Manuel Bragado: “Sempre concibín a edición como un traballo de equipo”

A nova tempada do espazo ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’ comezou na libraría Cartabón, establecemento patrocinador da sección, coa presenza de Manuel Bragado (Vigo, 1959), ex director de Xerais, docente e un dos editores máis importantes da historia de Galicia.
Bragado recordou os seus inicios como editor en Xerais, a onde chegou a través do departamento de libro de texto. Foi na época de Luís Mariño, de quen di que aprendeu que a edición é un traballo en equipo. Nese sentido, foi claro en cualificar a súa saída da editorial no 2018: “Saín cando seguramente xa non contaba co liderado suficiente para continuar”.
Tamén analizou a evolución do modelo produtivo editorial galego, que pasou dun sistema onde tres ou catro editoriais tractoras asumían o groso da produción á situación actual, onde hai máis diversidade e máis protagonismo dos selos con plans editoriais máis curtos. Reivindicou que os editores tratan con libros, non só con obras literarias, senón coa publicación de títulos para públicos distintos.
O editor destacou que o que máis lle gusta facer na vida é ler e proba diso é a súa inmensa biblioteca. “A biblioteca non é só miña. Compártoa con Montse (Montse Paz), que é aínda máis lectora ca min. E é unha das fortunas que tiven, compartirmos a vida os dous desde hai corenta anos”. Para rememorar como se iniciou na lectura, recordou que fixo o bacharelato na Universidade Laboral da Coruña, e que alí contou con profesores que o marcaron dun xeito indeleble. Bragado nomeou a Carmen Panero e Antón Lamapereira, entre outros.
Durante a entrevista, Bragado tivo tempo de revisitar a súa etapa na máis importante editorial de Galicia, onde un dos seus obxectivos di que foi acompañar os autores no desenvolvmento da súa obra. Dixo sentirse moi orgulloso de proxectos como a colección ‘Ferro’, ‘As Literatas’, ‘Fóra de xogo’, a revista Golfiño…
“Fomos a primeira editora cunha páxina web, a primeira con perfil en Twitter, a primeira en publicar un libro dixital, en facermos un libro interactivo no ámbito do texto, que tivo unha colección especializada para públicos diversos… E todo iso non foi mérito meu baixo ningún concepto, senón froita desa conversa que establecemos”.
O editor salientou a importancia da visibilidade dentro da literatura galega. “Os libros non poden quedar á intemperie. Hai que acompañar os autores e as obras”.
Bragado é unha persoa que reivindica o papel da sociedade civil para facer máis plural o debate público. Nese sentido, destacou que no nacemento da autonomía galega a vinculación do galeguismo coa súa lingua e literatura propias era fundamental, algo que agora cre que está en cuestión. “Hai nacionalistas que non teñen problema en falarlles aos fillos en castelán”.
A entrevista pódese ver e oír en Youtube, iVoox e Spotify.






