‘Margaridas no ceo’ vs ‘O exame’
Xornada 5 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Fran Fernández Davila e Ana Vigo.
Margaridas no ceo
Fran Fernández Davila.
Ai, puis gustarache ise, pero o que non sabes é que o primeiro tractor que labrou en Galicia fíxose aquí, mutio antes de que chegasen dos Estados Unidos os John Deere ou se fixese a fábrica dos Ebro en Barcelona.
E fui alá polos anos vinte, aí mesmo, na parroquia de Cancelos, cando a Pepe Pinzás, alcumado o Ferreiro, se lle ocorreu enganchar as rodas dun carro ao vello Hispano-Suíza que deixaran na mina os alemás. Günter, puxéronlle ao aparello, en recordo dun oficial mui cruil e avarento que apareceu un día co cranio furado na carricova.
O raio de Pinzás encheu o tractor de margaridas e montado nil fui a xunta do Xenaro, o Queimacasas, por mor de falarlle, dispensando, da súa filla mediana e pedirlle licenza para acompañala á festa o día do patrón. O probe do vello non fui quen de negarse, como era a tradición cos primeiros muinantes que roldaban as mozas, porque tanto se lle abriu a boca que lle saíu a queixada dos gonzos e houberon de levalo ao doutor nise mesmo intre no aparello que tanto aglaio lle custou.
E fui así como Pepe, o Ferreiro, gañou nun día fama e sogro e muller e profesión. Que muitos cartos lle dou o Günter arando as leiras e as veigas de toda a comarca. Tantos que nin il nin a filla mediana do Queimacasas precisaban traballar os domingos pola tarde e inventou unha cousa chamada vacaciois, que era coma non facer ren en toda unha semana ou un mes ou marchar de viaxe sen levar o gando para vender, só por aquilo de saber dos sitios e apañar nas flores que gostasen das beiras dos camiños. Que para iso artellou Pepe, o Ferreiro, unha casa con rodas, que non era máis que un carro vello que lixou e pintou e lle puxo paredes e portas, e mesmo un teito cun mainil por onde a parella e todos os fillos que despuis lles viñeron contaban as estrelas de agosto disque nas praias de Portugal.
Despuis chegou a guerra, a condanada, e o Pepe houbo de fuxir para Asturias e máis lonxe, que seica o puxeron de mecánico de aviois en Bilbao e acabou pilotando. Na casa da costureira, garlábase que era il o que facía o ruído de nuite co avión, coma se pasase o tractor por riba das casas, e que o eido da Manuela amencía inzado de margaridas e chiculate para os fillos. Eu nunca tal vin, pero o caso é que non durou.
Uns din que morreu no frente, outros que se estrelou. Non sei. Uns anos despuis, Manuela e os fillos marcharon para a América, que os reclamou un curmau co que casou por poderes e nunca máis se soubo.
Pero aquí, entre nós, eu creo que a Pepe Pinzás, o Ferreiro, o colleron os americanos para facer foguetes, porque xa daquela il sentaba polas nuites coa filla mediana do Queimacasas a debuxar floriñas disas sobre a lúa, montados no tractor.
………………………………………………………….
O exame
Ana Vigo.
Seu pai descubrírao vendo unha película de medo, e mandárao para a cama no acto. Era moi pequeno, dixera, tería pesadelos. Anxo non conseguía pechar os ollos, dáballe voltas ao exame do día seguinte. Se suspendía, quedaría sen viaxe de fin de curso.
Non puidera estudar por culpa do seu irmán. Vivían parede con parede, e o mangallón convidara a súa moza a pasar a tarde na casa. Facíao acotío, e Anxo sempre procuraba marchar para o cuarto da consola. Pero naquela ocasión non lle quedara máis remedio que escoitalos. Que ruído facían, vaia xeito de berrar!
Se cadra si sufría un pesadelo, volvía a sentir as súas voces odiadas a torturar os seus oídos. Ergueuse e espreitou pola fiestra: chegaban de festa, estaban a despedirse dun par de amigos. A xulgar polos seus movementos, ían bébedos. Viu o seu irmán cambalearse e caer, e como todos escachaban a rir.
Anxo vestiu a cazadora por riba do pixama. Baixou as escaleiras, colleu as chaves da mesiña do salón e saíu da casa. Era pequeno de máis para ver películas de medo, pero non para poñer o tractor en marcha. O seu tío ensináralle aquel verán o básico para evitar que o seu irmán e aquela rapaza estragasen o seu sono.
Ao día seguinte fixo un exame brillante. Conseguira descansar ben pola noite e espertar con enerxías. Tamén debía admitir que tivera sorte coas preguntas. Voltou ledo á casa, planeando a viaxe cos compañeiros e preparado para presumir diante dos pais.
Encheuse de indignación ao comprobar que non lle facían caso. Os adultos estaban ocupados en chorar sobre os corpos e falar coa policía do atropelo daquela madrugada.
E tremenda foto para acabar. Gústanme moito os duelos onde se enfrontan dous xéneros distintos, sacan a relucir o bo de cada un e valorar volvese un dor de cabeza, ao non poder comparar recursos. Igual é que son un pouco masoca, pero son dos que máis me gustas, así que grazas aos autores¡ A imaxe é unha pintura non? Ou un filtro deses do demo.
Como vai escalando Margaridas no ceo. Comeza como o típico conto de taberna, que xa é bo por si solo, pero é que ademais súmalle unha historia ao caldeiro, unha personaxe e unhas escenas que, a verdade, chegan á pataca. Lin o conto indo para o traballo e foi capaz de determe a penar no bonito que era, que non é pouco. Non sei por que en concreto, supoño que é o ton xeral que conseguiu o autor ou autora, pero este conto vouno recordar moito tempo. Moitas grazas pola lectura.
Non sei que ten O exame que me deixou desconcertado. Creo que é a máxima expresión do de se ensinas unha escopeta despois tes que disparala. Paréceme ben feito como introduce á acción, pero igual se podía tratar doutra forma o final. Aínda así, téñolle que perdoar todo a un relato onde non só se atropela unha vez cun tractor, senón que é double trouble. Que marabilla.
Ao final tiro polo bonito. O meu voto vai para Margaridas no ceo.
Que distintos! E que difícil é así!
“Margaridas no ceo”: son unha queixona e cando a fala informal non é coma a que eu coñezo cóstame entrar, pero iso é culpa miña todo. Aínda así, encantoume a historia, moi de tasca e de ti a ti.
“O exame”: cousa macabra… Gustoume ese desprendemento atroz, aínda que non sei se lle acae ao comezo. Nesas estou… A idea encántame pero o tempo confúndeme. É de noite? Aínda non? Cando saíu o irmao? Daquela no canto de estudar púxose a ver a peli para logo queixarse de que non estudou porque non lle deixaron? Ainsh.
O meu voto vai para “Margaridas no ceo”.
Aquí teño unha dúbida existencial. Pásame que me dou conta que margaridas no ceo está máis labrado 😜 por técnica creo que supera o seu rival, fantástico o exercicio de imaxinación e o estilo requintado, pero personalmente o personaxe central (non tanto o que se conta) deixoume algo fría, pareceume algo baleiro, mesmo a fala informal como lle pasou a Sabela (valoración personal tamén?), curiosamente, non me fixo máis próxima a historia que recoñezo ten partes moi bonitas. O exame sen estar en apariencia tan traballado (digo en apareincia, porque facer cousas boas de xeito sencillo tamén leva o seu traballo) paréceme que ten un personaxe con moita forza. ese neno cainita que fai unha tractorada criminal por envexa ou simplemente porque non o deixan descansar para un exame que ten que aprobar, e non para sacar o curso adiante, (o que quere é aprobar para ir de excursión!! ))está moi ben conseguido (e aproba porque tivo sorte coas preguntas 🤣🤣 ou sexa que podería aprobar igual sen o que fixo…) Non sei. Logo de lelos o outro día gustoume máis O exame. Unha trastada moi divertida. Repasando hoxe paréceme formalmente mellor margaridas no ceo. se alguén con máis experiencia quere dar algo de luz sobre estás dúbidas cando se vota, vou lelo encantado. É dicir: estar dividido entre corazón e cabeza. Haberá como unha táboa para dicir este conto de 10 cousas a valorar: un 8. e o outro de 10 cousas que debe facer ben, pois un 7?. Voto desta vez por O exame.
Esta foto si que me gusta, mira ti. Non tanto polo tema que pode propoñer senón como que hai varios elementos nela que poderían inspirar outras posibilidades (o fondo americano, a bicileta), deu para dous relatos ben feitiños.
Margaridas no ceo. Vexo varias cousas ben pensadas e ben aplicadas neste conto. A nivel de referencias, faime pensar un pouco no “Xente de aqui e de acolá” de Cunqueiro, contos que ademais teñen a lonxitude destes do noso torneo. A nivel técnico de narración está ben traballado, a maneira en que xungue o foráneo co propio é divertida, o final coa referencia á nasa deixa moi bo sabor de boca. En xeral ben. Nos puntos frouxos, estou con María en que ao final falta conectar en certas partes, como que o foco está un pouco lonxe, é o difícil de coller esta perspectiva como de conto de oídas, pode perder forza ao non poñer toda a carne no asador. Por outra banda, está o tema da lingua. Estou coas compañeiras en que non me gustou. Creo que non ten que ver tanto coa isoglosa en concreto que emula, que eu podería sentir máis propia hahahaa, senón porque creo que hai certa inconsistencia: non sei, o texto quere sentirse literario e popular a un tempo e queda nun punto medio un tanto incómodo para min, séntese un pouco impostado. De tódolos xeitos, aprecio o intento, facer cousas coa lingua tamén é intentar incorporar discursos que non son o de un mesmo.
O exame. Un conto de estrutura férrea, cunha anecdota que é simpática, con ese neno asesino polo agobio e os adolescentes mortos polo ruido da súa paixón. A nivel persoal deixoume un pouco frío, non acabei de sentirme transportado a ese lugar nin ás emocións, pasa o conto e non sabes moi ben que sentir. Tamén sen ser estritamente predicible, si que o final que se resolve co asasinato parece un pouco tópico, non sei. Creo que se confía moito na idea da trama aquí e non hai moito risco na lingua, xa sexa por estruturas nas frases ou por figuras literarias. É certo o que comentan por aí que non é doado facer cousas sinxelas, o risco é quedar un pouco nu. Con todo, non é mal conto, fáltalle un pouco de punch creo eu, que se poderia buscar.
Voto por Margaridas no ceo.
Non sei ben que me pasou neste duelo. Lin con gusto os dous relatos, mais ningún me tocou a fibra. Pido perdón se os meus comentarios non lles fan xustiza.
‘Margaridas no ceo’: estilo impecable, estrutura limpa e unha manchea de imaxes ben construidas. Porén, e como xa dixeron algúns compañeiros, ten un puntiño artificioso, de exercicio de lucimento, que non me axuda a conectar afectivamente co narrado.
‘O exame’: moito máis sinxelo e lineal co seu competidor, o que máis me gusta deste relato é ese final que, na súa brevidade, amósanos un Anxo (o nome acáelle estupendamente) que é un psicópata feito e dereito, sen remorso ningún polo que acaba de facer. O contraste entre o inicio do relato no que o pai lle prohíbe ó rapaz ver unha peli de terror e ese final brutal, no que a realidade cotiá supera a ficción, está moi logrado.
O meu voto vai para ‘Margaridas no ceo’.
‘Margaridas no ceo’ Tan só incrible, un uso impecable da representación da linguaxe oral e cunha narración que transmite unha historia tremendamente imaxinativa pero moi cercana.
‘O exame’ Sorprende moito polo final estilo Halloween, está moi ben narrado (Non hai que fiarse dos Anxos)
Meu voto vai para ‘Margaridas no ceo’
Grazas polos vosos votos e sobre todo polas críticas. Valóroas moito, sobre todo aquelas que apuntan cousas a mellorar. Unha delas son as personaxes. (Acento texano) “Estamos trabajando en ello”. Semella unánime a opinión de que teño que traballar moito nese punto e que a isoglosa non está ben desenvolvida. Seguirei rompendo os cornos xa que é un terreo que quero explorar.
Parabéns a Ana polo seu relato. Ela si creou un personaxe completo con catro trazos. Aprendo de vós en cada texto.