Máis sobre a falacia da profesionalidade (I)

Eva Moreda.
Comparte Inma López Silva unha serie de percepcións ben interesantes sobre a (falacia da) profesionalidade do escritor/a en lingua galega (entendida como tal a facultade de vivir exclusivamente da literatura) nunha recente entrevista gravada para Biosbardia. Aínda que non se mencione abertamente na entrevista, é inevitable pensar no tamén recente e premiado ensaio de Yolanda Castaño Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia, 2024), que suscitou algunhas respostas, entre elas unha de Emma Pedreira tamén aquí mesmo. Por outra parte, é este un tema que rexorde con certa periodicidade nas nosas letras, como tantos outros. Seméllame, porén, que se cadra estamos nun momento en que esta conversa pode dar para un pouco máis do que deu no pasado, e por iso me decido a poñer sobre a mesa un par de cousas —uns cantos datos estatísticos, por unha parte, e unha perspectiva persoal, por outra— que non teño visto moito ata o de agora, por se axudan.
Un argumento moi ao xeito que trae López Silva é o de que, en realidade, poucos escritores, de calquera sistema literario, son quen de vivir exclusivamente das vendas dos seus libros: da escrita, en puridade, e non dos traballos asociados a ela. E digo que me parece moi ao xeito porque neste tipo de debates non se remata de definir nunca con moita claridade que é do que falamos cando falamos de vivir da literatura. López Silva, eu ou algún das ducias de escritores galegos que se dedican á docencia podemos, nun momento, dado amolarnos por ter que dedicar unha mañá a corrixir traballos do alumnado en lugar de investila na propia obra, pero non debemos pensar que unha hipotética escritora profesional en galego sería libre de dedicar esas horas a escribir o que lle petase: é igual ou máis probable que as dedicase a outra cousa pola que recibir unha remuneración máis tanxible, como visitar un instituto (exemplo que dá López Silva) ou escribir algunha columna para algún xornal que se cadra non lle interesa demasiado.
É aquí onte me parece interesante traer os datos estatísticos dos que falaba antes: do informe Authors’ Earnings in the UK, que no ano 2022 tivo unha certa repercusión no mundo literario británico. O Reino Unido podería parecer uns dos países que máis condicións reúnen para un autor ou autora ser quen de vivir da escrita: lingua grande e hexemónica a nivel mundial; consecuentemente, hexemonía unidireccional do seu sistema editorial no panorama internacional (calquera fenómeno editorial británico tradúcese axiña a multitude de linguas, mentres que o seu sistema é extraordinariamente impermeable ás traducións, o cal se podería argumentar que reduce a competencia para os escritores nacionais); industria editorial ben diversificada, con produtos para todos os gustos e nichos (o gusto pola lectura non está tan fortemente connotado como unha cousa de esquerdas e progresista, como o está en boa parte no Estado Español e xa non digamos en Galicia).
O informe vén dicir que os ingresos medianos (non medios) derivados da escrita (o que os autores do informe chaman “self-employed writing income”) estiveron no ano 2022 ao redor das 7.000 libras anuais por escritor: uns 8.460 euros ou en torno aos 705 por mes. Isto é menos dun terzo do salario mínimo británico, que daquela era dunhas 22.000 libras anuais. A mediana de ingresos totais dos autores que se poderían definir como profesionais (os que dedican máis do 50% do seu tempo á escrita, ou obteñen máis do 50% dos seus ingresos dela, segundo o informe) si que se achega un pouco máis a este mínimo: 21.479 libras anuais ou uns 25.954 euros, 2.163 euros ao mes[1]. Con respecto á diferenza entre os ingresos derivados directamente da escrita e os ingresos derivados doutras actividades, o informe non desagrega demasiado, o cal non deixa de ser unha oportunidade perdida: os autores do informe aclaran que estas outras actividades poden estar relacionadas coa escrita (imaxino que aquí entrarían os cursos de escrita creativa, plenamente normalizados no Reino Unido tanto a nivel universitario como no ensino non regrado, e que sospeito que lles salvan as papas a moitísimos escritores) ou non estalo. Por outra parte, nos ingresos derivados da escrita inclúense dereitos de autor e anticipos, pero tamén encargos (“commissions and self-employed writing”), que virían sendo como o exemplo da columna de prensa que puxen anteriormente; novamente, non se dan demasiados datos ao respecto no informe, pero tamén cabería preguntarse se nestes ingresos predomina a escrita que se fai, en principio, por impulso creativo ou a que se fai por encargo.
Coméntase tamén que só o 19% dos escritores que participaron na enquisa viven exclusivamente da escrita (incluídos encargos, como se dixo antes) e que obteñen uns ingresos medianos de 16.000 libras anuais, 19.333 euros, ou 1.611 ao mes). Non teño dúbida de que máis dun autor galego firmaría estas condicións, aínda lembrando que estas cifras están por debaixo do salario mínimo do Reino Unido e que por tanto habería que extrapolar: en proporción virían sendo uns mil euros mensuais. Pero lembremos tamén que esta é unha mediana. Haberá xente nun extremo da escala que viva ben comodamente e, no outro, quen saque para pouco máis que a subscrición do Netflix e que en realidade viva a conta da muller, do home ou das rendas de papá (un fenómeno que, aínda sendo pouco común, teño atopado nas profesións creativas no Reino Unido con máis frecuencia da que se cadra esperaría: a nós adóitanos dar máis reparo admitir que nos manteñen). A proporción de escritores profesionais seguramente sexa, por tanto, menor ca este 19%. Poderiamos, porén, achegarnos a iso? É certo que un sistema algo máis saneado seguramente si que daría para profesionalizar algúns escritores máis: uns medios en galego que puidesen encargar e remunerar columnas e reportaxes; unhas universidades que puidesen contratar algúns escritores como profesores a tempo completo de escrita creativa; un circuíto de festivais e charlas que desen algunha alegría sobre todo nos meses de verán. Aínda así, paréceme claro que a opción da profesionalidade estaría reservada a un número ben exiguo de escritores, e isto non exclusivamente por razóns relacionadas coa precariedade da nosa lingua.
Despois de facer todos estes números e intentar extrapolar, o que teño diante é sobre todo un dilema, que xa vou admitir que está condicionado principalmente pola miña posicionalidade dentro do sistema literario. Con optimismo, igual poderiamos manter un 10%, un 15%, un 20% de escritores profesionais. Entre estes escritores, xa sei de sobra, por traxectoria e perfil, que non ía estar eu: o cal non é tan raro, por suposto, porque, como dixen antes, este había ser o destino da maioría: don’t quit your day job yet, como din no Reino Unido. “Pero non sexas rancorosa nin túzara”, haberédesme dicir; “mira máis aló do teu nariz e alédate de que o sistema teña saúde dabondo para manter uns cantos escritores profesionais; ao cabo, sendo ti tamén parte do sistema este tamén habería ser un triunfo para ti”. Desde logo que eu en principio estou a favor de que algúns escritores galegos se poidan profesionalizar, como todos estamos a favor de acadar a paz mundial e rematar coas inxustizas. Se se fixese un manifesto ao respecto igual o firmaba se me pillase nun momento de non andar a correr (que son poucos), e por suposto que se todo isto se cristalizase nun exemplo concreto de inxustiza ou ilegalidade (por exemplo, un escritor ao que unha empresa ou institución pública acordase pagarlle uns certos servizos e logo se botase atrás) defendería sen dubidalo que ao mal pagador lle caese enriba o peso da lei. E a verdade é que tampouco me animaría a facer moito máis. Á fin e á corda, eu teño outra profesión e o tempo que podo dedicar á literatura é limitado, e prefiro dedicalo, primeiro, a escribir e, segundo (imaxino que como todo o mundo), a intentar amañar cousas que a min, persoalmente e desde a miña humilde posición, me semellan máis importantes dentro do sistema, como o problema da calidade literaria, do que tamén fala López Silva na entrevista.
[1] Divido entre 12 porque no Reino Unido non se cheiran as pagas extras, que tampouco terían demasiado sentido para un autónomo, pero paréceme pertinente aclaralo porque este tipo de cousas inflúen á hora de valorar un determinado salario mensual.