Lucía Fidalgo e o demo nunha noite de San Xoán

Nati Rey.
Lucía Fidalgo, natural da freguesía de San Martiño de Anllo (Sober), foi unha das mulleres galegas acusadas de bruxaría durante a época na que estivo en vigor a Santa Inquisición. O seu caso destaca pola súas confesións, onde mencionou elementos de superstición mesturados coa represión social e o abuso.
A súa historia contouna o historiador Bernardo Barreiro[1]: Gañaba o pan do día ofrecendo o seu corpo a puteiros, tal como facía súa nai. Tras a morte da súa proxenitora, que tamén tiña fama de feiticeira, a coitada de Lucía herdou a súa mala sona. Sen sustento, lanzouse a pedir esmolas e cando petou na casa dun “reputado veciño”, aos poucos días foi acusada de bruxa ante o xuíz polo mesmo veciño, por lle maldicir uns porcos a vez que pasou polo seu fogar. Foi entón cando Lucia Fidalgo se crebou perante o xuíz e terminou contando toda a súa penosa vida, tras as ameazas de severos castigos e a queima na fogueira. Relatou como o diaño a captou nunha noite de San Xoán, cando tiña entre trece e catorce anos, e súa nai e outra muller a levaron ao San Xoán da Rossa (sic). As tres baixaron á beira do río, onde se lles apareceu un home vestido de pardillo, de estatura media, que prendeu unha fogueira. Ese home era un home infame que comprou a virxindade de Lucía. Despois de comer e beber, a aparición preferiu pasar o resto da noite coas outras mulleres, mentres que a Lucía só a “coñeceu” unha vez.
O home, descrito como un “demo” borracho e afeccionado ás mulleres de baixa condición, acabou a noite molesto e intentou facer cousas aínda máis graves con Lucía, que comezou a chorar e a increpar á súa nai e á outra muller, dicíndolles que era moi nena para tal cousa, polo que finalmente a deixaron. El marchou enfadado, pero díxolles que, cando quixeran saber algo, se encomendasen a el e que non xurasen nunca ante a xustiza.
Bernardo conclúe dicindo que este tipo de “casamentos” co demo eran frecuentes en Galicia, especialmente entre mozas aldeás, e que homes ricos e poderosos se aproveitaban destas costumes para enganar e abusar das vítimas sen temor ao castigo, xa que a xustiza non era suficiente para protexelas.
Lucía Fidalgo quedou no punto da vista dos inquisidores cando tiña 26 anos, xusto despois da denuncia do reputado veciño e doutras, aínda que os indicios non foron suficientes, nin tan sequera a confesión do encontro co diaño, para condenala.
Mais no ano de 1650, cando Lucía tiña xa 30 anos, aparece o seu nome rexistrado nos libros dos cárceres secretos do Tribunal de Santiago de Compostela, engadindo información máis detallada. Desta vez, a coitada, non se librou do tormento e chegou a perder a noción da realidade. Concluída a súa causa, saíu da igrexa cunha soga amarrada ao pescozo onde se lle leu a sentenza: “Abxura de Levi, 200 azoutes e desterro”.
[1] Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano (A Coruña, 1885)