Manifesto por un surrealismo científico
[getty src=”84992304?et=ecsjtAlaiUK90P0Aez6Pmg&sig=2b7WmcTLjFtD58bDBrjPbn6XtAnDIwmtsq-S6CDnqLI=” width=”594″ height=”497″]
Colectivo RSU (Residuos Sólidos Umanos).
1. Os primeiros surrealistas xa eran socialistas e revolucionarios.
2. Non renegamos do realismo socialista, como tampouco de Vicente Risco, que vén ser o contrario. Ou, talvez non.
3. Empregamos o galego como se emprega a dinamita, con cariño e delicadeza.
4. Admiramos, a cada minuto, o noso mar, as nosas montañas, os tellados arranxados das igrexas, as cortes de gando en ruínas, como poderiamos admirar calquera outra cousa, que reunise as condicións apropiadas, en calquera outro lugar.
5. Cremos que Deus é a palabra coa que designamos o Sol cando nos poñemos sublimes e que a vida nace a diario a través do proceso de fotosíntese.
6. Aprendemos da metodoloxía científica e afastámonos da loita polo ascenso académico. Buscamos a palabra precisa e fuximos do dato erudito, a non ser que sexa utilizado de forma surrealista. Preferimos os substantivos e os verbos aos adxectivos e aos adverbios, a non ser que estes últimos sexan utilizados de forma surrealista.
7. Amamos a xente do común, aínda que procuramos constantemente que non nos abrume.
8. Cremos na próxima fragmentación do masculino e do feminino en múltiplas categorías. Cremos que os grandes estadios deportivos só se encherán no futuro grazas ao photoshop e que a cor preferida polas/os nenas/os será o rosa-sangue.
9. As nosas accións inspíranse no acto de sabotaxe do actor berlinés, Wolfgang Neuss, quen, en 1962, revelou, mediante un anuncio de prensa, a identidade do asasino dunha serie de detectives que mantivera o público en vilo durante semanas.
10. Toda literatura con apelidos (histórica, negra, romántica…) é convencional.
11. A literatura nunca debería ser confundida coa pedagoxía. A Biblia si é literatura, porque é contraditoria e porque narra historias incríbeis e absurdas que acabaron crendo millóns de lectores.
12. Dubidamos de que algunha vez existise un individuo chamado Homero e cremos que o Ulises de Joyce é o manifesto patriótico máis completo e máis profundo da historia moderna.
13. Non cremos nos mitos de Hollywood pero si en todos os demais.
14. Definimos Galiza como un territorio de tamaño máis ben pequeno, de montañas non moi altas, de persoas non moi altas, de riqueza mediana e de cultura mediana que non destaca por nada. Definimos Galiza como un país visíbel, perceptíbel e analizábel só a través do surrealismo científico.
O canto das espigas, de Maruxa Mallo