Luís Álvarez Pousa: “A prensa en galego ten pendente facer a concentración parcelaria”
César Lorenzo Gil.
A revista Tempos Novos fai 20 anos. Aproveitando a efeméride, a publicación mensual “cambia de cara”, en palabras do seu director e fundador, o profesor Luís Álvarez Pousa (Vila de Rei, Trasmiras, 1948), con quen falamos da historia da cabeceira, as dificultades para resistir nun contexto moi complicado para os medios de comunicación en galego e de papel e o futuro dun proxecto que quere seguir a ser fiel ao seu compromiso co xornalismo “plural e que se pon do lado das causas xustas”.
Non parecen bos tempos para a prensa. Se a iso lle sumamos o idioma galego e o formato papel…
Si é certo que hai moitas complicacións. Seguramente, a principal é a dificultade para gañar lectores compradores. Vivimos nun paradoxo. Unha parte da sociedade reclama unha prensa independente, libre dos atadullos co poder económico e político, que cree unha axenda informativa propia… Mais cando xorden eses medios, cando existe unha oferta de cabeceiras que cumpren esas premisas, non conseguimos que se sumen ao proxecto esas mesmas persoas que as reclaman.
Hai tres anos, Carlos Callón explicaba que en Galicia hai pouco excedente económico na sociedade civil para soster iniciativas populares. É ese o factor principal ou considera vostede que interveñen outros?
Por suposto que hai persoas que non chegan a fin de mes, que non poden permitirse subscribirse ou comprar no quiosco unha publicación como Tempos pero existen outras capas sociais que, polos seus intereses intelectuais, formación e poder adquisitivo si poderían involucrarse. Coido que hai un exceso de comodidade na reflexión sobre o papel dos medios de comunicación na nosa sociedade. Sen un proceso de pensamento ao redor do valor da información, non se pode entender tampouco para que serven eses medios. Hai quizais unha sensación moi superficial sobre que existe un sistema comunicativo altamente dependente da publicidade ou sometido ao poder político pero non se vai máis alá. O curioso é que incluso aqueles que son máis conscientes de que hai cabeceiras que están fortemente influídas por eses poderes, á hora de informarse, acoden xustamente a esas fontes que critican. Cómpre entender que para que as cousas cambien, como individuos, temos que apoiar as iniciativas que buscan ese cambio.
E malia todo, Tempos chega ao 20º aniversario. Como se consegue o milagre?
Non sei se podemos falar de milagre. Haberá que buscarlle unha explicación máis laica, baseada no compromiso cívico.
Falemos de fazaña, daquela. Unha revista mensual en papel precisa unha infraestrutura material e humana constante e custosa.
Cando xurdiu a revista nacía cunha proposta contracorrente, daquela e agora. Propúñamos, fronte á idea de que nos podemos informar do que ocorre a través de 140 caracteres, unha mirada sosegada, que require tempo. Textos longos, informados, amplos, contextualizados, abertos a múltiplas voces. Unha ligazón ao pensamento crítico. E con certeza, conseguir sobrevivir nunha realidade cun nivel de lectura tan baixo coma a actual e fronte a un sistema de medios de comunicación fortemente intervidos polos poderes pero ao mesmo tempo estables e cunha mensaxe idéntica, non é doado. Coido que se segue en pé o proxecto é porque naceu como unha tarefa colectiva. Tivemos 150 accionistas fundadores que manteñen o compromiso coa revista. Esta pluralidade de vontades foi un motor que nos permitiu sobrelevar os cambios aos que nos vimos obrigados polos cambios conxunturais destes anos, en contextos difíciles. Tempos conseguiu desenvolver aquilo que sempre defendeu: manter a lingua galega como vehículo de comunicación, estar aberta ás vangardas no pensamento e na cultura, ser independente dos grupos de poder, tanto económicos coma políticos, con total liberdade para explicar a realidade. A revista estivo fóra do circuíto de publicidade institucional practicamente sempre. Nin sequera se reverteu esta situación durante o bipartito, a pesar de que nós defenderamos claramente desde a liña editorial a necesidade dun cambio de goberno na Xunta.
Hai 20 anos, a internet era un embrión e ninguén puido prever que a prensa diaria de papel perdese a influencia que fora adquirindo durante séculos. Como encarar os desafíos do presente e do futuro desde unha revista mensual?
No número de maio, publicamos unha entrevista co profesor Ramón Zallo, que xustamente repara nestas cousas. El afirma que nesta altura temos que empezar a pensar máis en contido ca en soporte. No futuro será máis importante a capacidade de cada medio para chegar ao público a través de diferentes vías, non só cunha cabeceira e nada máis. Temos que empezar a prever o final dos periódicos de papel mais tendo en conta que até chegarmos aí haberá un longo percorrido. Pensemos que hoxe en día, incluso os medios nacidos no contorno dixital utilizan publicacións mensuais en papel para fidelizar os subscritores. É dicir, aínda se lle recoñece ao soporte papel esa lexitimidade informativa tanxible. Os lectores máis esixentes e capacitados demandan un tipo de información que supere os límites da noticia día a día, un modelo de xornalismo altamente especializado e que se cinxa ao contexto.
Considera vostede que malia os cambios da dixitalización, os xéneros xornalísticos estrela seguen a ser os mesmos: entrevista e reportaxe?
En Tempos, as necesidades de dimensionar o noso tamaño e aspiracións ás nosas posibilidades estruturais fixo que a día de hoxe prime quizais máis a opinión sobre a información pero o noso interese primordial e orixinario era xustamente exercer os xéneros clave do xornalismo: a investigación, a entrevista en profundidade e o informe. Velaí a nosa hemeroteca para demostralo. A nosa revista destapou a corrupción na Fundación Camilo José Cela e durante moito tempo, publicamos entrevistas en exclusiva con intelectuais de esquerda dos EUA.
Durante ese tempo de dificultades tivemos que renunciar ao noso obxectivo de ter unha redacción profesionalizada pero coido que estamos outravolta no camiño de conseguila. Cómpre que os protagonistas dos contidos da revista sexan os xéneros xornalísticos máis interpretativos e valorativos. Proba diso é que volvemos contar cunha das nosas seccións máis representativas, o debate público. Días atrás celebramos un coloquio aberto sobre o presente e funcións do Centro Dramático Galego con grande aceptación. Acto que, por certo, non atenderon os medios diarios galegos nin poñendo unha mención na axenda.
E para celebrar o XX aniversario, Tempos cambia a fasquía.
É un cambio de rostro completo. Nova imaxe, modernización da maqueta e tamén contidos, colaboradores e seccións que non tiñamos até agora. Queremos destacar os valores que cultivamos durante todos estes anos e darlles pulo de cara ao futuro. Mira, durante estes 20 anos polas páxinas de Tempos pasaron 1.500 colaboradores. Moitos deles continúan escribindo. Queremos potenciar ese pluralismo. Ese xornalismo non neutral pero si imparcial que se pon do lado, sempre, das causas xustas.
Está claro que non hai xornalismo independente sen un plan de negocio sustentable. Con que estratexia contan para lograr maiores ingresos: máis publicidade, máis subscricións?
En efecto, queremos aumentar o número de subscritores. É para iso que queremos iniciar unha campaña de presentacións da revista en todo o país, na procura dese público que aínda non coñece Tempos mais a quen lle poden interesar, de seguro, os nosos contidos. Tamén queremos ampliar a base de accionistas fundadores. Hai moita xente que xa nos fixo chegar o seu desexo de participar dun xeito máis amplo no futuro do proxecto.
En canto á publicidade, coido que neste momento debemos facer unha reflexión sobre a comenencia da biodiversidade de medios en galego. É xusto iso o que necesitamos? Non estamos a facer demasiados esforzos por conseguirmos o mesmo público e os mesmos anunciantes? Non sería mellor unir forzas, camiñar xuntos e intentar poñer en pé unha estrutura de medios poderosa, diversa, multimedia e con capacidade para logo ver se hai posibilidade de multiplicarnos?
Daquela, vostede que propón?
Confluencia, unha estratexia común e ambiciosa para crear un grupo de comunicación independente en galego. Hai medios escritos en papel, xornais dixitais, radios, televisións… Por que non intentamos superar o minifundio? A prensa en galego ten pendente facer a concentración parcelaria.
Arestora, a presenza de Tempos na internet é testemuñal. Haberá cambios nese campo?
Estamos dando pasos para que Tempos Dixital teña contidos propios e actualizados regularmente. Se agora non os temos é por falta de capacidade pero en breve veremos grandes cambios na páxina web. Un medio de comunicación vivo que ademais aproveitará a nosa inmensa hemeroteca. Pensa que durante estes 20 anos tratamos practicamente todos os temas de interese cidadán. Ese material debe estar ao alcance do público e seguir provocando debate e información.
Está previsto que a revista produza contidos engadidos?
Sempre estivemos abertos a proxectos editoriais complementarios: publicamos durante varios anos a revista de literatura infantil e xuvenil Fadamorgana,que dirixiu Xosé Antonio Neira Cruz, o suplemente Protexta, suplemento de libros que tiña vida propia, editada en papel prensa, con 24 páxinas, de carácter trimestral e con distribución a través de Tempos Novos e dos diarios El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Ferrol e Diario de Bergantiños (en total 40.000 exemplares).
Tamén publicamos Informe 2010 (unha publicación dunhas 300 páxinas, de gran formato, no que colaboraron expertos en política, urbanismo, economía, medio ambiente, mundo rural, industria, pesca, cultura….etc.), e que tiñamos a intención de facelo cada ano. Non puido ser porque en tempo de crise non podiamos asegurar a publicidade que necesitabamos para o pagar). E tamén tivemos unha liña de produción de libros especializados no ámbito da Comunicación e Muller: Informar desde a perspectiva de xénero e Rompendo moldes. Áreas de especialización e xénero. Así que eses contidos sempre foron do noso interese cando as circunstancias o permiten.