Manuel Sendón: “Os obxectivos da Fotobienal están cumpridos: a fotografía entrou nos museos”
Manuel Veiga Taboada.
De non ser considerada parte da cultura a ocupar as mellores salas dos museos de arte contemporánea; do costume de guindar as vellas placas ao lixo ao éxito popular da fotografía histórica. Manuel Sendón, fotógrafo e impulsor da Fotobienal de Vigo, é un dos protagonistas galegos deste importante cambio, ocorrido nos últimos trinta anos. Falamos con el para Biosbardia.
A mediados dos oitenta, cando entrei por primeira vez na que daquela era a súa casa, moi perto da estación de ferrocarril de Vigo, contoume que había pouco que o visitaran os ladróns e, cun sorriso, engadiu: “Non levaron ningunha foto a pesar de que algunhas son de autores recoñecidos”. Con sorna, Manuel Sendón estábame dicindo que a fotografía apenas era valorada. Os ladróns non entraron aínda na súa vivenda actual, polo que non temos datos para facer unha comparación. Non obstante, é evidente que a fotografía recibe xa a estima artística que el daquela demandaba.
A I Edición da Fotobienal de Vigo foi inaugurada o 28 de outubro de 1984, hai polo tanto trinta anos. Tivo nove edicións, a derradeira no 2000. A partir desa data non se volveu celebrar, tras a negativa do socialista Carlos Príncipe a seguila apoiando. Contodo, Sendón recoñece que naquel momento a valoración da fotografía xa cambiara moito. “Boa parte dos obxectivos da Fotobienal estaban cumpridos, porque nesa época entrou nos museos e hoxe en día é moi difícil visitar un museo e non encontrar varias salas dedicadas á fotografía”, comenta Sendón.
Aquela primeira edición fora organizada polo colectivo Can Branco, do que formaban parte, ademais de Sendón, Xosé Luís Suárez Canal, Vítor Vaqueiro, os tres vigueses, así como os coruñeses Xoán Piñón e Manuel Vilariño. “Nos anos cincuenta naceran agrupacións fotográficas nas diferentes cidades, que duraron até case os setenta, un tema sobre o que eu realicei a miña tese de doutoramento”, explica Sendón, “pero non había unha visión galega, por iso procuramos que na Fotobienal participasen cando menos vigueses e coruñeses. Ademais, naquel momento, a fotografía na Coruña ía máis avanzada e os fotógrafos xa estaban mellor organizados”.
A partir da seguinte mostra, a Fotobienal estivo xa comisariada por Sendón e Suárez Canal. Converteuse nun acontecemento na cidade. Miles de persoas pasaban pola Casa das Artes, antigo Banco de España, para visitar as distintas salas. Sendón e Suárez crearon tamén moi pronto o CEF, Centro de Estudos Fotográficos, que aínda existe, malia que en estado de hibernación.
A Fotobienal traballa, sobre todo, en dous planos, o vínculo coa fotografía internacional e a recuperación da foto histórica que estaba esquecida. “Non había conciencia de que tivese valor”, di Sendón. “A xente limpaba o faiado e botaba as placas ao lixo”.
Que era até aquel momento a fotografía? “Pois, por unha parte, había os concursos e pola outra estaban as propias máquinas. Poderíase dicir que oscilaba entre unha especie de deporte e, no tocante ás cámaras, un obxecto de consumo. En todo o caso, non se consideraba parte da cultura”.
Sendón insiste na máxima que sempre o orientou: “Sensibilidade co propio e diálogo co universal”. A partir da segunda edición, comezan a visitar Vigo algúns dos fotógrafos máis importantes do mundo. “En 1986 viñeron William Klein e Martin Parr, que nunca antes estiveran no Estado español. O proxecto Vigovisións consistía en que a cidade fose fotografada por fotógrafos estranxeiros e tamén por un galego. A exposición central era a dedicada a un autor internacional importante. Na década dos noventa, viñeron moitos que formaban parte do que se chamaba, sobre todo no mundo anglosaxón, posmodernidade crítica, en contraposición coa posmodernidade española, a movida para entendérmonos, máis conservadora. O californiano Allan Sekula, que morreu o ano pasado, foi un deles. Tamén estivo o brasileiro Sebastião Salgado, que segue traballando. No apartado de foto histórica, comezamos por recuperar o arquivo Pacheco. En anos sucesivos, incluímos outras seccións, creamos bolsas para novos creadores, etc.”.
Hai trinta anos a fotografía non era unha arte recoñecida en Galiza, pero tampouco no exterior, de modo que conseguir a visita de fotógrafos de calquera parte do mundo non resultaba tan custoso como resultaría agora. Por outra parte, non existía aínda a obriga de asegurar as obras. E, en terceiro lugar, aumentou o tamaño das imaxes expostas, o que encareceu o transporte. O conxunto destes cambios indícanos que organizar hoxe unha Fotobienal, de calidade equivalente, esixiría un orzamento bastante máis elevado.
Hai espazo para a fotografía fóra dos centros de arte? Sendón pensa que si e céntrase en tres ámbitos: “continuar coa recuperación da fotografía histórica, proxectos como Vigovisións e o apoio á xente nova”.
Hai espazo para a fotografía fóra dos centros de arte? Sendón pensa que si e céntrase en tres ámbitos: “continuar coa recuperación da fotografía histórica, proxectos como Vigovisións e o apoio á xente nova”.
A crise bloquea a Casa da Fotografía e a edición de libros
Vigo conta, na súa zona vella, cun edificio destinado á fotografía que leva anos pendente de ser inaugurado. A crise veu dificultar calquera actividade. O propio Centro de Estudos Fotográficos deixou de incorporar contidos á súa páxina web e a súa sección editorial, a única editora en exclusiva de libros de fotografía de Galiza, cuns corenta títulos editados, está parada. O último libro que tirou da imprenta foi Pano de fondo, que leva data do 2010.
Dentro da súa colección Album, o CEF editou a autores galegos xa clásicos, como Suárez, Pacheco ou Virxilio Viéitez, e na colección Do Trinque, máis de vinte fotógrafos contemporáneos recoñecidos, tanto galegos como doutros países. A maiores, hai que contar con algúns outros títulos fóra de colección.
“O libro de fotografía nunca foi fácil de vender en libraría”, recoñece Sendón. “A saída estaba en realizar exposicións, nas que o libro funcionaba como catálogo. A crise deu lugar á case completa desaparición das exposicións, non só en Galiza, senón en todo o Estado, coa consecuente perda de viabilidade dos libros”.
A fotografía é, en si mesma, un dos produtores máis importantes de nostalxia. Escoitando a Sendón, percíbese que agora a nostalxia rodea tamén eses anos nos que, sobre todo a través da Fotobienal, a arte fotográfica conseguiu elevar, en gran medida, a cultura da imaxe de miles de persoas que nunca antes tiveran contacto con ela, máis alá da foto publicitaria, familiar ou dos posados das realezas. A mostra viguesa xogou o seu papel e representou un punto de acceso á vangarda que dificilmente se volverá repetir á mesma escala. O traballo de Sendón e doutras persoas, como Suárez Canal, serviu tamén para que fotógrafos galegos como Virxilio Viéitez fosen coñecidos e difundidos a nivel internacional.
Sendón cre que hoxe habería que seguir recuperando arquivos, dándoos a coñecer a través de pequenas exposicións e informando a cidadanía do que se vai restaurando.
Dentro da súa colección Album, o CEF editou a autores galegos xa clásicos, como Suárez, Pacheco ou Virxilio Viéitez.
Para consultar na rede
Na páxina persoal de Manuel Sendón, o autor presenta os seus novos proxectos, como o actual Mil Ríos, en compañía de Fran Herbello, así como ineditoant, que comezou en 2008, dedicado a autores novos e que aínda está en activo.
Espazo do Centro de Estudos Fotográficos.