BiosBardia

O país dos libros en galego

Manuel Bragado: “Non hai ningún goberno no mundo que abandone a cultura propia”

bragado

César Lorenzo Gil.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é presidente da Asociación Galega de Editores e director de Edicións Xerais de Galicia, primeiro selo desta industria en Galicia. Nesta entrevista analiza para Biosbardia a situación actual do libro galego.

Xa pasaron seis anos do inicio da crise económica e xa van case cinco de Goberno do PP. Que diagnóstico fai de como quedou o sector editorial logo deste tempo?

O ano 2008 foi de récord na facturación e no número de libros impresos en galego. O que veu logo podémolo definir como unha tormenta perfecta: O Decreto do Plurilingüismo do Goberno Feixoo provocou a diminución de vendas, especialmente no ámbito educativo. Esa decisión acompañouse dunha progresiva e acelerada redución de fondos para políticas públicas de lectura. As compras de libros por parte das administracións (especialmente destinadas aos fondos das bibliotecas) caeron neste período entre un 60 e un 75%. A esta tempestade hai que sumarlles a menor capacidade económica das familias e o momento de impasse que vive a industria do libro no mundo enteiro, na transición entre o modelo unicamente impreso cara a un proceso de hibridación entre o papel e o formato dixital. Estes factores continúan incidindo aínda hoxe e obrigan a cambiar as estratexias.

Que estratexias está a deseñar a industria do libro de cara ao futuro?

Debemos encarar con valentía e na vangarda o cambio de paradigma. O libro dixital aínda é marxinal na nosa facturación mais aumenta ano a ano o seu peso no catálogo. A evolución do cambio de modelo aínda non está escrita pero non podemos quedar á espera. Debemos estar aí, preparados e en cabeza.

Nestes anos, cambiou de xeito extraordinario a forma de achegarlles o libro aos lectores. Houbo unha intensificación da presenza social do libro espectacular. Aumentou o número de presentacións e de actos relacionados co libro e coa lectura. Os autores participan cos lectores e medrou a influencia dos clubs de lectura e a relación cos axentes que participan na industria: librarías, crítica, medios de comunicación… O esforzo por facer máis visible o libro en galego está asumido por todo o sector como unha parte básica do noso traballo.

Tamén avanzamos no camiño de unir sinerxías entre sectores. Os intereses dos editores son parellos aos dos autores, ilustradores, libreiros… Ademais, o mundo do libro ten que colaborar co resto das industrias culturais. Velaí o exemplo do Culturgal, unha feira na que todos participamos e nos beneficiamos mutuamente. O libro ten que estar próximo á música, ao teatro, ás artes audiovisuais. Canto máis lazos creemos, mellor nos poderemos defender e medrar.

Vostede sempre é moi claro nas súas demandas á Xunta. É curioso que un dos piares do Goberno sexa a intervención directa na economía (coma no caso dos floteis) e en cambio se abandonen as políticas culturais.

Os editores mantemos unha relación institucional coa Consellaría de Educación e Cultura ao tempo que lle reclamamos con claridade que asuma as súas responsabilidades –indicadas polo propio Estatuto de autonomía– coa industria cultural. O noso Goberno ten a obriga de fomentar a normalización do noso idioma en todos os ámbitos ao tempo que debe garantir a igualdade e equidade de toda a cidadanía no acceso á lectura, que é como dicir acceso á cultura, á educación, un dereito básico e universal. O problema é que a Xunta rematou coas axudas públicas. A forza de cada proxecto depende de como se comporte no mercado. Isto é unha anomalía. Non hai ningún goberno do mundo que deixe sen apoios o seu sistema público de acceso á lectura. Nin culturas tan supostamente poderosas coma a inglesa están tan desprotexidas coma a nosa. O gasto en bibliotecas no orzamento dos EUA ou no Reino Unido é moi alto e constante ano tras ano. E este investimento ten un duplo obxectivo: satisfacer as necesidades culturais da poboación e facer viable o seu sistema cultural e lingüístico, que se fortalece unicamente, en calquera lugar do mundo, co apoio institucional decidido. Nós aquí vivimos un abandono por todas as frontes, incluída a carga de profundidade dun IVE ao 21%, que abafa a música ao vivo ou o cinema mais tamén explica a desvantaxe competitiva da nosa industria de distribución do libro electrónico en relación cos países do noso contorno. Pensemos no caso de Francia: a principal divisa e obxectivo do seu Ministerio de Cultura é velar pola boa saúde da cultura e da lingua francesas, cun apoio decidido á súa produción. Agora pensemos en como desenvolve esa obriga a nosa Administración.

Houbo unha intensificación da presenza social do libro espectacular. Aumentou o número de presentacións e de actos relacionados co libro

Sen apoio público, o libro en galego relaciónase coa sociedade civil, cos lectores e compradores, coma un mergullador a pulmón.

Hai que ser xustos con todos os sectores produtivos: hoxe en día cada persoa, cada empresa, cada gremio que fabrica e vende produtos vive tempos moi difíciles. Os editores non somos heroes. Mais é certo que estamos a realizar un enorme traballo de difusión, de renovación dos elos entre lectores e libros. As redes estanse a renovar, a comunicación cultural está cambiando de formato e de ferramentas. Debemos estar atentos e beneficiarnos das facilidades de achegarnos a máis xente.

“A Administración ten que garantir a igualdade de acceso aos contidos educativos dixitais”

Recordo que entre o 2007 e o 2010, en cada entrevista que lle facía, preguntáballe sempre: “É este o ano do libro electrónico?”. Nesas seguimos.

O problema deste tema é a ansia dalgúns implicados no negocio de convencernos de que as cousas van ser como a eles lles interesa que sexan. Eu sempre fuxo da tentación do gurú e cínxome ao que hai e ao que pode haber. Coido que o proceso de cambio de paradigma é inevitable. Malia algunhas resistencias, xa quedou claro hai tempo que están a mudar as maneiras de acceder ao contido que antigamente monopolizaba o papel e o formato libro. Como di Vítor Freixanes, a industria editorial está perante un reto tan fascinante coma cando se inventou a imprenta, e con esas coordenadas temos que actuar. En Xerais, por poñer un exemplo, máis dun terzo do que publicaremos no 2014 sairá en formato de libro electrónico. Iso non significa que vaiamos obter o equivalente en facturación pero sabemos que non podemos obviar o cambio. Os nosos títulos están en Amazon e tamén en El Corte Inglés ou en La Casa del Libro. Gustaríanos no futuro que nesas plataformas comerciais se marcasen os espazos dos libros en galego e tamén que de aquí a pouco poidamos participar en iniciativas de distribución propiamente galegas. Ese é un camiño no que temos pelexar xuntos editores, libreiros e autores, aínda que atopemos certas estratexias contrarias, coma a da Federación de Libreiros, que pensa diferente a nós.

Coido que o proceso de cambio de paradigma é inevitable. Malia algunhas resistencias, xa quedou claro hai tempo que están a mudar as maneiras de acceder ao contido que antigamente monopolizaba o papel e o formato libro.

O libro de texto foi un dos subsectores do libro que máis voltas deu nestes anos. Foron gratuítos durante o bipartito (2005-2009), modificados primeiro polo Decreto do Plurilingüismo, agora pola LOMCE…

No caso concreto de Xerais, o libro de texto era o noso principal piar comercial e o Decreto do Plurilingüismo danouno moito. A prohibición de impartir Matemáticas en galego así como a redución de contidos no noso idioma na Educación Infantil obrigounos a unha reconversión total. Agora intentamos revitalizar contidos destinados ao coñecemento da nosa lingua na Primaria e ir ocupando espazos pero a LOMCE terá un efecto moi daniño sobre a autonomía galega na creación de contidos educativos.

O cambio ao paradigma dixital ten na educación un campo de batalla excepcional. Porque a Administración ten que asegurar que no futuro se vai garantir o principio de equidade e igualdade no acceso aos contidos. Como se vai facer ese acceso? Os que teñan maiores recursos económicos terán novas tecnoloxías que lles permitan un ensino dixital? É posible prescindir do material didáctico impreso como alicerce básico dunha educación de calidade? Moitas incógnitas que o poder político terá que resolver.

Por outra banda, a sociedade enteira tamén debe facer unha escolla: canto estamos dispostos a pagar polos libros dixitais? Eu como editor, igual que ocorre en calquera actividade empresarial, quero racionalizar a diferenza entre o custo e o beneficio para que o meu produto lle sexa atractivo ao comprador pero ese consenso sobre o prezo debe adaptarse ao noso propio espazo lingüístico diverso porque non é o mesmo planificar un sistema de vendas con micro-ingresos no nivel xeográfico do inglés ca noutro, xa non digo no caso galego, no caso español algunhas desas políticas comerciais fracasarían. Se, en troques, a sociedade percibe que ese contido debería ser de acceso público e gratuíto, e é unha decisión que se pode adoptar, quen se encarga de facer viable, de facer sostible a todos os niveis a industria que produce estes contidos? Pensemos en como este tema pode marcar un ou outro xeito de enfocar o modelo dos contidos destinados á educación.

O curioso é que, des que algúns decretaron a morte do papel, non deixan de nacer novas editoriais en papel, tamén en Galicia.

É que o papel seguirá a ser vehículo de moitos tipos de libro. Coido que teñen futuro os álbumes fotográficos de calidade ou os libros infantís e xuvenís. Noutros ámbitos, como a edición xurídica ou médica, o papel é menos efectivo e en pouco tempo será minoritario. E no caso da ficción, pois vai depender do tipo de lector. Haberá quen compre o libro tradicional e quen opte, segundo o caso, pola copia dixital. O importante neste asunto é termos claro, primeiro, que un libro electrónico non é un pdf senón un formato líquido, universal e accesible cuxa industria produtora ten que ser sustentable. E logo traballarmos para que o usuario teña á súa disposición o meirande número de títulos e aplicacións laterais á edición, poño por caso aplicacións de dicionarios ou outros materiais de referencia.

“Os estudantes de Secundaria protagonizan arestora o fenómeno lector”

Son proxectos moi especializados. Hoxe é imposible que xurda unha nova Xerais, unha nova Galaxia?

A especialización favorece a relación entre editores e lectores porque é máis identificable o proxecto. Unha firma nova encontra deste xeito máis facilmente o seu público que se fai un plan de negocio máis global. Persoalmente, síntome moi orgulloso do traballo que estes novos editores están desenvolvendo. Producen libros de alta calidade, tanto no formal coma no contido. O labor dunha editorial xeneralista ten moitos motores. Nós temos unha sección dedicada ao sector educativo, un departamento de libros infantís e xuvenís, unha colección literaria que noutros ámbitos xa lle daría corpo por si soa a un selo editorial potente, libros obxecto, volumes de referencia, produtos relacionados co libro…

Un trasatlántico que segue en pé a pesar da tormenta da que me falaba ao inicio. Que roteiro segue Xerais neste tempo convulso?

No 2013 publicamos case 300 títulos, dos cales 120 foron novidades e 106 reimpresións e reedicións. Producimos 68 novos títulos de libro electrónico. O certo é que nunca publicamos tanto pero nunca publicamos tan poucas novidades impresas. Por exemplo, no ano pasado só publicamos seis poemarios. Unha parte do cambio, como dixen, hai que atribuírlla á crise, outra aos novos modos. Pensemos en cantas teses de doutoramento se publican como libros hoxe. Non é que non se realicen e non se difundan. Cambiaron os canais de espallamento. E iso tamén o notamos na editorial.

O motor da actividade editorial de Xerais é a colección de Narrativa. Hai menos títulos pero seguen a verse moito nos trinques das librarías. Autores do seu catálogo como Pedro Feixoo ou Dolores Redondo foron dos máis vendidos.

Sempre foi un dos nosos obxectivos ampliar o perímetro dos lectores en galego coas nosas propostas editoriais. Hai títulos que afortunadamente o conseguiron, caso deses autores que nomeas. Son libros cun valor literario intrínseco incuestionable, validado polos críticos, que ademais conseguiron unha boa resposta lectora. Afortunadamente, podemos seguir a presumir de que temos unha produción variada, para todos os perfís. Conviviron voces coma a de Manuel Darriba coa de Pedro Feixoo; a de Redondo coa de Manuel Veiga. Todo dentro da mesma colección. Queremos fomentar os títulos de autores noveis, que cada ano unha porcentaxe das novidades aumente no noso catálogo a porcentaxe de narradoras tamén. A idea da colección é que cada pouco haxa unha novidade na libraría, unha nova oportunidade de encontrar en galego narrativa de calidade. No 2013 publicamos 14 volumes novos na colección de Narrativa, unha cifra á altura dos mellores anos da década. Aínda que dea a sensación contraria, mantemos a vitalidade en canto a títulos publicados; iso si, reducimos as cifras de tirada.

O eido da literatura infantil e xuvenil está moi ben considerado, tanto en número de lectores coma de premios, non só no ámbito nacional senón no internacional. Mais ultimamente parece como que os autores desta área andan un tanto deprimidos.

É certo que baixaron as vendas nese ámbito editorial. A situación complicada que viven as familias aumentou a compartición de libros nas bibliotecas e a redución das compras. Hai que ter en conta que os nenos e mozos lectores son moi voraces e o seu ritmo de lectura obriga a un gasto que neste tempo é complicado de asumir. Tamén debemos traballar máis cos mediadores (os profesores que escollen os títulos para os seus alumnos leren durante o curso) para que coñezan a amplitude dos nosos catálogos porque si que é certo que parece que se instalou certa rutina nas recomendacións de lecturas nas aulas.

Queremos fomentar os títulos de autores noveis, que cada ano unha porcentaxe das novidades aumente no noso catálogo a porcentaxe de narradoras tamén

O 15 de febreiro a súa editorial publicou as bases do Premio Xerais do 2014. Este ano reduciuse a contía do galardón.

Reducimos o valor do premio aos 10.000 euros, 2.000 euros menos ca no ano 2013. Aínda que hai que recordar que chegou a ofrecer 24.000 euros. Este ano quixemos igualar o valor dos galardóns para facer viable e estable a categoría de mellor novela xuvenil, que toma nova vida co nome de Premio Jules Verne. Quixemos apostar por este novo premio porque estamos convencidos de que son os lectores que agora estudan no ensino secundario os que protagonizan o fenómeno lector en Galicia. Buscamos renovar e estimular tanto a creación coma a vivacidade do lector e ese rango de idade é fundamental nese obxectivo.

En canto ao valor do Premio Xerais de Novela a verdade é que o seu prestixio é moi alto. A novela gañadora nunca decepciona, sempre se converte nun dos libros do ano. O Merlín é canteira de autores.

Neste ano, ademais, a festa literaria de San Simón queremos convertela nunha homenaxe a Verne, xusto no medio da ría que el inmortalizou. Para comemorar esta data, publicaremos na colección Xabaril A illa misteriosa e outro título que de momento non podo desvelar.

Ademais de nestes, Xerais colabora noutros premios, caso do Ánxel Fole que o Concello de Lugo convoca para libros de relatos e novelas curtas; os de poesía Gonzalo López Abente, de Carballo, e Johan Carbalheira, de Bueu, ou o de teatro radiofónico da Radio Galega. Os premios son para nós fonte de novos talentos. O viveiro das lecturas dos editores. Porque os editores, aínda que para moita xente o que fagamos principalmente sexa conducir, de acto en acto, temos na lectura a nosa principal ocupación.

3 thoughts on “Manuel Bragado: “Non hai ningún goberno no mundo que abandone a cultura propia”

  1. Sinto moito ter que dicir isto pero os libros de Xerais parécenme un pouco caros…por exemplo pagar polo libro de Bretaña de Pemón Bouzas 16€, cando a penas ten 100 páxinas paréceme moi caro. Por outra banda o problema de fondo é a visualización do Galego en xeral, non só a literatura, hoxe é o día de St.Patricks e visualízase Irlanda en todo o mundo…todo isto parte da administración e das casas comerciais (Guinness por exemplo)…por qué aquí non hai esa implicación ou concienciación, e o 25 de xullo pasa desapercibido e celébrase máis a feria de abril, en A Coruña que é de onde son eu, que o día de Santiago/Galicia??? Saúdos e sigan editando eses marabillosos libros!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *