BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Mama’ vs ‘Delirio de condena’

Vaca.

Xornada 6 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Carlos Vega e Fran Fernández Davila.

Mama

Fran Fernández Davila.

Xa mo dixeras ti moitas veces. Que esta vaca non se toca. Morrerá cando teña que morrer. Dá igual que non dea leite. Nada de matadoiro. E eu a avisarche de que andaba rara des que nos naceu Xianiña. Que a terías desde nena, pero que o animal lle tiña celos á nosa filla. Que calquera día ía darnos un desgusto. E aquí está. Se o que máis me amola é ter razón.

Pero ti, nada. Todas as mañás á corte, as dúas, para falar co demo da vaca. E eu a pórme malo de vez, porque non querías ver como escornaba nin oír como abracaba cando vos achegabades. E ti a escusala, sandiós! Que se é normal cando lle arredas os cuchos. Que se o leite se lle amarga. Que se para o ano levámola ao touro a derradeira vez. Que se o xatiño vai ser para Xiana.

Merda! Pois agora, nin xato nin Xiana nin nada, sandiós! Onde está a escopeta?

Que case te manda para a outra parroquia dunha cabezada. Mínimo tres semanas no hospital. E iso se non hai que operarte das costelas. A ver que di hoxe o TAC.

Sae de aí, Xianiña. Marcha para onda a avoa. Eu, eu, eu agora volvo para o hospital, que só vin a coller roupa. Pero antes remato o asunto. Pola miña estampa que o remato. Cartuchos, cartuchos,… aquí.

Xiana! Xiana, non! Ven comigo un momento que quero que vexas unha cousa. Si, xa vas agora coa avoa. Non, non imos cazar coellos. Imos á corte. Non, non chores, ruliña, que mamá está ben. Xa volves, un minutiño e xa volves para a casa.

Queda aquí na porta. Pase o que pase, non te movas. E deixa de chorar, c…

Siii, moi ben, ruliña, agarda aí. Ordia! Onde está? Escapou! Non! Xiana, non! Non deixes que se te achegue! Ven con papá, Xianiña, non! Polo amor de Deus, non lle fagas nada! Corre, corre, corre, corre!

Pero que cona fai a vaca? Por que se axeonlla? Por que se tomba diante de Xiana? Xianiña, sae de aí, non a acariñes! Non, Xiana, non, que che dixen? Non te abraces a ela! Pero que facedes así? Aparta, meu amor. Pero, como que non? E agora o móbil.

―Si?

―… 

―Ola, meu amor, agora volvo xunta ti. Que che dixo o médico?

―…

―Cancro? Como que cancro?

―…

―Como que grazas á vaca? ―o que faltaba.

…………………………………………………………………………

Delirio de condena

Ninguén vai durmido de camiño ao patíbulo.

John Donne

Carlos Vega.

Nunhas escaleiras de pedra branca atopáronse, a través do tempo, dous condenados a morte. Ningún sabía da existencia do outro, nin da posibilidade do seu mundo. O primeiro nacera durante unha eclipse solar, a finais do  900 d.C, e o segundo chegara ao mundo no verán do 1997. Non compartían máis que o desamparo rompéndolles o peito pero, por un momento, habitaron o corpo do outro, do que só compartían condena.

Xbalanque, sen máis esperanza que a de que se derrubase o sol sobre o cigurat dos sacrificios e que as panteras lambesen os seus ósos, viuse alcanzado polas imaxes do colexio concertado, da excursión a Astorga e do exame de ortografía, co vaca/baca subliñado en vermello. Non comprendeu o crime da falsificación, pero traduciu a descuberta e consecuente xuízo. Recoñeceu a figura que o acompañaba, na que atopou a mesma mirada dos verdugos executores, que agardaban a desentrañalo cos fíos de obsidiana nas mans. 

O rapaz que baixaba ao salón de titorías do Divina Pastora recibiu, en intercambio equivalente, o desfile das sentinelas de pel de xaguar, o rastro frío dos pés descalzos, a corda a lacerarlle os brazos e o sol cru a queimarlle as costas. Sentiu o alento do deus serpente e o de todas as bestas, que lle inchaban a cabeza nunha invasión secreta da que a titora, ou os gardiáns que tiraban da corda, non parecían decatarse.

Enganados polos sentidos da ilusión, os condenados esqueceron o sentimento arruinado que se lles afundía pola gorxa e caía sobre o bandullo, do que parecían facer presa xa os vermes da tumba, abríndose paso ata a carne, fervéndoa ao contacto dos dentes podres que, como agullas, esfiañaban as capas do abrigo da vida. Os dous fuxiron do sentido propio ao alleo, idéntico pero diluído pola inexplicable confusión.

Ambos arrastraban os pés, sumidos baixo o úmero dos ósos. Un preguntábase polas chagas que abrían as pedras sobre os dedos espidos mentres o outro intoxicábase co roce do uniforme que agora lle gardaba o corpo e non acababa de entender, pero no que cría recoñecer o mesmo peso que o das cordas que as sentinelas lle ataran arredor, antes de arrastralo ao altar.

Así comprenderon, por un segundo, a polisemia do patíbulo, que diante dun se abría nunha sala abutacada na que o outro recoñecía, mudo de horror, a pedra sobre a que o deitaban á forza, caéndolle enriba todo o peso do día, e na que parecía vibrar a ladaíña que, arredor súa, ía crecendo mentres que se lle achegaban as figuras cerimoniais.

Os dous condenados descubriron, a través do tempo, a omnipresenza da condena. Un tivo sorte e puido sobrevivir para contala. Outro non atopou máis sosego que a visión da muller que o agardaba sentada no salón, cos ollos enormes, vermellos de rabia e decepcionados. Visión que ocultaba a que tiña diante dos ollos, abrasados, e sobre a que caian gotas de sangue do corazón arrincado. Aos ollos daquela besta imaxinaria Xbalanque ofrecíalle o último alento, arrepentido dunha culpa allea, presa do delirio.

7 thoughts on “‘Mama’ vs ‘Delirio de condena’

  1. Moi boas! Outra xornada que comeza con dous relatos radicalmente diferentes e, penso, de bo nivel.

    ‘Mama’: Encantoume como converte o que parecía ser unha traxedia nunha historia tenra e, malia o agridoce da revelación no hospital, certamente humorística. O personaxe resulta crible, e tamén a situación.

    ‘Delirio de condena’: Gústame como está escrito, as imaxes que describe e a contraste entre os personaxes que o protagonizan. O final confundiume un pouco, pensara que ambos recibían un “castigo” final pero dase a entender que un deles librouse.

    O meu voto é para ‘Mama’.

  2. Ai, que difícil o poñedes…
    “Mama”: Boa historia. Completa, dramática e con sorpresa final. Gústanme máis os diálogos completos, pero este funciona ben. O ton por momentos facíaseme intenso de máis, pero creo que no conxunto está como ten que ser.
    “Delirio de condena”: 508 palabras. Ainsh. Empeza dun xeito brutal, engancha e está ben estruturado. Logo, polo medio, pérdese na poesía e custoume varias lecturas entendelo. Penso que lle sobran palabras e non só por pasar das 500, senón porque se enrevesa sen razón, sen necesidade, sobre todo, pois é un exercicio fantástico.
    Dubido moito… o meu voto vai para “Mama”.

  3. Mama. Coido que ten as palabras xustas e claridade na exposición e final inesperado. Moi bo. Voto por el

    Delirio. Bo tamén pero menos claro. Pérde forza tras unha presentación brillante e retoma esa forza no penúltimo parágrafo.

  4. Outra vez as vacas! Xa é a segunda vez que saen no torneo, desta vez creo recordar que eu mandara esta foto. Entre estes dous, o Gildre e o Superpoder, dá xa para miniantoloxía vacuna hahaha.

    Mama. Un gran conto a verdade, gústame todo nel. A maneira en que forza a frase curta, como se fose un monólogo interno dunha persoa tremendamente anoxada. A maneira en que nos vai convencendo de que o discurso do pai ten todo o sentido do mundo, mesmo no momento de violencia. O diálogo a unha soa banda, que tamén simboliza o propio xogo do relato, de que só estabamos atendendo á súa versión do asunto. O xiriño final que me fixo botar unha gargallada, porque está feito para que non o esperes. Non sei, eu non lle mudaba unha vírgula, paréceme moi rendondo,

    Delirio de condena. Teño a sensación de que este conto saíu un pouco pronto do forno, que o autor quedou sen folgos e non lle deu a última volta que precisaba. Atopo boas ideas nel. Xa desde a interpretación máis ampla da imaxe como desesperación do patíbulo, que me gusta moito; tamén a min poñer a un cativo do Divina Pastora de protagonista claro que me toca a coração hahaha. O conto comeza bastante ben, o primeiro parágrafo sitúa a premisa, que é certamente complexa, con bo tino. Despois ao longo do conto hai boas frases, atrevemento coas imaxes que comezan na metade presente e rematan na pasada. Pero a idea xeral do conto, o tema de fondo queda un tanto esvaído. Non sei, a min particularmente me desconecta a clara asimetría das súas situacións e as consecuencias, que non poden ser tomadas nun plano de igualdade en serio. Quizais o conto pedía unha cousa máis entre iguais onde o choque fose só o temporal. Se cadra o ton, mantendo estes protagonistas, debería tirar máis polo fabulístico, como unha especie de conto con moralina. Tal como está hai unha boa idea e bo material, pero non acaba de empastar todo ben.

    Voto por Mama.

  5. ‘Mama’ Un relato moi divertido e cun moi bo xiro final

    ‘Delirio de condena’ Gustoume moito o xeito de relacionalas dúas historias e o ben fíadiño que está todo.

    Meu voto vai para ‘Delirio de condena’

  6. Non sei vós, pero a estas alturas xa vou tendo problemas para elixir un único conto en cada duelo. Neste, tamén.
    ‘Mama’: é unha delicia de conto. A técnica do fluxo de consciencia funciona moi ben para transmitir a rabia e a tensión crecente, e o inesperado xiro final arrinca un sorriso. Bravo bravissimo a quen o escribiu!
    ‘Delirio de condena’: no conxunto, paréceme menos redondo que o texto do seu competidor. Hai algúns parágrafos nos que a sucesión de imaxes, metáforas e comparacións me resultou confuso, excesivo e mesmo atafegante, pero ten algo que me encandilou. O primeiro parágrafo paréceme un inicio triunfal, porque nos coloca no epicentro dun misterio que cruza tempos e espacios.
    Neste caso, elixo sensación fronte a técnica. O meu voto vai para ‘Delirio de condena’.

  7. Coincido co que xa dixestes algúns de vós máis arriba nos primeiros votos. Non teño moito que engadir,,Mama é un conto redondo, Delirio ten un comezo moi bo pero pérdese algo ou non entendo algo do que acontce durante o transcurso da historia. Voto Mama porque a verdade non lle atopo nada que criticarlle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *