Manual de esquerdas para vivir ben sen petróleo
César Lorenzo Gil.
Un futuro no que o petróleo é escaso e caro. Un colapso económico que obriga a cambios revolucionarios para poder sobrevivir. Un deseño social baseado na comunidade para converter a profunda crise en grande oportunidade de construír un mundo máis xusto. O libro do que hoxe falamos non é de ficción, é un ensaio-manual para prepararse para ese tempo novo.
Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo é un exhaustivo volume que recolle aspectos económicos, sociais, políticos e incluso psicolóxicos e antropolóxicos para nos enfrontar a un futuro –moi próximo, segundo os autores– no que o remate da era posindustrial baseada no petróleo barato cambiará por completo a maneira de relacionarnos cos demais seres humanos e co noso contorno.
A obra é un traballo colectivo editado pola asociación Véspera de Nada-Por unha Galiza sen petróleo, que dirixe o doutor en Económicas e profesor de Economía Aplicada da USC Xoán Ramón Doldán, quen ademais estivo ao cargo do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) durante o mandato de Emilio Pérez Touriño. O volume divídese en diferentes aspectos da futura cotidianidade dunha maneira interdisciplinar e con ánimo universal, aínda que sempre atendendo ás especificidades propias de Galiza.
O libro estivo coordenado por Manuel Casal Lodeiro e participaron no seu financiamento os Concellos de Tomiño, Teo e Rianxo, gobernados por nacionalistas e cuxa experiencia se valora moi positivamente no libro por abrir as primeiras xanelas a un cambio de mentalidade profunda que permita ollar ao noso redor dunha maneira completamente nova.
Ese mundo novo do que fala o libro comeza coma unha novela distópica. O petróleo estase a esgotar. Desde hai moito tempo o cru é máis difícil de extraer e de peor calidade. A tecnoloxía mineira non dá resolto a contradición entre o esforzo que dá zugar unha pinga máis de petróleo e o poder enerxético que esa pinga ten.
Seguindo as teorías do peak oil (o teito na produción de petróleo), os autores defenden que estamos en caída libre: cada vez hai menos enerxía fósil para alimentar un tipo de economía que, paradoxalmente, precisa máis e máis enerxía para se manter. A predición é clara: non hai retorno. O petróleo volverase unha materia prima cara, escasa e controlada polos poderes, tanto o económico coma o político-militar. Nas distopías, nese momento, a sociedade naufraga, desátase o caos e na loita pola supervivencia imponse un primitivismo depredador que converte a vida nun inferno. Eis Mad Max, o filme que inspira incluso unha corrente de pensamento (o madmaxismo), que afirma que no futuro o mellor investimento será unha bésta e un almacén de latas de conserva, coma en The Walking Dead, coma en A estrada, a novela de Cormac McCarthy que editou en galego Faktoría K.
Mais a Guía propón unha utopía na distopía. Ese colapso ten unha única vantaxe: podemos prevelo e previlo, quizais non evitalo porque existe un sistema de poderes baseado no petróleo, pero si ir despegándonos aos poucos del e que cando todo cambie, poidamos ter ferramentas de adaptación e incluso de aproveitamento da nova situación. Este paso é o que se denomina Transición (nada a ver coa segunda Restauración borbónica) senón coa aprendizaxe de novos hábitos de vida que minimicen a nosa dependencia do petróleo e garantan as óptimas condicións de supervivencia e incluso maior benestar e felicidade que na nosa sociedade montada sobre a explotación e a precariedade.
Aprender do pasado
Doldán e o seu equipo consideran que no caso galego, temos dúas vantaxes comparativas sobre outras nacións de Europa para nos adaptar a ese tempo novo: o minufundio sumado ao mancomún e a cercanía viva da cultura rural. Porque as ferramentas para salvarse no mundo sen petróleo son a terra e o coñecemento tradicional de como tirarlle o máximo rendemento sen comprometer a súa sustentabilidade, un modelo que, a pequena escala e con matices, mantivo os labregos galegos alimentados durante milenios.
A reivindicación da sabedoría rural non é, no libro, nostálxica senón práctica. A natureza ten as súas regras, que cambian dun contorno a outro, dun clima a outro, da serra á chaira… Coñecer os ritmos naturais é unha tarefa complexa, unicamente posible mediante a observación e a proba-erro. Mentres que outras culturas afastadas da terra hai décadas deben comezar de novo esa aprendizaxe, os galegos só temos que falar cos maiores para recuperar a mellor maneira de interactuar con ese espazo que no futuro será o equivalente ao todo: a supervivencia a través do alimento, o combustible (a leña), a casa (tella, madeira, pedra), as ganas de vivir (a comunidade, a veciñanza) e a auto-realización (os traballos que manteñan en pé esas novas estruturas).
O libro, no entanto, propón unha rebelión contra o mundo rural de hoxe en día, baseado en maquinaria, agrotóxicos e curtopracismo e dá un salto cara a adiante: da agricultura á permacultura. A permacultura é un concepto de produción e comunidade rural que malia beber dos modos tradicionais precisa da tecnoloxía e o deseño para conseguir os seus obxectivos: rendibilizar a enerxía empregada en cada acto produtivo para optimizar a rendibilidade. Teoría creada polos profesores da Universidade de Tasmania (Australia) Bill Mollison e David Holmgren, defende a interrelación entre a gandaría, a agricultura, a silvicultura, a arquitectura e a bioloxía na busca dun equilibrio perfecto que se consegue no estudo das condicións de cada espazo e na especialización a favor da estratexia de deseño. Por exemplo, non se labra senón que son os porcos os que removen a terra cando fozan; as galiñas estercan ao tempo que eliminan parasitos; as ovellas e cabras manteñen o monte a salvo de batume e polo tanto de lumes; unhas plantas colaboran con outras para favoreceren mutuamente o seu crecemento e así daren mellor froito…
A teoría dos lazos da permacultura encaixa moi ben cos modelos sociais galegos tradicionais, que combinaban a individualidade do traballo e do uso da terra (consagrado primeiro polo foro e logo polo minifundio) co labor comunitario primeiro por obriga feudal e logo por sentido común: a vendima, a malla, a seitura… No libro danse referencias sobre antropoloxía de Galicia, principalmente a partir dos estudos de Marcial Gondar, para situarmos as respostas ao futuro nos xeitos de relacionarnos no pasado.
A permacultura encaixa moi ben cos modelos sociais galegos tradicionais, que combinaban a individualidade do traballo e do uso da terra co labor comunitario: a vendima, a malla, a seitura…
Política realista, aquí e agora
Un dos aspectos máis relevantes do libro é que non é unicamente un manual de prevención para tempos difíciles senón que dá consellos prácticos para actuar desde hoxe. Quen lea este libro coma un anuncio apocalíptico pode caer en certo dogmatismo e converter en ansiedade ese medo a un mundo distinto. Sempre existe ese risco cando se acometen traballos deste estilo pero as propostas que dá a Guía para o descenso enerxético deben interpretarse dun xeito racional, a longo prazo e sempre en colaboración necesaria co noso contorno, tanto para cambiar de vida como para esixir, como grupo social, que sexan as institucións as que apoien, con cambios normativos profundos, o deseño dese mundo máis sustentable.
É moi interesante o exemplo de Teo, Rianxo e Tomiño como institucións que, dentro das súas competencias, dan pasos cara a unha óptica social máis equilibrada e independente. Mais a referencia á política non acaba aí. En todo o libro hai multitude de propostas para mellorar a participación cidadá na toma de decisións e na superación dos límites do actual modelo de democracia representativa.
Ao final do libro utilízase o caso de Cuba como exemplo de adaptación ao colapso enerxético. É lóxico atender ese país, xa que é dos poucos que tivo que enfrontar a perda case completa das súas fontes de petróleo tras a queda da URSS do 1991. Mais inevitablemente sitúase nun rango concreto do arco ideolóxico. É por iso polo que o libro, que en moitos dos seus capítulos é un manual aséptico, científico (con moitas referencias a traballos universitarios) sobre como optimizar recursos e garantir o benestar con menos gasto, acaba por ser un manual de como encarar esa futura crise desde unha óptica inequivocamente de esquerda.
Ao contrario do que ocorre nalgúns libros teóricos do comunitarismo, neste manual non se esquiva un escenario de violencia e non se descarta que esa sociedade rural, comunitaria e autosuficiente teña que gardar as súas conquistas armas na man.
Neste sentido, á parte de subliñar todas as contradicións das teorías neoliberais, é radical na concepción dos modos de produción do tempo novo, no valor comunitario para salvar o futuro da humanidade e na advertencia sobre os riscos de neoimperialismo e neofascismo que se poden desenvolver nas beiras da fin do petróleo. Ao contrario do que ocorre nalgúns libros teóricos do comunitarismo, neste manual non se esquiva un escenario de violencia e non se descarta que esa sociedade rural, comunitaria e autosuficiente teña que gardar as súas conquistas armas na man, tanto contra os inimigos que queiran arrebatar as súas conquistas ou directamente escravizar unha parte da poboación para manter o benestar das elites (eis os casos do nazismo ou do colonialismo) senón tamén na relación de control sobre a natureza, especificamente sobre os animais. Este libro non é precisamente un alegato en contra do consumo de carne aínda que si recomenda a súa redución dun xeito radical.
Emprendedores da nova sociedade
Igual que sucede nos traballos de Mollison, esta guía tamén serve para darlles ideas aos emprendedores. Xa no tempo actual está considerado un nicho de negocio por explotar a alimentación de calidade. A sociedade empeza a cansar do modelo industrial que cada vez máis se relaciona co aumento de enfermidades e a perda de sabor. A agricultura e a gandaría ecolóxicas son dos poucos sectores que en Galicia aumentan a facturación desde o inicio da crise económica. Afírmase que a sustentabilidade aínda ten moito percorrido; nun mundo no que o plástico será carísimo e sairá imposible traer todo o que precisamos da China, ábrense infinidade de oportunidades comerciais e industriais para a nova sociedade.
Entre as recomendacións que o libro dá para facer hoxe chaman a atención tres: venda o seu piso. O valor seguro é a terra. As vivendas urbanas deprécianse a maior ritmo que as rurais e pronto será máis caro o ferrado de boa terra cultivable que o ladrillo, especialmente nos barrios residenciais illados e afastados dos centros de traballo.
Coide o monte. Intente eliminar os eucaliptos e modere a importancia dos piñeiros. As especies autóctonas son as máis resistentes ao clima e ao lume e teñen maiores aplicacións, tanto na construción (a madeira é o material do futuro) coma na produción de enerxía (a calefacción será de leña). Bote a pastar vacas, ovellas e cabras. Ao tempo que favorecen o crecemento de árbores, garanten carne, coiro, la, leite e derivados.
Venda o seu piso. O valor seguro é a terra. As vivendas urbanas deprécianse a maior ritmo que as rurais e pronto será máis caro o ferrado de boa terra cultivable que o ladrillo
Desconfíe dos bancos sistémicos. Aforre o necesario para os tempos máis duros, participe na creación de novas entidades de crédito local e social, baseadas na necesidade de financiamento de proxectos apegados ao terreo. E co resto invista: en casas bioclimáticas, en terra fértil (recomenda o libro mil metros cadrados por persoa), en proxectos comunitarios que lle permitan no futuro acceder a profesionais e coñecementos á porta da casa.
E de entre as referencias bibliográficas que circulan por todo o libro, chama a atención que un dos piares non sexa un ensaio ou unha investigación científica senón unha novela: O cervo na torre, de Darío Xohán Cabana, premio Xerais 1994 . Se non leron o libro do escritor chairego, quizais é un bo momento para enlazar ambas lecturas.
Fabulosa e completísima reseña, Cequelinhos! Compartimos xa mesmo 🙂
Buenas tardes,
quería hacerte una pregunta ¿cuándo es la presentación del libro en Madrid? Muchas gracias.
Emilio: Pásolle a túa pregunta ao coordenador para que che dea unha resposta. Graciñas por comentar.
Emilio José, la presentación en Madrid será dentro de unas jornadas en la autónoma, este jueves 24. Al día siguiente estoy en Alcalá también hablando sobre el tema: http://galiza.pospetroleo.com/2014/04/14/presentamos-a-guia-en-madrid-24-e-25-de-abril/
Muchas gracias