Mais de vinte razóns para pararmos de ler (1)

Xesús González Gómez.
Hai xa meses, nesta mesma web reflexionabamos, a partir de George Orwell, sobre o gasto en libros, e demostrabamos, case, que a maioría da xente gastaba máis en tabaco que en libros ao cabo do ano, e da súa vida. Mais tamén é verdade que a lectura, a compra de libros, adoita ser, ou é, perigosa. Pode desequilibrar o orzamento persoal ou familiar, pode ocupar na casa tanto espazo que, ao final, hai libros até debaixo das camas e non podemos recibir visitas ou hai que botar os fillos da casa para poder colocar os volumes que temos ciscados polo chan, sen contarmos o risco que se corre se se produce un incendio. Os riscos de ler son moitos, polo que o escritor francés Pierre Ménard, escritor que non hai que confundir co homónimo de que nos falou no seu día Jorge Luis Borges e que quixo, Ménard, non Borges, reescribir o Quixote de Miguel de Cervantes, publicou no 2014 un libro, non moi longo, como deben ser os manuais (120 p.) titulado: 20 bonnes raison d’arrêter de lire, non fai falta tradución, mais darémola: 20 boas razóns para deixarmos de ler.
Hai xa 12 anos que se publicou, o que pasa é que eu non dei con el até hai uns meses nunha libraría de ocasión que venden, maioritariamente, libros en francés –L’ocassion révée, libraría que abriu as súas portas en Barcelona hai uns dous anos e aínda resiste. E desculpen vostedes a información, que, ao mellor, estou incitando a quen isto le a gastar –aínda– máis en libros. O libro editouno Le Cherche Midi, sito na rúa do mesmo nome da capital de Francia (tampouco cabe esquecermos que Cherche Midi era o nome dunha prisión, onde, por exemplo, estivo internado un delincuente como o escritor español César González Ruano). Este Pierre Ménard en realidade chámase Philippe Díaz, bibliotecario, novelista, antólogo, director de revistas, etc., e naceu en 1969. Quen queira saber mais del, procure o seu nome na rede.
O libro, que dá máis do que promete, pois entrega máis de «vinte boas razóns», consta dunha introdución, que se inicia con estas tres frases: «O 18 de xullo de 1925 [ollo á data], Hitler publica Mein kampf. Oitenta anos despois, Grasset [editorial francesa] edita un eloxio da lectura. Non podemos tolerar por máis tempo estes atentados á dignidade humana.» E veñen a continuación vinte e seis (26) capítulos, non moi longos mais que non teñen desperdicio. Como dubidamos que o lobby editorial-libresco —como o denomina Ménard— español, impedirá a tradución do libro a calquera das linguas do Estado, e as editoriais pequenas, por razóns máis que evidentes, non van promovelo, daremos o título de cada un dos capítulos que conforman o libro, e de cada capitulo tiraremos unhas cantas frases.
1: Ler é perigoso. É perigoso porque pode provocar adicción e, xa que logo, ao igual que os medicamentos, o alcohol, o tabaco, o xogo, «todos eses gozos inocentes», os libros debían levar aquela inscrición que nunca veremos nun libro: «Ler implica riscos: illamento, endebedamento… chame ao 112 (chamada gratuíta), ou «O abuso dos libros prexudica gravemente a saúde, a consumir con moderación». Ademais, «cantos inocentes se mancan cada ano ao xirar páxinas de libros mediocres, cando non abxectos?». Por outra parte, Goethe, Schiller, Rousseau, Flaubert, Verlaine, Sartre (que lía trescentos libros ao ano) Gautier e Cía, «volvéronse miopes coma toupeiras» e outros caeron na cegueira: Homero, Milton, Nietzsche, Borges, William Prescot, o abade Mugnier e a restra de descoñecidos. Ler, á parte de atacar a vista, destrúe as nosas noites, impídenos ir a ceas, saír cos amigos, acompañalos ao cine…, e todo, para que? Para ler «a magnifica obra que é Revista periódica dos afeccionados ao tarot nos arredores de Alès de 1567 a 1678?»; e acaba o capítulo: «como ler impide durmir, imponse escoller ler ou durmir».
2: Ler volve feo. Se ben a lectura destrúe a vista e nos torna insomnes, o verdadeiro problema é que produce calvicie. Se vostede é lector e lle cae o cabelo, pare de ler: desaparece o problema. Case todos os lectores acaban calvos: Hume, Kipling, Max Jacob, F. Mauriac, M. Foucault, etcétera. A maioría dos lectores, mesmo antes de que comecen a lles desaparecer os cabelos da cabeza, adoitan ser «horribelmente feos». O dramaturgo Gaspard Abeille era tan repulsivo que os nenos que o vían púñanse a chorar instantaneamente. Hai outros exemplos, mais o autor non ten nin tempo nin gana.
3: Ler volve nugallán. «A vida dun gran lector non é diferente á dun enfermo terminal: erguerse, deitarse (para ler), almorzar, estenderse (para ler), cear, ler, deitarse. Os lectores son incurábeis». Ademais de abrandar o corpo, os libros abrandan a mente. «É o que sostén especialmente Sócrates, nada menos! Se o gran filósofo non escribiu nada é simplemente porque estaba contra a lectura. Como explica no Fredo de Platón, se as ideas están escritas, os individuos rexeitaran usar a memoria…». Mais ninguén escoitou o filósofo e cretinos, «a empezar polo seu discípulo Platón, a quen debemos a transcrición das reflexións precedentes, puxéronse a rañar pergamiños».
4: Ler volve pedante. «No seu escandaloso Por que ler?, insoportábel eloxio da lectura, Charles Dantzig di que “o lector é un saco de frases”. Estou de acordo con el. É máis insultante que un saco de merda. O lector, porque leu o libro dun home intelixente, cóidase intelixente». O que é tan absurdo como pensarse un axente secreto porque ve as películas de James Bond.
5: Ler volve snob. Entre pedantismo e snobismo, escribe Ménard, a fronteira é máis fina que o papel biblia (ben, el di o papel pléiade, famosa colección francesa de obras completas impresas nese tipo de papel). O bibliómano, «porque se coida mellor que todo o mundo, non deixa de proclamalo e pretende que só frecuenta seres de elite», como lle aconteceu a Proust. O capítulo acaba con dúas conclusións: a): «Hai que evitar a lectura porque provoca erupcións de snobismo», e b) «Os snobs non teñen necesidade de ler. O verdadeiro snobismo consiste en estar orgulloso do seu saber pero máis aínda da súa ignorancia».
6: Ler separa [coupe] do mundo. Como coupe tamén pode significar copa, este capítulo iníciase así: «Ler separa [coupe] do mundo, e non soamente os futbolistas. Sobre todo porque eles non len». A lectura separa ou afasta do mundo porque a) «Para ler hai que estar só, rexeitar calquera compañía» e b: «a lectura illa porque coller un libro é encerrarse nun mundo imaxinario. Un mundo imaxinario que ás veces se impón sobre a vida real. Ler equivale a estar en todos os lugares onde non estamos: no pasado coa historia, no futuro coa ciencia ficción. E se estamos no presente, coa novela, trátase dun presente imaxinado. Un presente que xa non existe.» Ademais, este «pracer divino» (Proust) podería moi ben «facernos rexeitar outros praceres, que sonos da sociedade. Acontece a miúdo que o lector acabe por preferir seres imaxinarios ou pasados aos que el coñece».
7: A lectura prexudica o éxito profesional. Aquí as cousas están claras de inicio: un empresario non pode interesarse polo tempo perdido, senón polo tempo gañado. O lector faise preguntas, o empresario nunca. E se se repara na historia, velaí uns exemplos: Henry Miller foi despedido do seu emprego por devorar a Nietszche no tempo de traballo, a Paul Feval botárono de correos por ler a Balzac no canto de clasificar as cartas, Robbe-Grillet abandonou o laboratorio «en que realizaba frotis uterinos de ratas esterilizadas para se consagrar á literatura». Para triunfarmos non fai falta ler, senón, como afirma Joseph de Maistre: xogar, falar, brillar. Bel-Ami é inculto, e é «saíndo (pola noite e con mulleres) que accede ao que el coida ser o cume da sociedade». Pola contra, os sabios acaban «todos ou case, na pobreza»: Cioran almorzaba até a fin da súa vida no crous (asilo) cos vagabundos e os estudantes de Socioloxía (perdón polo pleonasmo)», Zola nos seus inicios alimentábase de pardais e Hemingway dos pombos que cazaba no Luxemburg (xardín parisiense).
8: Ler volve tolo. Non cita o caso de Don Quixote, ben coñecido, senón a restra deles: alcóholicos: Marguerite Duras, F. Scott Fitzgerald, William Faulkner, Raoul Poinchon (que tiña como divisa: «Cando o meu vaso está baleiro: compadézoo; cando está cheo: baléiroo»), Hemingway, Musset, Rimbaud, Tenesse Willians e, sobre todo, Poe, do que «Baudelaire se moquea do alento alcohólico que prendería lume á lapa dunha vela»; epilépticos: Lord Byron, Flaubert, Molière, Dostoievski…; drogadictos: Conan Doyle e Stevenson –cocainómanos–, Baudelaire, Gautier, Musset, Verlaine, Nerval, Flaubert, Dumas, Balzac (haxix), Aldous Huxley, Henri Michaux, Nabokov e toda a restra (de poetas beat e outros) probaron todas ou case todas as drogas; Artaud, Maupausant, Zelda Fitzgerald, Robert Walser, etc., acabaron nun asilo psiquiátrico. De enumeralos todos, o capítulo sería interminábel.
9: Ler volve triste. Que ler volva tolo, ten un pase, xa que a loucura volve maiormente feliz o louco. O que non se lles pode perdoar aos libros é que nos volvan tristes: «En efecto, ao desenvolveren a intelixencia sepárannos do mundo pouco a pouco e fannos ver a súa vaidade». Por outra parte, para Ménard os seres felices adoitan ser os máis brutos, polo que, remata: «Mellor ser un boi feliz que un Sócrates desgraciado».
10: Ler mata. «Fumar mata. Ler tamén. A única diferenza é que o potente lobby editorial-libresco nunca aceptou que se poña no canto da banda “Premio Goncourt” “Ler mata”». Ler mata «porque é encerrarse nun mundo imaxinario […] que non está gobernado pola providencia, tan imprevisíbel, senón pola man do escritor». Un mundo que non é o real, así Emma Bovary a forza de ler coida que o grande amor existe, Os sufrimentos do mozo Werther causaron, segundo madame Staël, «máis suicidios que a muller máis fermosa do mundo». Dito isto e moitas outras cousas, Ménard afirma que os libros matan os seus autores: «Brasillach [escritor nazi e colaboracionista francés] foi fusilado, André Chénier guillotinado, Tomas Moro decapitado, Von Kleist queimou o cerebro, René Crevel matouse con gas, Zweig envelenouse, Primo Levi lanzouse polas escaleiras, Deleuze e Poulantzas defenestráronse, etc. A cousa, seica, é tan grave, que Ménard nos informa de que «segundo Patrice Delboutgt, a esperanza de vida dun escritor francés no supera os 53 anos».
11: O seu libreiro méntelle. Os espíritos inxenuos, cegados pola propaganda de editores, escritores e libreiros, non queren ser considerados os «derradeiros pés planos e precipítanse á libraría ou á biblioteca e len, seguros de que os paralelepípedos de papel son anacos de intelixencia. É tempo de abrirlles os ollos».
12: Ler é economicamente aberrante. «Supoñamos que vostede le dez libros por ano, sabendo que un libro custa de media 17 euros. Sobre unha duración de 87 anos (partindo do principio que se le dende o nacemento contabilizando os estúpidos libros para nenos ofrecidos polos pais, que lonxe de non custar nada son cantidades de cartos que se restan á herdanza) isto representa 14.790 euros, son o prezo dunha bonita viaxe (nota: por motivos de facilidade, razoamos en euros constantes, supoñendo que o prezo dos libros só variará lixeiramente en termos absolutos. // Se no canto de meter estes cartos baixo o seu cobertor, os colocase sabiamente a unha taxa do 5%, isto dános para unha vida un custe de oportunidade:
€87 10 x 17 x 1,05i = 233.708,94€
i = 0
Para un gran lector pódese multiplicar a cifra por dez. Felicitacións! A súa paixón cústalle máis de 2 millóns de euros. Se non lese, podería ter casa propia en Venecia».






