Madrid non paga tradutores

César Lorenzo Gil.
A industria editorial española nega as literaturas non castelás. Se un visita a libraría na busca de novidades, case nunca atopará traducións procedentes da lingua galega, catalá e vasca. Incluso cando vai á páxina de créditos de libros que un aseguraría que viu antes noutra desas linguas estatais, descobre que non, que foi unha ilusión óptica, que eses libros que un recorda, por exemplo en galego, resulta que son orixinais en castelán e como tales aparecen.
Nas revistas e suplementos de literatura españois case nunca hai promoción ou reseñas de libros non escritos en castelán. Para obter a atención destes medios é imprescindible “dar o salto”, “apañar o AVE”, “desembarcar en Madrid ou Barcelona”. O modelo é o mesmo que hai cen, douscentos, trescentos anos: as literaturas non castelás teñen que trasvertirse, cambiar de pel, “pasar polo aro” para obter recoñecemento. Na TVE, as poucas veces que falan de literatura e non só de comercio, nunca xamais falan de libros non casteláns. Recentemente, foi noticia no Telediario o vasco Bernardo Atxaga, Premio Nacional das Letras Españolas (sic) no 2019 e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes no 2024, pola súa última novela, que en éuscaro se titula Enarak. Pero isto non o sei por ver esa noticia, porque na televisión pública só falaron da edición española, sen dicir en ningún momento que se trataba dunha tradución.
Como non hai traducións, apenas hai tradutores, claro. En moitos casos son os propios autores os que teñen que autotraducirse ao castelán, involuntarios colaboracionistas no proceso de ocultación da lingua orixinal das súas obras. Ao propor a autotradución é coma se o sistema varrese a propia autopercepción da xenealoxía do texto. Porque ben saben os editores que cando un escritor volve ao seu texto case nunca queda quieto, aproveita para cambiar, corrixir, “mellorar”. O escritor autotradutor será sempre máis o primeiro ca o segundo. Entrará pola porta de servizo na literatura española.
Unha escritora galega moi prestixiosa que publica as súas obras en castelán ao tempo ca en galego explicoume que non hai posibilidade hoxe en día de atrasar a publicación do texto autotraducido para permitir que a versión galega se asente no mercado sen competencia. Tampouco lle deron opción, xa non a buscar un tradutor, senón a marcar simplemente na edición castelá que é unha tradución. Isto obriga a un exercicio de fe sobre a filiación dunha obra; nalgún caso a unha fe fanática que nos faga crer que un autor é quen de escribir a mesma novela en dous idiomas a un tempo. O cristianismo só recolle tal poder de xeito involuntario: dúas personalidades que usan dúas linguas diferentes mediante o don da bilocación. Algo diso debe de haber cando un escritor pode manifestar a súa galeguidade e despois representar o Instituto Cervantes, cuxa función principal é “promover o coñecemento e o ensino da lingua española (castelá) no estranxeiro”. “Ser gallego es mi forma de ser español”, que dixo o outro.
No asentamento da democracia, a cultura española optou por un sistema de cotas para “representar” as literaturas periféricas do Estado. Escolleu algúns nomes desas literaturas para promocionalos (foi relevante o papel do Babelia, de El País, como fixador do canon, pero coa crise da prensa da década do 2010 tamén renunciou a ese papel de filtro). Tamén orientou o Premio Nacional a recoñecer de cando en vez as outras linguas a cambio de blindar o Premio Cervantes, que se converteu nun premio internacional, pero pechado ao español. A estratexia do soft power español segue pivotando sobre a fortaleza do seu idioma, grazas ao gran número de falantes en América e ao prestixio das diferentes literaturas latinoamericanas, que corrixen a precariedade da literatura nacional española, sen apenas prestixio desde hai décadas (o último Nobel español foi o de Camilo José Cela, no 1989). Mais fóra dese curro non debe medrar nada. Pode haber quen diga que se un autor catalán, galego ou vasco é bo, cae de caixón que será publicado en castelán. Pero se para ter visibilidade, unha obra ou un autor ten que renunciar a esa marca de nacemento, o xogo amósase trucado e perigoso. Porque a mensaxe é clara para quen se dedique á escrita: usa o teu idioma orixinal unicamente como plataforma para chegar ao castelán. E só desde o castelán é posible algo parecido ao prestixio: “En castellano no hay problema”, que reza o mellor título de Carlos Callón.
Pero si hai un problema: O castelán é un muro. Só aqueles autores, caso de Eva Baltasar, que conseguiron publicar en inglés, atopan algo de eco nunha conversa literaria cada vez máis constrinxida e dependente das grandes casas editoras e dos premios globais, coma o Booker. Paga a pena loitar desde o galego para crear unha literatura única que trate de igual a igual coas outras literaturas do mundo? Coido que si se sabemos de antemán que sen Estado que nos defenda é practicamente imposible sentar na mesma mesa ca as culturas con bandeira propia na Asemblea das Nacións Unidas. Mais é posible para un escritor galego domesticar a voz e intentar ser un escritor castelán? Torrente Ballester e Cela lográrono porque apenas había neles as pegadas do idioma galego. Blanco Amor e Cunqueiro, que o buscaron con degoiro, teñen que contentarse con algo paradoxal: Ser dous dos mellores autores da literatura universal do século XX sen apenas ser coñecidos e estudados fóra de Galicia.






