‘Long Play’, versos gravados nun pentagrama
Algo está pasando na poesía galega actual. Aínda non se sabe moi ben o que é. Aínda os académicos e críticos andamos despistados, quizais tentando poñerlle nome á cousa ou intentando, pola contra, esquivar as etiquetas que acompañaron os movementos poéticos das décadas precedentes. Mais o caso é que os andeis das librarías énchense de nova poesía, autores con traxectoria volven publicar, algúns por primeira vez desde hai un tempo, media ducia de editoriais defenden (cadaquén ao seu estilo) coleccións de poesía que non se conforman con aparentar senón que van gañando públicos e reimpresións bocada a bocada. Tamén aparecen novas ou case novas voces con universos propios que compartir.
Unha desas voces que toma a palabra é Lois Pérez (Lugo, 1979), que publica en Xerais Long Play, segundo movemento nada disimulado dunha sinfonía literaria que empezou no 2013 con LP, publicado daquela pola desaparecida Emerxente editora. Neste libro, o autor consegue puír os defectos de principiante daquel debú sen perder a frescura e as mañas, especialmente dúas: o ritmo e a plasticidade.
Lois Pérez é moitas cousas na vida. Mestre, humorista e músico, entre outras. De feito, moitas veces leva a guitarra aos recitais poéticos. Neste libro o pentagrama está moi presente. Os versos coidan a cadencia utilizando todos os recursos técnicos da poesía clásica: a reiteración, a aliteración, a rima… Segundo o caso, hai poemas que se notan construídos coa solemnidade dunha capela barroca, engadindo pedaciños de vida, da propia vida cotiá do autor que aproveita todos os materiais que foi recollendo para edificar unha lingua literaria que non renuncia a seguir sendo popular.
Porque Pérez é dos escritores actuais que mellor entenden a capacidade expresiva da lingua viva, a que se oe nos bares e nos xantares das matanzas, nas portas das fábricas ou nos descansos dos partidos de fútbol “modesto”. Mais o lucense non se conforma con tecer costumismo senón que propón unha ollada nova, propia e afouta para materiais que nos soan de algo. Neste sentido, é metáfora perfecta unha das partes da obra, na que se dedicou a rescatar páxinas de banda deseñada norteamericana de dominio público, borrou os globos orixinais e foi colocando no seu lugar textos que nese diálogo co seu novo contexto provocan no lector un poderoso efecto de caleidoscopio literario, a sensación de que a arte ás veces nace tan só con mirarmos doutra maneira a realidade.
Ese cristal que descompón a expresión, Pérez aprovéitao tamén para mover os marcos do xénero lírico e abrir unha porta futura cara a novas obras. Nun epílogo perfecto, o escritor inventa, ao xeito de Roberto Bolaño, unha constelación de escritores ficticios (ou non) que deixan unha sensación de aperitivo, como se logo deste Long Play xa puidésemos ir ao seguinte prato, se cadra máis narrativo ca poético.
♦ Long Play, de Lois Pérez, Xerais, 2017. 189 páxinas. ♠16,85€