‘Loucura’ vs ‘O xirasol’
Xornada 4 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Xerardo Méndez e Daniel Ugarte.
Traba: Cinco versións da mesma historia.
Loucura
Xerardo Méndez.
1
Detrás da barra, Simón recibiu aquela cara de ferro:
—Mal día?
—Dos peores.
O sino dun barista é escoitar, non preguntar alén de:
—O de sempre?
—Non, caña. Da que fai medrar o pelo do peito.
Sairía mañá no xornal. Seguro. Xa lle vira esa cara antes.
—Esta é da que leveda —dixo, servindo o tóspiro.
—Estaba avisada, carallo, estaba avisada. Que lle partiu a cara haberá unha semana…
—…
—Dislle que vai ter protección, que o deixe, que non é a primeira vez…
—…
—Rabenoulle o pescozo; rebentouna a patadas…
2
A vítima presenta fracturas múltiples en brazos e pernas, tamén parece que hai varias costelas rotas: previsiblemente provocaríanlle dificultade para respirar: hai escuma nos cantos da boca e moito sangue nos ollos inchados. Un dos pómulos presenta rastros dun golpe anterior, e nas costas e na maza da perna hai tamén mágoas anteriores á última agresión. É posible que un exame detallado do corpo revele un historial continuado de malos tratos —fracturas anteriores, cicatrices invisíbeis debido ao sangue que lle cubre o corpo— que rematou hoxe. Presenta un corte profundo no pescozo, máis que probable causa da morte.
3
Petei e:
—Señoría?
—Pase, López.
—Señoría, chamaron de comisaría: un novo caso de violencia doméstica. Múltiples golpes e corte do pescozo.
—Outra vez?
—Si señor.
—Teñen algún detido?
—Si, o home. Parece ser que estaba tomando unha copa no bar de abaixo, coa cara pintada estilo Joker e co coitelo na man.
—Resistiuse á detención?
—Non, señoría. Non se resistiu á detención.
—Está avisado o forense?
—Xa está alí.
—Pois vaia vostede, López; xa me informa despois…
—Non podería ir outro?
—Podería… pero tocouche.
4
—Aaarrtuuurooo…!
Si, era o director. Cando se puña a berrar coma un esganado é que tiña algunha prea á que meterlle o dente. Petei no cristal da porta aberta e recibín as ordes:
—Hai un caso de violencia doméstica especialmente sanguento. Conto contigo para que lle deas un “enfoque especial”.
O enfoque especial significaba poñer na mesa a maior cantidade de carniza posible. Pedín o enderezo e alá que me fun. O Santiso nunca me deixa pisar o escenario, pero desta vez non lle importou. Mesmo me convidou a tirar un par de fotos. Trousei co flash.
5
Chamáronme da quenda de oficio. Asasinato. Violencia de xénero. Non dixen que non. Mirei as fotos do escenario. Os ollos inchados, o nariz roto, os brazos revirados nun ángulo imposible. O pescozo rabenado de orella a orella, o peito afundido… E o tipo non baixa tomarlle un chanqueiro coa cara pintada e co coitelo na man? Pillárono co coitelo na man. Por Deus! Como se pode ser tan babiolo? Estame mirando? Está. Mira a ver se ve algo por baixo da saia? Mira. Sorrí? Sorrí. Enaxenación mental. Está louco como unha cabra. E podería librar por tolo? Igual…
O xirasol
Daniel Ugarte.
Convencido de ser o seu mellor número, sacou unha pipa do peto, cascouna e mostrou a semente ao público. Coa axuda de auga e terra imaxinarias, convenceunos de que a semente abrollaba da palma da man, medraba até converterse nun inmenso xirasol e o desequilibraba ao moverse na procura da luz da tardiña. Para zafarse, o mimo finxiu sacar unhas tenaces, logo unha serra. Cando conseguiu cortar o talo, inspirou o seu perfume e entregoulles o xirasol a dous irmáns. Estes comezaron a pelexar por saber quen quedaría coa flor. Fixeron tanto barullo que tivo que intervir a policía.
…….
Encontrándonos na Alameda e alertados polos berros do que nos parecen menores, decidimos achegarnos para comprobar que sucede. Unha vez alí, observamos que un neno de aproximadamente dez anos presiona na lama a cabeza doutro que resulta ser o irmán. Golpéao e esíxelle que lle entregue algo que en primeira instancia non sabemos identificar. Observamos tamén que, en lugar de exercer a súa autoridade para resolver o conflito, o pai dos menores encárase co mimo, culpándoo do sucedido. Procedemos a amoestar o pai e pedimos ao mimo a licenza para espectáculos públicos. Ao carecer desta, procedemos a multalo.
…….
Durante o espectáculo xa conseguira facerme cun móbil, mais a lea dos meniños foi un agasallo do Altísimo. Seiscentos euros, un reló e outro móbil, o do pai das feras. O moi parvo, en lugar de parar os fillos, levantoulle a man a Lucho. Mais Lucho estivo rápido. Comezou a xesticular como só el é quen de facelo e armou tal confusión que eu só tiven que ir picando de peto en peto. Cando chegou a policía decidín que era bo momento para desaparecer e ir comprar xirasois na floraría, que ultimamente temos o piso moi descoidado.
…….
Toma, aí quedan! Non quero saber deles até a próxima fin de semana. Terías que ver a que montaron na Alameda. Até tivo que intervir a policía! Vaia vergoña! Todos me miraban como se non soubese facerme cargo dos meus fillos… E por riba roubáronme o teléfono! Sabes por que foi? Por un puto xirasol! E nin sequera por un de verdade. Por unha flor de aire que lles “fixo” un mimo. Eu non sei que paxaros lles metes na cabeza, mais isto non pode seguir así. Se as cousas non cambian, eu voume e ocúpaste ti soa deles.
…….Quero aproveitar o brinde para contarche unha historia do meu irmán. Igual xa a coñeces. De nenos, paseando co noso pai, atopamos un mimo. Puxémonos a ver o show. Era bastante simple. O mimo facía medrar tanto un xirasol que logo non podía con el. Ao final fixo que mo regalaba. Entón, o teu novo marido cabreouse. Lanzouse a min porque quería quedar co xirasol imaxinario. A xente flipaba. Alguén mesmo chamou a policía. Agora pensa, se el é quen de loitar así por unha flor de mentira, que non fará por defender a súa familia. Que sexades moi felices!
Boas tardes. Empezo por este duelo entre Xerardo e Daniel, e felicitarvos por saír airosos con esa traba tan complicada para min de cinco versións da mesma historia. Parabéns, pero só podo votar por un.
Loucura
Paréceme orixinal o xeito de narrar a mesma historia coas cinco perspectivas dos distintos personaxes. Penso que a 2 e a 4 están mellor fiadas ca o resto. E o final paréceme raro. Penso que a imaxe só aparece mencionada en dous relatos (o joker no 3 e a cara pintada do 5).
O xirasol
Esta historia tamén coincide na perspectiva dos distintos personaxes en cada un dos cinco relatos. Pero paréceme que está mellor cohesionadas entre elas ou se cadra esta trama enganchoume máis. O mimo aparece en todos, porque deduzo que Lucho é o nome do mimo. E gústame máis o final desta historia.
O meu voto é para O xirasol.
Loucura
é raro poñer o nome de Simón cando esa personaxe non vai ter ningunha relevancia nin peso nin personalidade algunha no relato. ademais, ó ser a 1º liña, un pégase a ese nome, e logo non sirve nada. En cambio non sabemos nada do tipo que fala. será un policia?
Do segundo fragmento gustoume a idea, pero non a execucion. A descricion das lesións é demasiado dubitativa, como feita por alguen que mira o cadaver de paso. Había que quitar os “parece que” e os “previsiblemente” e mostrar un informe firme, sen divagacións, nada de posibilidades, porque as posibilidades teñen un problema: tanto pode ser que si como que non.
Do fragmento 3 quitaria as 3 primeiras frases, e é unha pena que o relato non dea creado mais imaxes no lector. repitense as mesmas seguido. Por exemplo, o relato comeza cun tipo tomando algo nun bar despois de ver a escena, e despois o marido fai o mesmo. Isto eu pensei que era feito adrede, pero agora non o teño claro, porque esa repeticion non sei ben que ventaxa lle da á historia. Igual que a mencion ó forense ou todas as 2 veces que se repite o termo “violencia domestica” e despois se di “violencia de xénero” (que é o termo correcto).
O 4º fragmento si que abre a historia un pouco co tema do periodismo. O 5º volve de novo ó policiaco e volve caer nos problemas que comentei: repite as feridas da vitima e repite o tema do bar.
O xirasol
no fragmento dos polis renxeme un pouco o plural, pero aceptoo. A diferencia do relato anterior aqui cada perspectiva aporta algo. Sexa por motivos argumentais (unha historia que avanza) ou psicolóxicos (a reaccion de cada personaxe a un feito dado, como no relato dos 5 na mesa de pilar), cada fragmento ten que xustificar a sua presenza no relato. O último fragmento é interesante, sáese do previsible e iso é bo, ainda que foi un risco que tomou o autor porque rompeu o marco temporal co que estaba xogando.
O único que me deixou algo mosqueado é que eu non tomaría coma un bo exemplo que alguen quixese quitarlle a outra persoa algo que non é del. unha lectura mais realista sería “se lle fixo iso a un irman por algo que non existía, que che fará a ti cando se enfade por calquera tontería”. Pero iso son cousas que han quedar entre as personaxes do relato, talvez alguén queira continuar esta historia noutra xornada e vexamos se o tipo defende ou destrue á súa familia.
Voto polo Xirasol.
Loucura
Pareceme moi orixinal abordar os relatos en prosa e en diálogo, e como as versión enriquécense as unhas ás outras.
Xirasol
Gústame a evolución psicolóxica e como van encaixando os relatos entre sí.
Malia todo, malia que ambos relatos parecéronme moi amenos de ler e me gustaron moito, o meu voto vai para LOUCURA porque penso que está moi conseguido as diferentes ferramentas uqe usa.
“Loucura”: As cinco versións (dos nosos pesadelos haha) orientadas da forma máis “clásica”, a que mellor funciona, se cadra. O meu problema é que me parece unha historia sinxela complicada innecesariamente con vistas que non aportan nada… Ok, matouna o home e a cousa viña de largo. Pero por que diálogos crípticos, tanta reflexión de personaxes moi alleos á historia…? Non sei, non o dou ordenado na cabeza todo.
“O xirasol”: Tamén cinco versións “modo clásico”, pero estas si que me funcionan. E a historia toda gustoume (quitado o pai imbécil que deixaría á muller por como son os fillos, o certo é que a pelexa entre os pícaros me pareceu do máis factible, haha). O final, ademais, paréceme redondo e fermoso, a menos que afonde na lectura de Lois, que dá que pensar. Se cadra funcionaría sen traba dándolle a volta e o irmán loubado sexa o que recibiu de primeiras a flor e a defendeu.
Con todo, voto por “O xirasol”.
moi boa idea o de darlle a volta e que o casado sexa o defensor do xirasol.
Antes que nada, sintoo o da foto. Pero tampouco facía falta poñerme de ladrón e asasino eh…
“Loucura”. Gústame esta maneira de abordar a traba, o multiformato. Os diálogos están bastante ben. O malo é o que xa comentaron os compañeiros, a información volve unha e outra vez e é case a mesma. Estas cousas van moi ben coma no Drácula, cada cambio de formato é un mundo novo que se conecta cun fio común.
“O xirasol” é un relato moi redondo e orixinal tanto no formato coma no que di. Gústame case todo del, poida que o que menos o do pai (roza a caricatura e penso que non lle presta ao ton) e seguramente o que máis sexa a parte da policia (aí si que queda ben a caricatura) e o final.
O meu VOTO vai por “O xirasol”.
Bo día¡ Seguimos a estela das imaxes maxistrais¡ Espero que cada un de nos teña a oportunidade de pasar por unha destas, porque che cambian a vida.
Loucura gústame pola mestura de formatos que mencionan os meus compañeiros. Si que é verdade que a descrición do corpo debería ser máis científica, porque léxicamente pegase a ese estilo pero fáltalle certeza. Chamoume a atención o de usar nome só para unha mención tan esporádica, é unha voa idea, e arriscase cos cambios de estilo, pero ao cambiar os estilos pero non os temas non podo evitar sentir que se queda a medio camiño. Con puntos de vista máis afastados melloraría. Tamén entendo que é complicado imaxinar ben máis persoaxes, cunha escena tan pechada. Rebuscando atopase algo, estou seguro.
O xirasol non arrisca tanto. Ten un ton correcto e non hai ningún momento no que me renxe. Movese máis alá dunha escena e esa variedade de escenas é o que marca a diferencia. O único ao que lle daría unha volta é á conclusión do discurso, que me soa un pouco forzada. Cambiando de lugar aos irmáns si que queda mellor.
O meu voto vai para Loucura. Creo que capta mellor o espírito da foto.