O principal aspecto a mellorar é como conseguir que os autores eliminados continúen enganchados ao torneo. Igual hai que reavaliar o tema da eliminación, posto que xa vai caendo xente sen necesidade de descartar ningún proxecto a través do voto.
Como convencería vostede a aspirantes a escritores para que se animen a presentarse a torneos coma este?
Faleilles do torneo a varias persoas, pero non tentei convencer a ningunha. Penso que sería un erro, porque calquera pode convencer un amigo ou a parella de que se apunte ao torneo, pero ninguén pode convencerte de que entregues un capítulo cada dúas semanas e comentes os dos demais. Tes que querer facelo, tes que desfrutar facéndoo (máis ou menos), tes que estar ti motivado desde dentro, ou como mínimo —se se che van as ganas ou o tempo— estar disposto a cumprir coa responsabilidade adquirida coa participación. Se non é así, na segunda ou terceira xornada, abandonas. Eu conténtome con difundilo e resolver dúbidas sobre a súa mecánica. Non quero cadáveres na miña conciencia. Dito isto, e falando hipoteticamente, o mellor argumento que se me ocorre para convencer a alguén de que se apunte a un torneo deste tipo é dicirlle que é unha oportunidade única para que media ducia de persoas competentes (e mesmo un editor) lean e valoren a túa novela. Porque están obrigados, claro.
Moitos parabéns ao Lois por esta vitoria tan merecida. Estou con moita vontade de ter nas mans a novela acabada, que con certeza vai ser xenial. Foi un gusto partillar lecturas e suxestións convosco!