BiosBardia

O país dos libros en galego

Mais de vinte razóns para pararmos de ler (e 3)

Jack Nicholson nun fotograma de ‘O resplandor’, de Stanley Kubrick.

Xesús González Gómez.

E continuamos coas razón de Pierre Ménard para parar de ler e así aforrarmos tanto problemas monetarios como problemas de saúde, de sociabilidade etc. etc.

23: A literatura é unha arte menor. «Contrariamente ao que o complot editorial-libresco nos fai acreditar, a literatura é a forma de arte menos elaborada que existe». A imaxe libresca non ten a claridade da imaxe pictórica, a danza é superior á pintura, porque nos «fai escapar á nosa condición humana, mortal, ceibándonos do peso, da gravidade». E que dicir da arquitectura: «é un vibrante testemuño da nosa presenza na terra». «Mais a verdadeira antítese dos libros, a quintaesencia da arte, é, non se dubide, a música […] a música é unha representación da vontade, as outras artes só expresan aparencias mentres que a musica só fala do ser, etc.», palabras de Schopenhauer reproducidas por Ménard. E para acabar: o cine é a síntese de todas as artes: a pintura, a música, o teatro, ás veces a danza… e, ademais, adelgaza. E reproduce unha lista de dez filmes e a queima de calorías que provoca a súa visión, segundo un estudo da universidade de Westminster.

 

1.- O resplandor: 184 calorías.

2.- Tiburón: 161 calorías.

  1. O exorcista: 158 calorías.

4.- Alien: 152 calorías.

5.- Saw: 133 calorías .

6.- Pesadelo en Elm Street: 118 calorías.

7.- Paranormal Activity: 111 calorías.

8.- A matanza de Texas: 107 calorías.

9.- O proxecto da bruxa de Blair: 105 calorías.

10.-: [Rec]: 101 calorías.

24: Ler é aburrido (e este libro xa debería demostralo). «Se só se me pedise unha razón para non ler, dubidaría entre unha multitude de respostas, tan estúpido é tocar eses repugnantes obxectos que son os libros, logo respondería simplemente isto: ler é mortalmente aburrido». Xa Flaubert, lembra Ménard, o avisaba, por curto que sexa un libro, sempre é demasiado longo. Por outra parte, entre ver un filme con guión de Michel Audiard ou ler Anfiteatro da divina providencia divino-máxica, cristián-física e non menos astrolóxica-católica, contra os filósofos, os ateos, os epicúreos, os peripatéticos e os estoicos, do filósofo Giulio Cesare Vanine, vostede que elixiría? Pon máis exemplos deste tipo, e un definitivo sobre o tema de que os libros producen aburrimento. «Cando se puxo á venta o primeiro tomo de Á busca do tempo perdido, na colección La Pléiade, 340.000 persoas adquiriron o primeiro tomo para intentar a experiencia. 132.000 lectores, desgustados pola precedente lectura, rexeitaron comprar o segundo volume, sobre os cales 10.000 non quererán o terceiro e último tomo. Se lle restamos a estes compradores os que o fixeron por snobismo ou bibliofilia (os Pléiades, Deus sabe por que, están moi buscados), o número real de lectores debe ser próximo a cero. Mellor aínda, segundo unha recente sondaxe, só o 8% dos compradores do último premio Goncourt o leron».

25: Ler é inútil. «“A lectura é unha actividade nefasta e esterilizante”. Cioran ten razón. A lectura ten a utilidade dun salvavidas despois dun afogamento.» «Se a lectura é inútil preguntarédesme por que escribo. Vostedes son máis perspicaces do que pensaba. Vou darlles a resposta: é porque me indigna a inutilidade dos libros». «Contrariamente ao que os pretendidos grandes escritores queren facernos crer, non é verdadeiramente por caridade que se escribe, senón para pasar ao seu veciño a granada que se acaba de activar e da que non se sabe que facer. Ou por narcisismo, como Sollers, para quen escribir “é o único medio de falar de min sen asistir ao aburrimento dos outros…”. Confesen que non é moi nobre.»

26: Os libros son nulos (e non son eu quen o di). Despois de citar o exemplo de Sarkozy, que cando publicou no 1997 un libro sobre Georges Mandel, ministro de Clemenceau, asasinado pola milicia fascista de Vichy, «lles preguntaba aos lambecús se o leran. Os máis pérfidos respondían que si e Sarkozy replicaba: “Tanto mellor, porque eu non conseguín chegar até o final”». O problema, afirma Ménard, non é que os escritores teñan un ou douscentos negros, o problema é que hai que preguntarse se leron o que escribían. O capítulo é un pouco longo, para a magnitude do libro, así que nos limitaremos a traducir uns poucos fragmentos que Ménard reproduce:

Cunha man ergueu o seu puño, e coa outra díxolle. Ponson du Terrail

Oh franceses, zuguei o mollo da vosa Galia. Anna de Noailles.

«Ben! Ben!», rosmou en silencio e en baixo breton. Ponson du Terrail.

O sol bebe ao azar a medula dos nosos ósos. Alphonse de Lamartine.

Catro mil árabes corrían detrás, cos pes nus, xesticulando, rindo coma tolos, e facían brillar ao sol seis centos mil dentes brancos. Alphonse Daudet, Tartarin de Tarascon.

Guillaume é un rapaz honesto, mais nunca percibiu que o seu corazón lle serve para outra cousa que respirar. Alfred de Musset, Le chandelier.

De cor verde mazá, a súa casula, adornada con flores de lis, era de cor azul celeste. Gustave Flaubert, Bouvard et Pécuchet.

Tiña un pantalón de veludo e un chaleco da mesma cor. Ponson du Terrail

Sairei ao campo, mais sexa cal sexa o meu destino. Cando menos mostrarei como un ancián sae. Adolphe Dumas, Le Camps des croisés.

«Estas perlas, di Ménard, fan rir. Dan case gana de ler. Para se vacinar contra a literatura é mellor ler os xuízos que os escritores teñen dos seus pares. Nas súas réplicas divírtense ao por maior» e reproduce diversos diálogos, aí vai un: «Que pensa vostede do meu libro?, preguntoulle madame de Staël a Rivarol. “Fago como vostede, baronesa, non penso”». Todo o capítulo non ten desperdicio, así que para non encirrar a ninguén a compralo e, ler o libro, acabemos como cunha cita de Paul Valéry que pecha esta última razón: «Os libros teñen os mesmos inimigos que o home: o lume, a humidade, as bestas o tempo… e o seu propio contido».

E chégase á conclusión: «Queren unha proba máis da inutilidade da lectura? Téñena nas mans. Porque que é este libro senón un brulote pouco interesante, que lles roubou o tempo e non lles achegou nada? Por que escribín un libro, eu, que lía varias horas ao día? Para matar o pai. Para me liberar da escravitude que é ler e impedir que os outros caian nela».

A lectura, os libros, son como o opio ou o alcohol: unha adicción e, xa que logo, ao que facer unha nova lei sobra as adicións perigosas. E o libro remata dirixíndose aos mozos. «Vostede que ten a sorte talvez de ser un neófito, mantéñase prudentemente afastado dos libros, máteos antes de que o maten. Para min, é demasiado tarde. Escoite os consellos dun vello louco de 21 anos» (supoño que o vello louco de 21 anos é Arthur Rimbaud).

Para acabarmos, e como esta entrega non era moi longa, aí vai un «edicto» sobre os perigos da lectura, notificado o ano de 1765 por François-Marie Arouet coñecido como Voltaire.

O horríbel perigo da lectura

Nos, Iussuf-Chéribi, pola graza de Deus muftí do Santo Imperio Otomano, luz das luces, elixido entre os elixidos, a todos os fieis que vexan estas presentes, parvada e bendición. Como así sexa que Said Effendi, anteriormente embaixador da Sublime Porta nun pequeno Estado chamado Frankrom, situado entre España e Italia, trouxo entre nós o pernicioso uso da imprenta, consultando sobre esta novidade aos nosos venerábeis irmáns os cadis e imáns da cidade imperial de Istambul, e sobre todo aos faquires, coñecidos polo seu celo contra o espírito, a Mahoma e a nós pareceunos ben condenar, proscribir e anatematizar a devandita infernal invención da imprenta, polas causas que se expoñen a continuación.

  1. Esta facilidade para comunicar os pensamentos tende evidentemente a disipar a ignorancia, que é a gardiá e salvagarda dos Estados ben gobernados.
  2. É de temer que, entre os libros traídos de Occidente, se atopen algúns sobre Agricultura e sobre os medios para perfeccionar as artes mecánicas, obras que, á longa, Deus non o queira, poderían espertar o xenio dos nosos cultivadores e fabricantes, estimular a súa industria, aumentar as súas riquezas e inspirarlles algún día certa elevación da alma, certo amor polo ben público, sentimentos absolutamente opostos á sa doutrina.
  3. Ao final teriamos libros de Historia desprovistos do marabilloso que mantén a nación nunha feliz estupidez. Neses libros cometeríase a imprudencia de facer xustiza ás boas e malas accións, e de recomendar a equidade e o amor á patria, o que é visibelmente contrario aos dereitos do noso lugar.
  4. Podería suceder, co paso do tempo, que miserábeis filósofos, co pretexto especioso, mais puníbel, de iluminar os homes e facelos mellores, viñeran ensinarnos virtudes perigosas que o pobo nunca debe coñecer.
  5. Poderían, ao aumentar o respecto que teñen por Deus e imprimindo escandalosamente que El o enche todo coa súa presenza, diminuír el número de peregrinos á Meca, en gran detrimento da salvación das almas.
  6. Acontecería sen dúbida que a forza de ler os autores occidentais que trataron sobre as doenzas contaxiosas, e a forma de prevelas, seriamos tan desgraciados como para protexernos da peste, o que constituiría un enorme atentado contra os designios da Providencia.

Por estas razóns e outras para edificación dos fieis e polo ben das súas almas, prohibímoslles ler para sempre ningún libro baixo pena de condena eterna. E, por temor a que a tentación diabólica os leve a se instruír, prohibimos a pais e nais ensinar a leren aos seus fillos. E, para previr calquera contravención da nosa ordenanza, prohibímoslles expresamente pensar, baixo as mesmas penas; exiximos a todos os verdadeiros crentes que denuncien á nosa oficialidade a calquera que pronunciara catro frases relacionadas entre si, das que se poida inferir un significado claro e nítido. Ordenamos que en todas as conversas se utilicen termos que non signifiquen nada, segundo o antigo costume da Sublime Porta.

E para impedir que entre de contrabando calquera pensamento na sagrada cidade imperial, encargamos especialmente o primeiro médico da Súa Alteza, nacido nun pantano do Occidente setentrional; médico que, tendo xa asasinado a catro persoas augustas da familia otomá, está máis interesado que ninguén en impedir calquera introdución de coñecementos no país; pola presente outorgámoslle poder para confiscar calquera idea que se presente por escrito ou verbalmente ás portas da cidade, e para nos traer a devandita idea atada de pés e mans, a fin de que lle inflixir o castigo que nos pareza

Dado no noso palacio da estupidez, o 7 da lúa de Muharem, ano 1143 da héxira.

Voltaire

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *