Marcos López Concepción e Erica Couto na final do Torneo Punto e Coma
Marcos López Concepción: “Auguro un Torneo de Duelistas tipo ‘Battle Royale’ na illa de San Simón’
Vostede chegou á final tras pasar unha fase de grupos e dúas eliminatorias. En pouco tempo tivo que escribir un feixe de relatos. Está afeito a este alto ritmo de escrita?
Participei nalgún obradoiro literario no que sobre unha idea calquera había que espremer a inventiva nun máximo de cinco minutos. Un par de veces con Francisco Castro, que nos facía traballar como galeotes. Tamén con Clara do Roxo. Logo nun grupo de Facebook que se chamaba “Sala de Tortura” faciamos algo parecido, un de nós escribía o inicio dun texto e os demais rematabámolo en pouco tempo, cada quen achegaba o seu final e comentábase. Era un bo xeito de sacar adiante microrrelatos que quizais non no momento, pero si con repouso, podían acabar en mellores historias. O Torneo de Biosbardia ten os ingredientes desas experiencias dentro dun formato de concurso, o que lle dá bastante chispa, como ben se viu na final do ano pasado e en cada rolda que vai sumando este ano.
Chega á final nun torneo no que participaron varios autores publicados. Como valora o nivel deste II Torneo de Duelistas Punto e Coma de Biosbardia?
Que teñas publicado algo non presupón nivel nin calidade á hora de escribir nos duelos (tampouco fóra dos duelos). Iso importa pouco. No torneo en cada rolda todos partimos de cero e o resultado depende de moitos factores. O experimento é democrático e popular e dá resultados óptimos. Eu engadiríalle ao torneo un subtítulo con ese lema: “Torneo Biosbardia. Democrático e Popular”.
Segundo o seu punto de vista debería dárselles continuidade aos “Duelistas”?
O concurso sería triste que non tivese continuidade, pero depende dos folgos do organizador e logo de dar cun grupo de persoas que lles guste escribir, sen complexos. Que acepte de bo grado as críticas. Rotar participantes é fundamental para non caer na endogamia. Remudar xente en cada nova edición. Auguro un Torneo de duelistas no futuro, tipo Battle Royale na illa de San Simón, onde os que perdan sexamos botados á ría de cabeza. Iso ou unha escolma dos mellores relatos tamén estaría bárbaro. A ver se algún produtor televisivo ou editor afouto se animan.
Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?
Esta pregunta parece moi así de dicir algo serio e meditado. Desde o punto de vista de escribir, que é unha actividade ególatra, diría que é moi divertido que a xente lea o que fas. Poñéndome do outro lado o único que espero é que, máis alá da obriga de ler, os demais participantes se entreteñan cos meus relatos. Unha finalidade na literatura, a do simple entretemento, que en certos círculos parece que está mal vista.
Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival.
Creo que este ano hai máis variedade e máis relatos notables que no anterior. Moito onde escoller. Sen orde de preferencia.. o da torta de queixo de Sabela, o da santa compaña de Botana, o da parella do futuro de Amador, as carrachas humanas de Lois, o das tripas de Adrián…, Rataleón, o do boxeador de Fran… algún deixo atrás. Houbo tamén contos que fixeron carambola como o do reloxo Enicar ou o dos nazis da gramática que deixaron pegada noutros. Ese tipo de xogos, de contos que incorporan ideas doutros é interesante e creo que debe manterse (a pequena escola de plaxio, hehehe… que lle chama Pablo F. Barba). De Érica direi, para meter presión, que estou seguro que se vai superar. Fixo moi bos contos pero o seu mellor relato vai ser o que escriba na final.
Que modificacións propón vostede para futuras edicións da competición en Biosbardia?
Sen desmerecer a mochila de Punto e Coma o premio debería ser en metálico. E os comentarios retribuídos. Sobre todo cando superan en extensión os relatos que comentan. Teño outras ideas boas pero creo que estas dúas rozan a excelencia e son dignas de ter en consideración.
Érica Couto: “Deberían participar nas votacións persoas de fóra do torneo”
Vostede chegou á final tras pasar unha fase de grupos e dúas eliminatorias. En pouco tempo tivo que escribir un feixe de relatos. Está afeito a este alto ritmo de escrita?
Estou afeita a escribir baixo presión, que non sempre é boa cousa. Curtinme no mundo académico, que se sostén sobre un sistema baseado no factor de impacto (unha gran mentira, por certo) e nas datas de entrega. Mais ter o hábito de escribir cun reloxo de area a carón miña non me asegura que os resultados da escrita sexan decentes, sobre todo se falamos de escrita creativa.
Chega á final nun torneo no que participaron varios autores publicados. Como valora o nivel deste II Torneo de Duelistas Punto e Coma de Biosbardia?
Altísimo e moi satisfactorio. Houbo calidade na forma e no fondo. Eu creo que se cheguei á final foi por unha combinación de factores casuais que non sempre tiveron a ver coa calidade do relato. Polo camiño quedaron compañeiros e compañeiras cunha capacidade creativa e un dominio da lingua que xa me gustaría ter a min. Tamén me sorprenderon os participantes máis novos (en anos, que non en experiencia nin en potencia creativa).
Segundo o seu punto de vista debería dárselles continuidade aos “Duelistas”?
Un si grande coma unha catedral. O torneo merece ter continuidade. Cos duelos que organiza Biosbardia fainos un regalo inmenso aos escritores ou aspirantes a tal. En cada fase do torneo temos 15 persoas que non só len o noso relato senón que o analizan do dereito e do revés. A análise cobre o léxico, a sintaxe, a narratoloxía, a creación de personaxes e, como non, tamén lle dá voz á idiosincrasia persoal de cada comentarista. A maioría de escritoras non temos a sorte de ter a man 15 persoas que fagan semellante traballo con cada un dos nosos relatos. Os “Duelistas” achegan unha gran cantidade de puntos de vista, pistas e consellos para facermos dos nosos escritos pezas moito máis efectivas. Ademais, os duelos tamén axudan a abrir debates, a afinar o sentido crítico (e autocrítico, tan necesario) e, quero pensar, tamén a crear redes de colaboración.
Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?
Non sei se lles deixei algo de proveito aos compañeiros e compañeiras, espero que si. Se teño que ser sincera, son eu a que tira beneficio da valía dos outros duelistas e non á contra.E máis que valores literarios (que tamén), o que me queda do duelo é un sentimento de pertenza e de recoñecemento baseado na paixón común por ler e escribir.
Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival.
Hai moitos relatos cos que gocei, e de todos aprendín algo. “Nota xunto ao reloxo Enicar” e “Desquite” están entre os meus favoritos. Pero se toca quedar con un, elixo “A marreta do canteiro” de Marcos López Concepción, case empatado con “123456789”. Ler un relato que non soe a texto escrito paréceme unha proeza, e Marcos conseguiuno na semifinal.
Que modificacións propón vostede para futuras edicións da competición en Biosbardia?
Penso que sería interesante integrar nos duelos a opinión de persoas lectoras fóra do duelo, aínda que non sei se iso complicaría o sistema de avaliación e votación. Paréceme que a organización do torneo xa ten traballo dabondo!
Moitas grazas a Biosbardia por esta entrevista que, a verdade, gustoume moito ler. Gústanme as respostas dos finalistas.
O primeiro que me chama a atención son as súas fotos, porque non os vira antes. Si, pasei moito das biografías e iso tróuxome problemas varios. Hahaha. Non mos imaxinaba exactamente así, pero supoño que chegados á última semana, vai sendo hora de poñerlles cara…
Agradezo inmensamente que os meus nazis da gramática estean nomeados por aí. Tamén agradezo da entrevista primeira que se fale de retribución nos comentarios. Eu, quen máis problemas tivo para entender as bases do certame e que tivo que contar coa paciencia inmensa de Guillermo Rodicio Cimadevilla e César Lorenzo Gil para logralo, imaxinades que me decato a estas alturas que me debedes unha millonada? Sería moi guai non ter entendido esa parte da base, logo das horas e caracteres que pasei intentando servos de axuda. Hahahaha.
Paréceme interesante que un insista na necesidade de reciclaxe e a outra na necesidade de votacións externas. Son ideas interesantes a ter en conta, aínda que penso, como Couto, que a organización xa ten traballo suficiente por-amor-á-arte. O que si me parece precioso e esencial é destacar que tivemos a sorte de ser lidos por 15 persoas (mínimo) semanalmente que perderon (para ben ou para mal) o seu valioso tempo en lernos e, con sorte, comentarnos. Iso é o mellor que, a falta de gañador na final, xa levamos todos. O da mochila paréceme que é por pór unha cor á bandeira de chegada, mais mudar esa bandeira se cadra sería mudar a base que consolida o certame. O premio podería ser unha bolacha e eu tería participado igual. Exactamente igual.
Desde a primeira semana, pensei que Marcos chegaría á final e non sabía con quen. Dixen, de feito, iso: «na final vai estar Marcos contra… non o teño claro aínda». Como sempre digo, non son bruxa, pero comeza a preocuparme a floración de verrugas no nariz. 🤔 Porén, Erica non me tiña gañada desde o comezo, pero foime gañando. E vaia se me gañou! Gañoume ben! Alédome moitísimo moitísimo moitísimo de que estea na final. Para min, chega á final con ela un dos mellores exemplos deste certame, que penso que aproveitou das que máis.
Agardo dos dous un duelo fantástico que me deixe dúbidas cando expoña os meus argumentos sobre o bo e o malo dos relatos e toque decidir o voto final. Mándovos presión (e tamén ánimo, inspiración e, de paso, unha aperta).
Merecidos finalistas. Desta final van saír chispas da pantalla!
Boa sorte aos dous, ou sexa, que sexan bos relatos! Así nos beneficiaremos todos.
Parabéns aos autores, merecidos finalistas.