BiosBardia

O país dos libros en galego

María Alonso Seisdedos: “Traducir ao galego non é encher de palabras galegas un libro”

María Alonso Seisdedos. JOSÉ GORÍS.

No capítulo sétimo de ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’ César Lorenzo Gil entrevistou a tradutora e escritora María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961), coma sempre na libraría Cartabón, que patrocina esta sección.

Alonso Seisdedos repasou a súa traxectoria profesional. Desde o seu desexo de ser bióloga cando nena á súa entrada no mundo da tradución cando empezou as súas emisións a CRTVG e se fixeron necesarias traducións de textos para logo dobrarse.

Con todo, a tradutora manifestou a súa querenza pola tradución literaria, actividade á que se dedica principalmente desde hai case vinte anos e pola que recibiu moitísimos recoñecementos e premios, incluído o Premio Nacional do Ministerio de Cultura de España no 2013 pola súa participación na tradución do Ulises, de James Joyce. Contou como curiosidade que mentres estaba a traducir esta obra, considerada como das máis difíciles de traducir, compaxinábao coa tradución de capítulos de Walker. Texas Ranger, a famosa serie protagonizada por Chuck Norris.

“Traducir ao galego non é encher de palabras galegas un libro. É a sintaxe, é a fraseoloxía. Iso é o que dá sabor a galego”, explicou.

Durante a conversa houbo tempo tamén para falar da súa primeira novela publicada como autora, As Jermaine (Galaxia, 2024). “Este libro escribino por un compromiso. Se vas ver a quen está dedicado, ese Xema que hai aí é Antón Viale e a novela está dedicada a el. De feito, foi un regalo que lle fixen por todos estes anos de colaboración”. “El ensinoume esa foto [a da portada] nunha das excursións que facemos todos os anos e explicoume quen eran as que saían na foto. Na realidade son cinco, pero había unha que non quería saír nas fotos. E quizais porque eu era das que tampouco querían saír na foto, aquela historia agromou en min”.

A entrevista pódese ver e oír no Youtube, en iVoox e no Spotify.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *